"Díaz Castro é un 'outsider', un creador cunha estética única"

Xosé María Díaz Castro © poetadiazcastro.com

Este mércores 19 de febreiro celébrase o centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro. Concello de Guitiriz, a Xunta e a asociación Xermolos programaron un amplo conxunto de actos, nunha xornada que marca o inicio dun ano de actividades e homenaxes en honor do poeta. Destaca, ademais da ofrenda poético-floral que a AELG organiza no cemiterio de Guitiriz, a presentación do libro Xosé María Díaz Castro. Vida e obra (Galaxia) do crítico Armando Requeixo.

A obra percorre toda a vida de Díaz Castro, dende a súa infancia, o seu paso polo seminario, as súas estadías en Madrid, até o seu retorno a Guitiriz. Un achegamento documentado ao poeta, que Requeixo acompaña dunha completa análise crítica da súa obra, tanto a publicada coma a inédita, e mesmo destaca o seu labor como tradutor (por exemplo volcou a Rilke do alemán ao castelán e ao galego ou a Chesterton, T.S. Eliot e Walt Whitman do inglés) e outras actividades profesionais, desenvolvidas por exemplo no Consello Superior de Investigacións Científicas ou no Instituto de Cultura Hispánica. Adoita ser encadrado dentro da Xeración do 36 xunto con poetas coma Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño e Carvalho Calero, e o propio Ricardo Carvalho Calero dixo que Nimbos viñera restaurar na literatura galega a poesía total.

As Letras serven todos os anos para afondar no coñecemento que temos sobre un autor ou para descubrir novas facetas. Que imos descubrir sobre Díaz Castro neste ano? Que descubriches ti?

Penso que este Ano Díaz Castro ha servir para que todos nos acheguemos á figura do escritor cunha ollada renovada. En primeiro lugar, porque se han descubrir moitos socalcos biográficos que eran pouco coñecidos ou que simplemente se ignoraban. Logo, porque a maior parte da súa obra poética en galego permanecía ou inédita ou sen compilar, así que os versos que del circulaban eran, case exclusivamente, os contidos en Nimbos e, sobre todo, o arquifamoso “Penélope”. Na miña monografía tentei profundar neses dous aspectos: ofrecer a primeira biografía documental completa do escritor e, amais, describir e presentar analiticamente a totalidade da súa produción, tanto édita coma inédita.

"O Díaz Castro de Nimbos —“Penélope” incluído— é sen dúbida un autor en plena madurez creativa que nos ofreceu un poemario por decantación, unha obra que foi fraguándose, devagar, ao longo de décadas"

Díaz Castro non se limita a Nimbos nin ao “Penélope”. Como son esas outras obras menos coñecidas, por exemplo eses poemarios de preguerra?

En efecto, o Díaz Castro de Nimbos —“Penélope” incluído— é sen dúbida un autor en plena madurez creativa que nos ofreceu un poemario por decantación, unha obra que foi fraguándose, devagar, ao longo de décadas. Mais hai outros poetas Díaz Castro. Por exemplo, o autor que na Preguerra escribiu as coleccións Follas verdes e Follas ô aire, en 1934 e 1935 respectivamente, ou o que publicou en cabeceiras daquel tempo como El Progreso Villalbés ou Vallibria. Neste caso trátase dun escritor na liña do paisaxismo humanista que entón predominaba na Escola Poética do Seminario de Mondoñedo, onde el se formara. E, nese sentido, estes versos dese Díaz Castro noviño, de apenas dezanove ou vinte anos, coinciden coa estética do Antón Noriega Varela de Do ermo, o Aquilino Iglesia Alvariño de Señardá ou o Xosé Crecente Vega de Codeseira, autores cos que amosaba grandes afinidades nese momento.

"Estes versos dese Díaz Castro noviño, de apenas dezanove ou vinte anos, coinciden coa estética do Antón Noriega Varela de Do ermo, o Aquilino Iglesia Alvariño de Señardá ou o Xosé Crecente Vega de Codeseira"

Logo, tamén hai un Díaz Castro posterior a Nimbos, que escribiu textos nos anos 80 que se manteñen nunha liña estética semellante nalgúns casos á deste libro e que, noutros, recupera trazos da poesía anterior á aparición do mesmo, incluso en ocasións chega a pulsar a lira da poesía circunstancial ou de homenaxe.

En que medida podemos facer unha historia do século XX en Galicia a través de Díaz Castro?

A poesía de Díaz Castro é susceptible de ser abordada dende un enfoque socioliterario, pois moita da nosa cultura material e espiritual informa o tecido máis íntimo dos seus versos. O poeta de Guitiriz préstase tanto a lecturas antropolóxicas como a análises filosófico-transcendentes, igual a revisións en clave social que a consideracións dende o histórico e aínda outras.

"Coido que Díaz Castro é un outsider, un autor fóra de calquera escola, un creador singular cunha estética única e, nese sentido, marca un fito fundamental na Historia da Literatura Galega do pasado século"

De igual xeito, que nos conta a súa obra sobre a historia da literatura galega nesas décadas?

Coido que Díaz Castro é un outsider, un autor fóra de calquera escola, un creador singular cunha estética única e, nese sentido, marca un fito fundamental na Historia da Literatura Galega do pasado século, pois o seu lirismo transcendente, de dicción clásica e íntima, o humanismo telurizado e a visión da Terra nosa e a súa circunstancia convérteno nunha voz irrepetible.

Como era Díaz Castro como persoa? Como era á hora de crear, na súa relación coa literatura?

Díaz Castro era unha persoa cunha formación e unha cultura admirables. Era, amais, moi educado, discreto, naturalmente prudente e moi amigo dos seus amigos. Amosouse sempre alleo aos fastos da vida pública literaria, non lle interesaban en absoluto os recoñecementos sociais ou os feiróns culturais. O seu era o traballo solitario do creador, labrar pouco e pouco os seus textos como quen talla un diamante, conseguir tirar deles o fulgor da súa cerna, pois era moi perfeccionista e tremendamente consciente no proceso da escrita, que coidaba ata o último detalle tanto no lingüístico coma no estético.

"Foi un gran lector dos máis diversos poetas de moi diferentes nacionalidades, pois era un políglota consumado que chegou a coñecer a práctica totalidade dos idiomas estatalizados (e non só) de Europa"

Que influencias (galegas, españolas e estranxeiras) podemos detectar na súa obra?

Foi un gran lector dos máis diversos poetas de moi diferentes nacionalidades, pois era un políglota consumado que chegou a coñecer a práctica totalidade dos idiomas estatalizados (e non só) de Europa: todos os peninsulares, os do tronco xermánico (alemán, inglés, neerlandés), o francés, o italiano, varios dos nórdicos (incluídos o sueco e o danés), o ruso...

"É a escrita dun clásico; ou sexa, a obra dun creador que nin en vida estivo suxeito aos cantos de moda nin logo do seu pasamento consente que se diga que empastou con escrita caduca ningunha"

Con esa bagaxe idiomática é doado entender por que a súa poesía resulta tamén un crisol das máis variadas voces, que van dende os poetas franceses do XIX e primeiros do XX (sobre todo Alphonse de Lamartine, Alfred de Musset e Francis Jammes) ata os grandes nomes centroeuropeos (velaí o seu admirado Rainer Maria Rilke), pasando polos grandes místicos (San Juan de la Cruz, sobre todo) ou os autores en lingua inglesa (nomeadamente Whitman). Se a estas lecturas internacionais lle sumamos as dos nosos Noriega Varela, Iglesia Alvariño ou Rosalía teremos un mapa bastante aproximado das coordenadas nas que se moveu.

Que ten a súa poesía para que a poidamos ler medio século despois con tanta actualidade? Polo seu humanismo pódese definir como intemporal?

Con certeza a poesía de Díaz Castro pode definirse como intemporal. E isto é así porque é a escrita dun clásico; ou sexa, a obra dun creador que nin en vida estivo suxeito aos cantos de moda nin logo do seu pasamento consente que se diga que empastou con escrita caduca ningunha. A poesía diazcastriana de Nimbos está forxada na depuración extrema, por iso cando pasamos sobre dese magnífico poemario o espello do Tempo nos devolve a imaxe dunha voz senlleira que seguirá a sorprendernos xeración tras xeración.

Monolito dedicado a Díaz Castro no lugar dos Vilares CC-BY-SA HombreDHojalata
Sinatura de Díaz Castro Dominio Público Praza Pública
Armando Requeixo © Xoán Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.