Dez artistas reinterpretan a ollada de Maruja Mallo sobre Lugo

Guía postal de Lugo, 1929 Dominio Público Praza Pública

En 1929 Maruja Mallo realizou a súa Guía postal de Lugo, grazas a unha bolsa concedida tres anos antes pola Deputación provincial. Tiña menos de trinta anos e esta foi unha das súas primeiras obras, un cadro no que ofrecía a súa visión da provincia de Lugo, mesturando modernidade e tradición co seu propio imaxinario.

A obra, que se exhibe no Museo Provincial, é o centro da exposición Olladas de muller, comisariada por Encarna Lago e Anxela Caramés e inaugurada o pasado 7 de marzo. Poderase ver até o vindeiro 7 de abril. Guía postal de Lugo foi a última gran obra realizada por Maruja Mallo antes de marchar en 1932 a París, onde entraría en contacto inmediatamente con Max Ernst, René Magritte, Joan Miró Giorgio de Chirico, André Breton ou Paul Éluard, e tamén mudaría o seu estilo pictórico.

O proxecto convocou hai meses nove creadoras: Mónica Alonso, Carla Andrade, Mónica Cabo, Carolina Cruz Guimarey, Xisela Franco, Carmen Llonín, Paulova (Paula López Vallejo), Antía Moure, Colectivo Tanuki (Nieves Neira e Cristina Sánchez), xunto con Vari Caramés, para que reinterpretasen a obra orixinal de Mallo. Ademais, outras propostas pensadas para ser difundidas de forma dixital tamén poderán ser visionadas na propia sala de exposicións. 

Dúas delas: Mónica Alonso e Carolina Cruz Guimarey solicitaron a través da rede a colaboración da cidadanía para a realización das súas obras. Alonso buscaba en Percepción das cores de inverno e as cores de verán na cidade de Lugo afondar no estudo das cores empregadas por Maruja Mallo para representar Lugo e a súa provincia. A artista distribuíu un cuestionario entres lucenses de entre 20 e 30 anos (a idade que tiña Mallo en 1929) para preguntarlles sobre a diferenza entre as cores de verán e as cores de inverno na cidade de Lugo e as distintas sensacións que lles xeraba cada cor.

Pola súa banda, Carolina Cruz Guimarey creou unha instalación utilizando a terra enviada polas e polos lucenses que vivan fóra de provincia de Lugo (TERRA, postais para Lugo). Para iso, pediu a través das redes sociais que as persoas que se atopasen fóra lle enviasen un sobre cun pouco de terra do lugar onde residisen, indicando a súa procedencia natal e o seu domicilio actual. 

A exposición Olladas de muller sobre a Guía Postal de Lugo de Maruja Mallo enmárcase nunha nova edición de A arte de ser muller nun mundo por compartir 5.0, unha iniciativa centrada na visibilización das mulleres no eido creativo, levada a cabo pola Rede Museística Provincial de Lugo, baixo a dirección de Encarna Lago.

Guía postal de Lugo, 1929 Dominio Público Praza Pública
Cartaz da exposición © Deputación de Lugo
Maruja Mallo e Josefina Carabias en 1931 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.