Este sábado celébranse os 75 anos da proclamación do Consello Soberano de Asturias e León, o órgano de goberno autónomo e na práctica independente, que gobernou Asturias e o norte de León entre o 25 de agosto e o 20 de outubro de 1937, unha vez que Santander e Bilbao xa caeran en mans das tropas fascistas, e a rexión quedou illada do resto da España republicana. A capital estableceuse en Xixón e o seu presidente foi o socialista Belarmino Tomás.
Asturias era fronte de guerra na súa totalidade e ante a imposibilidade de recibir reforzos ou subministros dende Madrid, o Consejo Interprovincial de Asturias y León decidiu que chegara o momento de "asumir la plena responsabilidad del mando soberano en el territorio de su autoridad". Así e todo, a decisión non gustou ao Goberno de Azaña. O Consello Soberano chegou a imprimir selos e moedas de seu (os chamados belarminos) e mesmo se dirixiu como Estado soberano á Sociedade de Nacións. O 20 de outubro as tropas fascistas entraron en Xixón e nunha retirada mal planificada a maior parte dos combatentes republicanos non puideron embarcar, polo que foron capturados e sufriron unha dura represión.
Rafael Fernández Tomás, neto de Belarmino Tomás, denuncia que toda a documentación oficial relativa a ese período se atopa fóra de Asturias, en Salamanca, Catalunya e Ferrol. Fai especial fincapé sobre os ao redor de 60 mil folios, con información dos consellos de guerra e xuízos sumarísimos, que se atopan no Arquivo da Rexión Militar do Noroeste, en Ferrol , e que segundo Fernández Tomás "están perdéndose e apodrecendo pola súa mala conservación". Esa documentación foi remitida en 1998 á cidade departamental.
Hai unhas semanas o xornal El Comercio dirixiuse ao arquivo militar e recibiu unha resposta oficial de que non "constaba" a presenza en Ferrol deses papeis. Os investigadores sospeitan que os documentos aínda non foron rexistrados nin informatizados. Fernández Tomás reclamaba nesta cabeceira que "o Goberno asturiano debería plantexar que eses arquivos se puidesen devolver a Asturias para que as próximas xeracións poidan coñecelos".