Dios Ke Te Crew celebra 20 anos de rap en galego cunha 'tremenda' festa

Dios ke te Crew © Iago Vilarinho

O colectivo ofrece este sábado o concerto Tremendos Anos 20, que comezará ás 19.30 na Sala Capitol e rematará de madrugada na Sala Malatesta, “porque Dios Ke Te Crew celebra como dios manda”

Falar de rap en galego é falar, en primeiro lugar, de Dios Ke Te Crew. A banda de Ordes, conformada na actualidade por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock, celebra o seu vinte aniversario e faino sobre o escenario, cunha tremenda festa en forma concerto baixo o título de Tremendos Anos 20. Será a deste sábado 2 de decembro unha noite histórica en Compostela, un concerto de varias horas de duración, repartido entre a Sala Capitol e a Sala Malatesta e na que a formación estará acompañada doutras 18 bandas e solistas do país. 

Será unha data sinalada na historia do grupo, “porque Dios Ke Te Crew celebra como dios manda”, destacan os seus membros, a través dun “abraiante akelarre musical de amizades” que comezará ás 19.30h na Sala Capitol. Canda a Dios Ke Te Crew subirán ao escenario Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Santino e Guillerme (Quempallou). Tamén actuarán, previamente e desde as 19.30 horas, Hermano L, High Paw e DJ Mil. 

Dios ke te Crew © Iago Vilarinho

A formación estará acompañada doutras 18 bandas e solistas do país, un “abraiante akelarre musical de amizades”: Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe) ou Santino e Guillerme (Quempallou)

A festa, unha “exclusiva cerimonia litúrxica”, continuará a partir das doce e media da noite na Sala Malatesta, que ata as 5 da madrugada acollerá o concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore), que dará paso aos showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Rico Suávez e Ra Velenosa, e tamén aos dj sets de Chicho Selektor, Padre Murdock e Croma. 

As entradas para o espectáculo, que saíron á venda a un prezo de 25 euros (20 se só se quería acceder ao concerto da Capitol, esgotáronse hai días. 

O público recibirá un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións doutras tantas artistas gráficas que se corresponden con 20 novos remixes de temas de Dios Ke Te Crew feitas por outros tantos produtores musicais

O público asistente recibirá, como agasallo pola compra da súa entrada, un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións doutras tantas artistas gráficas que se corresponden á vez, con 20 novos remixes de temas de Dios Ke Te Crew, feitas por outros tantos produtores musicais. O traballo, editado en formato A5, poderase recoller na Sala Capitol e contará con QR’s para a escoita directa das versións das cancións de DKTC, que están dispoñibles desde a medianoite deste sábado 2 nas principais plataformas dixitais. 

Cartel do concerto de celebración dos 20 anos de DKTC ©

20 anos de DKTC

O colectivo naceu en 2003, integrado inicialmente por Serxio Regos "García Mc", Marcos Couso "Sokram", Javier Mourón "MØU", Julio Negueruela "Jamas" e Felipe González "Dj Murdock". En 2016 García MC deixou a formación

O colectivo formouse en 2003, integrado inicialmente por Serxio Regos "García Mc", Marcos Couso "Sokram", Javier Mourón "MØU", Julio Negueruela "Jamas" e Felipe González "Dj Murdock". En 2016 García MC deixou a formación.

A orixe estivo no Festigal dese ano, pois a organización da cita contactou co grupo de rap Ghamberros que convidaron á parte en activo da banda 5 Talegos, ambos os dous formados en Ordes. Na parte non musical uníronse os graffiteiros Vandals Crew e Cousas Novas, e os breakers de Compostela Playmovil Kids. 

En 2006 lanzaron o seu primeiro traballo longo, titulado Xénese, gravado no propio estudo do grupo, Rapapoulo, e autoeditado polo seu propio selo, DKTC Sons e a editora galega Falcatruada. Despois, seguiron outros álbums: Humanose (2011), Dez (2013), O ciclo da serpe (2019) e o EP En que ano estamos?! (2022). Entre os novos tracks, deste EP, acompañados por pezas audiovisuais de Xaime Miranda, destaca un dos himnos máis salientables dos últimos tempos: OG, con Boyanka Kostova. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.