Díaz Castro, Carvalho Calero, Fiz Vergara e Filgueira Valverde, candidatos para as Letras

Fachada da Real Academia Galega © CCG

O vindeiro venres anunciarase o autor ou autora que será homenaxeada no Día das Letras do vindeiro ano. Polo de agora presentáronse xa catro candidaturas: Xosé María Díaz Castro, Ricardo Carvalho Calero, Fiz Vergara Vilariño e Xosé Filgueira Valverde. Hai outros dous nomes propostos dos que aínda se ten que comprobar que cumpren os requisitos precisos para poder ser escollidos. As candidaturas tiveron que presentarse por escrito e co aval, cando menos, de tres académicos. Porén, cada académico ou académica pode avalar máis dun candidato ou candidata.

Os nomes xa coñecidos son xa habituais dende hai anos nas quinielas previas. Outros tamén foron postos sobre a mesa nas últimas semanas, mais haberá que agardar para ver se se atopan entre os candidatos. Falouse tanto de Xela Arias (finada en novembro de 2003) coma de Luísa Villalta (que faleceu en marzo de 2004), unhas candidaturas de peso e enorme merecemento e que suporían a primeira achega para comezar a resolver o enorme desequilibrio de xénero na lista de autores homenaxeados: só tres mulleres en 50 anos, a última en 2007. Outro candidato con opcións podería ser Carlos Casares, o mesmo que Antonio Fernández Morales ou Ramón de Valenzuela. E mesmo o poeta de Paradela Manuel Rodríguez Orestes recibiu varios apoios públicos. 

 

 

Fachada da Real Academia Galega © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.