Desmontando a Barbazul

'Barbazul. Ópera para clown e soprano' represéntase entre o 20 de febreiro e o 3 de marzo na Zona C de Compostela Dominio Público Praza Pública

Barbazaul, Bluebeard, Barbaleue. Moitos nomes para un mesmo clásico europeo. Un clásico revistitado, reintepretado e remontado incontables veces por cada un dos xéneros artísticos. Santiago acollerá esta semana unha nova perspectiva artística ao redor deste mito: Barbazul. Ópera para clown e soprano. Trátase dun proxecto desenvolvido polo actor Borja Fernández e dirixido por Marta Pazos. O libreto escrito polo poeta Béla Balázs para a ópera de Bela Bartok, O castelo de Barba Azul, converteuse nun punto de partida para crear elementos dramatúrxicos e musicais. Fernández, que ademais comparte escena coa cantante Mónica de Nut, escolleu esta obra pola súa poesía, musicalidade e potencialidade para inspirar o proceso creativo. A obra representarase entre o 20 de febreiro e o 3 de marzo, en funcións de xoves a domingo, na Zona C.

Borja Fernández comparte escena nesta peza coa cantante Mónica de Nut e, baixo a dirección de Marta Pazos, revisita artisticamente esta lenda europea

Para a composición desta montaxe, o proxecto tamén parte dun proceso concreto para abordar unha personaxe: o clown, técnica que é a base da carreira artística de Borja Fernández. A figura do clown representa unha clave da montaxe, dende o punto de vista de que este tipo de artistas nútrense de personaxes arquetípicas da sociedade para rirse delas.

Barbazul é personaxe de conto, un rico aristócrata temido polo seu aspecto fero e conduta salvaxe que, segundo a tradición, casa en sete ocasións, mais ninguén sabía que fora das súas esposas. Esta lenda, estarrecedora nun principio, acabou derivando nun conto infantil, adaptado ao longo do tempo a un público cativo e eludindo aspectos tétricos da historia. Agora, nesta nova achega, Borja Fernández propón a deconstrución da personaxe unha vez máis.

A produción pretende empregar como envoltorio o xénero da opereta, un tipo de ópera musical, animado e anormal, cuxa característica fundamental é a de contar cunha trama inverosímil e disparatada. Consta de diálogos falados nos que se mesturan historietas e bailes. Trátase, polo tanto dun espectáculo escénico con sucesión e alternancia de artes musicas, faladas e cantadas.

'Barbazul. Ópera para clown e soprano' represéntase entre o 20 de febreiro e o 3 de marzo na Zona C de Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.