Dúas das creadoras máis recoñecidas do momento no país, María Rúa, da canle PradoRua, e Nuria P. Espasandín, da canle Toxío, están a manter encontros co alumnado de institutos
Está en marcha a sétima edición de Youtubeiras, cuxo prazo de inscrición rematará o vindeiro 17 de novembro. Ademais dos galardóns que todos os anos se entregan nas distintas categorías, a iniciativa busca por outros medios acadar o seu obxectivo de "promover e visibilizar" os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos en galego na Rede.
Así, dúas das creadoras máis recoñecidas do momento no país, María Rúa, da canle PradoRua, e Nuria P. Espasandín, da canle Toxío, están a manter encontros co alumnado de institutos nunha xira de obradoiros que nunha primeira quenda visita centros educativos de Pontevedra, Moaña e Santiago.
María Rúa e Nuria Espasandín levan a súa experiencia ao alumnado e amósanlle á rapazada a realidade do galego como ferramenta de creación e posicionamento na Rede, as súas traxectorias como creadoras audiovisuais e as claves precisas tanto para coñecer este mundo virtual como para sumarse a el
Esta campaña de difusión polo sistema educativo principiou xa o pasado 27 de outubro no Colexio Plurilingue Calasancio e continuou o martes 31 no CIF Carlos Oroza, ambos os dous de Pontevedra. O pasado venres 3 de novembro as youtubeiras achegáronse ao IES As Barxas de Moaña e as seguintes paradas serán no IES Pontepedriña (Santiago, 10 de novembro), no IES Luís Seoane (Pontevedra, 14 de novembro), no IES Valle-Inclán (Pontevedra , 21 e 28 de novembro) e no IES Sánchez Cantón (Pontevedra, 24 de novembro).
Nestes encontros, que no pasado foron conducidos por Mario Brión ou Nee Barros, María Rúa e Nuria Espasandín levan a súa experiencia ao alumnado de centros pertencentes aos diferentes concellos que promoven o Proxecto Youtubeiras. Nestes encontros amósanlle á rapazada a realidade do galego como ferramenta de creación e posicionamento na Rede, as súas traxectorias como creadoras audiovisuais e as claves precisas tanto para coñecer este mundo virtual como para sumarse a el.
Esta xira de obradoiros nunha primeira quenda visita centros educativos de Pontevedra, Moaña e Santiago
Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, da Deputación da Coruña e da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña.
Os centros pertencentes aos concellos promotores de Youtubeiras pódense inscribir para participar nesta campaña de difusión a través do correo premios@yotuubeiras.gal.
Os Premios Youtubeiras manteñen aberto o prazo de inscrición até o vindeiro 17 de novembro. En total, o certame reparte entre as propostas gañadoras 7500 euros. Até o de agora, inscribíronse 33 canles para concorrer nesta sétima edición
Os Premios Youtubeiras manteñen aberto o prazo de inscrición até o vindeiro 17 de novembro ás 23:59 h. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web www.youtubeiras.gal e os vídeos que se presenten deberán ter data de subida posterior ao 15 de novembro do 2022. As categorías este ano volven ser as seguintes: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público.
Todos os apartados están dotados con 1000 euros, agás o último ao que se destinan 500 euros. En total, o certame reparte entre as propostas gañadoras 7500 euros. Até o de agora, inscribíronse 33 canles para concorrer nesta sétima edición.