Unha ducia de vídeos das finalistas aos Premios Youtubeiras 2023
O Teatro Principal de Compostela acolle este sábado a gala de entrega da edición 2023 dos Premios Youtubeiras, a iniciativa dos servizos de Normalización Lingüística de concellos, deputacións e universidades para fomentar a creación en galego no YouTube. Velaquí algúns dos e das creadoras finalistas nas distintas categorías, nunha edición que tivo como lema Rede aberta, Rede diversa!
-
01
Youtubeiras
Os gañadores e gañadoras coñeceranse este sábado na tradicional gala de entrega, que se celebrará este sábado ás 20 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Nuria Vil e Gabri Fuentes conducirán o evento, que contará coa actuación musical de Mondra.
Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago e Teo, da Deputación da Coruña e das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña. O proxecto busca fomentar a creación en galego no YouTube.
-
02
Cinema Caníbal
Un total de 18 finalistas aspiran a gañar algunha das oito categorías. Unha das categorías máis destacadas é a de mellor canle, na que as finalistas son OU ké!, Cinema Caníbal e Toxío.
Cinema Caníbal botou a andar no ano 2021 como un espazo de entrevistas emitido no que distintos persoeiros da cultura galega revelan os seus gustos cinematográficos. Se a segunda tempada se inaugurou con Xosé Ramón Gayoso, a terceira faino con Gonzo.
-
03
OU ké!
OU ké! é "un xornalismo que fai cousas", un medio dixital que leva un tempiño facendo cousas moi interesantes dende Ourense, falando de moitas cousas (e non só de política!)
-
04
Toxío
Toxío é, sobre todo, un espazo dedicado ás viaxes realizado por Sergio Casal e Nuria P. Espasandín, pero que tamén publicou outro tipo de vídeos, coma este Derrubando Xigantes, unha serie de minidocumentais que conta as historias humanas detrás do impacto dos macroproxectos eólicos en Galicia. Ademais de ser finalista na categoría de mellor canle, Derrubando Xigantes opta ao premio ao mellor vídeo.
-
05
Recuncho Gamer
Outra das categorías principais dos galardóns é o Premio Youtubeira, na que son finalistas Recuncho Gamer, Exército Mekemeke e Pingando.
Recuncho Gamer vai diso, de videoxogos, e faino en galego. en cada programa aborda un tema relacionado cos videoxogos, en ocasións coa presenza de convidadas, coma neste caso.
-
06
Exército Mekemeke
Exército Mekemeke é un programa presentado por Carlos Vieito acompañado de Lidia Veiga e Miguel Abad que se realiza na radio pública de Ames Radio.
-
07
Pingando
A terceira candidata nesta categoría é Pingando, unha canle realizada por Laura Veiga, xornalista especializada na educación e divulgación sobre o ciclo menstrual, que afonda nesta cuestión en todas as súas vertentes.
-
08
Pradorua: Seminario de Estudos Galegos, o centenario
Outra das categorías premia o mellor vídeo, un premio que pode gañar Toxío, pero tamén Pradorua con "Seminario de Estudos Galegos, o centenario", unha peza na que resumo a importancia desta iniciativa do galeguismo das primeiras décadas do século XX e que no 2023 celebrou o centenario da súa creación.
-
09
Malva: Unha fin de semana en Londres
O outro vídeo finalista nesta categoría é "Unha fin de semana en Londres", de Malva
-
10
Fica coa bola
Un total de 18 finalistas aspiran a gañar algunha das oito categorías e seis deles aspiran a levar dous galardóns neste 2023. Ademais de OU ké! (finalista en premio Canle e en premio Rede), Toxío (Canle e Vídeo), Recuncho Gamer (Youtubeira e Pioneiro), Prado Rúa (Calidade Lingüística e Vídeo), os outros finalistas dobres son Fica coa bola (Pioneiro e Premio do Público) e Savia Nova (Revelación e Premio do Público).
Fica coa Bola fala de fútbol galego: de Primeira, Segunda, Primeira RFEF, Segunda RFEF... e moito máis.
-
11
Savia nova
Savia Nova fala, sobre todo, de natureza e medio ambiente. O seu último vídeo analizou a crise dos pellets e os perigos que representan os plásticos para o mar.
-
12
Olaxonmario
Entre os restantes finalistas podemos destacar a Olaxonmario, unha das estrelas do youtube galego, candidato na categoría de calidade lingüísta.
-
13
Noticias dispersas
Noticias dispersas é finalista para o Premio do Público. Chega dende Ourense e preséntase como "o informativo máis manipulador de internet... ou non?"
-
14
O Faiado
Finalmente, na categoría de youtubeira revelación, temos a O Faiado podcast, un espazo que fala, sobre todo, de "cuestións relacionadas coa cultura pop, a cultura galega e outras de índole social", aínda que como eles mesmos recoñecen, "os temas van ir cambiando en cada episodio, porque aquí somos fans do caos que, ademais, caracteriza aos faiados"