Desconcierto alerta da desaparición da programación de RG Música

Vituco presenta Planeta Furancho © CRTVG

A Asociación Desconcierto Cultural alerta de que a programación musical da emisora Radio Galega Música está a desaparecer progresivamente nos últimos meses, caendo pouco a pouco os seus programa até quedar a grella "limitada a un fío musical dunhas 23 horas ao día".

Na actualidade Radio Galega Música, de luns a venres, emite unicamente Planeta Furancho de once a doce da noite e, efectivamente, as restantes 23 horas de programación están ocupadas por un fío musical automatizado. Os sábados emítese Lume na Palleira de catro a seis da tarde. E os domingos é a quenda de Estudio 3, de tres a catro da tarde, e de Allegro Moderato, de once da noite a doce e media.

Desconcierto salienta que esta situación sorprende "tendo en conta que outras emisoras intentan desenvolver, non sen dificultades e trabas administrativas, unha programación estable deste tipo". A asociación cre que "a segunda canle da Radio Galega debería ser a plataforma natural dos músicos e profesionais de Galicia" e afirma que "de seguiren así, ao sector (músicos, promotores, salas de concertos, estudios...) causaráselles un prexuízo irreparable por parte da que debería ser a súa principal voz radiofónica".

Vituco presenta Planeta Furancho © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.