A oitava edición dos galardóns, que pasan a denominarse Premios Youtubeiras+, desenvolverá baixo o lema Fachenda ao cadrado
Os Premios Youtubeiras naceron en 2017 para fomentar a creación de contidos dixitais en galego na máis importante plataforma de difusión de vídeos do mundo, Youtube. Despois de sete edicións promovendo e visibilizando os perfís de persoas xeradoras de contidos neste portal, os galardóns dan un paso adiante e medran para incluír tamén os contidos (e os seus creadores e creadoras) de TikTok, a plataforma líder entre a mocidade e especializada en vídeos de curta duración.
O evento organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña vén de abrir o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema Fachenda ao cadrado e que pasan a denominarse Premios Youtubeiras+. En 2023 participaron 68 canles de YouTube con vídeos que supuxeron máis de 32.000 novos minutos en galego en YouTube.
O prazo de inscrición está aberto ata o remate do día 15 de novembro. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas
Os premios, cuxas bases poden consultarse na web, repartirán 7.500 euros entre as gañadoras e gañadores de sete categorías: canle de Youtube, canle de Tiktok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e premio do público. Para este último galardón, o Premio do Público, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal.
O prazo de inscrición está aberto ata o remate do día 15 de novembro. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras.
“Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua"
En rolda de prensa Cristina López, vicerreitora de igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, explicou que “Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua".
Na presentación partciparon tamén a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz; o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude do Concello de Oleiros, María José Santos Zas. A rexedora de Teo incidiu igualmente en que “Youtubeiras+ evoluciona e cambia constantemente”.
Baixo o título Fiadeiros dixitais, impartiranse obradoiros en centros de ensino medio dos concellos organizadores e campus universitarios cos obxectivos de dar a coñecer o que se se está a facer na Rede no noso idioma, mostrar referentes e incentivar a creación de vídeos en galego
Na rolda tamén se presentaron as actividades formativas de Youtubeiras+. Baixo o título Fiadeiros dixitais, impartiranse obradoiros en centros de ensino medio dos concellos organizadores e campus universitarios cos obxectivos de dar a coñecer o que se se está a facer na Rede no noso idioma, mostrar referentes, incentivar a creación de vídeos en galego e fomentar o seu consumo nas novas xeracións. Estes obradoiros serán impartidos por Mario Brión, coñecido pola súa canle Olaxonmario; María Rúa, da canle Pradorua; Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío; Laura Veiga, da canle Pingando, e Carlos Vieito, presentador do podcast de vídeo Exército Mekemeke.
En 2017 participaron 202 vídeos, mentres que en 2020 se acadaron os 536. A partir de 2021, os galardóns centráronse nas canles máis que no groso dos vídeos. Así, en 2021 presentáronse 38 canles e en 2022 concorreron 75
O xurado dos Premios Youtubeiras+ estará conformado por Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual.
En 2017, ano da primeira edición, rexistrouse unha participación de 202 vídeos, mentres que en 2020 se acadaron os 536. A partir de 2021, os galardóns centráronse nas canles máis que no groso dos vídeos. Así, en 2021 presentáronse 38 canles e en 2022 concorreron 75.
Nesta edición incorpóranse á iniciativa os concellos de Ferrol, Oleiros e Narón
Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.
Nesta edición incorpóranse á iniciativa os concellos de Ferrol, Oleiros e Narón. Na rolda de prensa, María José Santos Zas, concelleira de Oleiros, destaou que “sumarnos a unha iniciativa como Youtubeiras+ amosa o noso compromiso tanto co galego como coas persoas que están a crear contidos no noso idioma, xente maioritariamente nova que está a abrir novos camiños para a lingua, pero tamén para a creación artística e para a divulgación".