OU Ké!, Recuncho Gamer, O faiado Podcast, todomalva GZ: os Premios Youtubeiras 2023

Gala dos premios Youtubeiras 2023 © Concello de Santiago

O Teatro Principal de Compostela acolleu este sábado a gala de entrega da edición 2023 dos Premios Youtubeiras, iniciativa dos servizos de Normalización Lingüística de concellos, deputacións e universidades

O Teatro Principal de Compostela acolleu este sábado a gala de entrega da edición 2023 dos Premios Youtubeiras, iniciativa dos servizos de Normalización Lingüística de concellos, deputacións e universidades para fomentar a creación en galego. A entrega dos oito galardóns en que se divide o certame, con mil euros de premio en metálico cada un agás o do público, con 500 euros, foi conducida por Nuria Vil e Gabri Fuentes e contou coa actuación de Mondra. Este é o palmarés:

  • Premio Canle: OU Ké! O xurado escolleu esta canle pola “súa profesionalidade, a súa calidade técnica e o seu coidado na estética”, así como polo seu “impacto”, pola súa “integración entre os medios de comunicación” e “pola súa pluralidade de voces”. 
  • Premio Youtubeira: Recuncho Gamer. O xurado salientou a súa ampla “actividade en todas as redes”, a súa “orixinalidade” e a súa vontade de “incorporar referentes doutros ámbitos no mundo dos videoxogos para lle dar maior visibilidade”. 
  • Premio Youtubeira Revelación: O faiado Podcast. O xurado puxo en valor a súa capacidade parar “xerar espazo para a cultura pop en galego” e “chegar ás xeracións máis novas”. Tamén subliñou a súa aposta por “crear un universo transmedia con presenza nas tres redes empregadas pola mocidade (instagram, tiktok e youtube)”. 
  • Premio Vídeo: Unha fin de semana en londres, da canle todomalva Gz. O xurado destacou a súa capacidade para “transmitir tanta intimidade nun vídeo”, así como a súa “orixinalidade no formato e a construción do relato”.
  • Premio Calidade Lingüística: olaxonmario. O xurado recoñece na acta a súa “capacidade de difusión” e a súa “conexión coa lusofonía. Tamén valora “o coidado da lingua” e “a conservación dos trazos dialectais”.
  • Premio Pioneiro: FicaCoabola. O xurado gabou a “entrega e dedicación” desta canle para “xerar contidos e crear comunidade” ao redor da actualidade deportiva local. 
  • Premio do Público: Savia Nova. O xurado decidiu ratificar o vídeo máis votado proposto polo público: De Galicia a Namibia estudando guepardos. Na acta do xurado, “púxose en valor a calidade técnica, o impacto e a orixinalidade do tema tratado”. 
  • Premio Rede: Youtube en Galego. Por ser, a ollos do xurado, “unha canle feita para dar a coñecer e fortalecer as relacións entre persoas creadoras”. Nese senso, o xurado enxalzou o seu traballo anovador ao impulsar “un tecido asociativo arredor do youtube en galego”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.