Disco Las Palmeras e Das Kapital, entre os finalistas dos Premios da Música Independente

Disco Las Palmeras © Praza Pública

A Unión Fonográfica Independente (que agrupa as produtoras e discográficas independentes) anunciou este martes os finalistas para os seus premios, que se entregarán o 25 de xuño. Os nomeados aos galardóns foron escollidos por un amplo xurado de músicos, produtores e xornalistas e agora será a quenda dos internautas, que a partir do 1 de xuño poderán votar na web premiosdelamusicaindependiente.com.

Nacho Vegas e La Casa Azul encabezan as candidaturas, con seis cada un, incluídas as categorías de mellor álbum do ano (que completan Lüger, Za! e Nacho Umbert) e mellor artista, na que tamén están nomeados Sr. Chinarro, El Columpio Asesino e Fernando Alfaro. Toro (El Columpio Asesino), La Gran Broma Final (Nacho Vegas), Extintor de Infierno (Fernando Alfaro), Una llamada a la acción (Sr. Chinarro) e Hot Stuff (Lüger) son os cinco temas finalistas no apartado de mellor canción do ano.

A representación galega nestas candidaturas comeza na categoría de artista revelación, na que os composteláns Disco Las Palmeras poderían obter o premio. Tamén hai un finalista galego, Das Kapital, no apartado de mellor álbum de música electrónica

A representación galega nestas candidaturas comeza na categoría de artista revelación, na que os composteláns Disco Las Palmeras poderían obter o premio, en competencia con Reina Republicana, Dolores, Odio París e La familia árbol. Tamén hai un finalista galego, Das Kapital, no apartado de mellor álbum de música electrónica, onde igualmente son candidatos Los Pilotos, Digital21 e Ana Curra, Carlos Jean (nacido en Ferrol) e Lasers.

Os galegos e galegas son maioría na categoría de mellor álbum de música de raíz, na que Uxía (Meu Canto), Banda Crebinsky (Banda Crebinsky) e Talabarte (Talabarte) poden obter o premio. Tamén é finalista Eladio y los Seres Queridos, que co vídeo de El Tiempo Futuro (realizado por Alberto Baamonde) pode facerse co premio de mellor videoclip. E do mesmo xeito, Víctor Coyote pode gañar nas categorías de mellor produción musical e mellor deseño gráfico. Finalmente, tamén están nomeados noutras categorías Josiño Carballo, de Ernie Records (como mellor manager) e os vigueses Esmerarte (como mellor promotora).

Disco Las Palmeras © Praza Pública
Das Kapital © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.