Este venres, Día das Letras, a plataforma Queremos Galego chama a manifestarse en Compostela baixo o lema 'Un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva', unha marcha que comezará ás 12 horas na Alameda
Este venres, Día das Letras, a plataforma Queremos Galego chama a manifestarse en Compostela baixo o lema 'Un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva', unha marcha que comezará ás 12 horas na Alameda e que reclamará accións a favor do galego en todos os ámbitos, "para reverter a situación de emerxencia lingüística".
Este ano a tradicional mobilización do 17 de maio fai especial fincapé no incumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado hai vinte anos por unanimidade. O manifesto da marcha, que será lido ao seu remate pola actriz María Vázquez, fai fincapé na falta de aplicación dunha parte importante das medidas do Plan nestes 20 anos que "non só non se desenvolveron, senón que sufriron importantes retrocesos".
Esta semana quince creadores e creadoras de contidos do país publicaron un vídeo conxunto animando a cidadanía galega a participar na mobilización, incidindo nalgunhas das demandas e críticas que a plataforma pon sobre a mesa, e cun berro común, enunciado por Blondimuser: "queremos vivir en galego con normalidade", unha reclamación acrecentada por Gabi García, que afirma que no 2024 "será hora de que poidamos facelo".
Esta semana quince creadores e creadoras de contidos do país publicaron un vídeo conxunto animando a cidadanía galega a participar na mobilización
Pola súa banda, Paula Jorge lembra que xusto este ano fan 20 anos da aprobación do plan de normalización, altamente incumprido, como di Prado Rúa. Mentres, Leti da Taberna fala dos retrocesos e Cessarrg persoalízaos no "proceso desgaleguizador" vivido pola xente nova.
Porén, tamén hai mensaxes en positivo, que dan conta da vitalidade da lingua e da cultura galega. Así, por exemplo, Laura Franco afirma que "estamos no mellor momento da creación en galego" e Rodri Míguez engade que "vivimos o mellor momento musical e de creación de contido da historia", ante o que Patri B. Dopazo pide que "iso se extenda a todos os ámbitos".
Este ano a tradicional mobilización do 17 de maio fai especial fincapé no incumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado hai vinte anos por unanimidade
Alexia Mariño concreta esa demanda pedindo "un galego vivo na administración, nos servizos públicos e na xustiza" e Recuncho Médico, "un galego vivo na sanidade e nas relación comerciais". Neste sentido, Olaxonmario di estar "farto" de que non o atendan en galego.
Finalmente, Helena Cousas rarísmas recorda "a pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares", que "de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos", segundo denuncia Todomalva.
Pechan o vídeo Sara Seco Rial e Yeison, lembrando que "sobran os motivos para manifestarnos o 17 de maio ás 12 de mañá na alameda de Compostela".
"Estamos no mellor momento da creación en galego", destacan
Na web da plataforma Queremos Galego pode consultarse a oferta de autobuses que ese día realizarán cun prezo simbólico (5 euros) desprazamentos de ida e volta a Santiago dende A Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, A Mariña, Pontevedra, Ferrol e Vilagarcía de Arousa.