Diximed: un dicionario de saúde en galego para a rapazada coas voces dos propios nenos e nenas

Un dos debuxos infantís que acompañan ás definicións do dicionario, neste caso a de 'arrefriado' © Diximed

O dicionario médico básico para nenas e nenos Diximed xa ten versión galega, cun total de 363 palabras para explica os conceptos básicos relacionados coa saúde infantil cunha linguaxe adaptada ao seu nivel de comprensión

Escordadura, bostela, cirurxián/á, proído, vertixe, xarope... O dicionario médico básico para nenas e nenos Diximed xa ten versión galega, cun total de 363 palabras para empregar ao falar de medicina, coas súas definicións -escritas e en audio-, acompañadas de debuxos realizados por alumnos e alumnas de Primaria.

O proxecto, que hai cinco anos iniciou un grupo de investigación da Universidade Pompeu Fabra dirixido pola profesora Rosa Estopà, e que ata agora se podía consultar en catalán e en castelán, xa está dispoñible en galego, grazas ao traballo do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Entrada de 'escordadura' no dicionario, coa definición lida por un alumno ou alumna do CEIP López Ferreiro © Diximed

O Servizo de Normalización Lingüística da USC encargouse da tradución dos textos mentres que o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP López Ferreiro, de Santiago, foi o responsable de ler e gravar as propias definicións, que ademais de lidas poden ser escoitadas

O servizo universitario encargouse da tradución dos textos mentres que o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP López Ferreiro, de Santiago de Compostela, foi o responsable de ler e gravar as propias definicións, que ademais de lidas poden ser escoitadas. Na súa elaboración participaron 1.200 alumnos e alumnas de segundo, terceiro e cuarto curso de educación primaria. 

Este dicionario médico está dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos e explica os conceptos básicos relacionados coa saúde infantil cunha linguaxe adaptada ao seu nivel de comprensión. Na web tamén se pode atopar un atlas de 10 debuxos sobre o corpo humano que ten indicados 130 termos e dous xogos interactivos para achegarse de forma divertida ao contido do dicionario.

Na web tamén se pode atopar un atlas de 10 debuxos sobre o corpo humano que ten indicados 130 termos e dous xogos interactivos para achegarse de forma divertida ao contido do dicionario

Nalgunhas ocasións, hai informacións para saber en que situacións comunicativas adoitamos usar un termo (por exemplo, de lipotimia dise que “popularmente usamos desmaio” , ou na palabra dor de gorxa coméntase que “Cando nos doe o pescozo porque temos unha infección, os médicos usan amigdalite, que é unha palabra especializada”). Outras veces danse informacións que queren desfacer ideas que por veces temos sobre determinadas realidades e que non son certas (por exemplo, de Síndrome de Down indícase que non é unha enfermidade, ou que sobrepeso e obesidade non se poden confundir).

Presentación da versión en galego de 'Diximed' na Facultade de Medicina da USC coa asistencia das alumnas e alumnos que participaron no proxecto © USC

A versión galega do Diximed presentouse este luns na Aula Castelao da Facultade de Medicina

Cando unha palabra se pode dicir de maneiras diferentes, recóllense todas e explícase en que casos se usa unha e en cales outra, como por exemplo descomposición, diarrea, cagarría e caca líquida ou cefalea e dor de cabeza. A explicación do que significa dáse só nunha palabra, que normalmente é a que os médicos e médicas, e todas as outras remiten a ela (por exemplo, en dor de cabeza pon “Consulta cefalea”).

O proxecto foi iniciado hai cinco anos e contaba xa con versións en catalán e castelán

A versión galega do Diximed presentouse este luns na Aula Castelao da Facultade de Medicina nun acto que presidiu a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, e no que participou o alumnado compostelán implicado, que tivo a oportunidade de compartir a súa experiencia no proxecto coa súa responsable, a profesora Rosa Estopà, e con Xusto Rodríguez, do SNL da universidade compostelá.

Debuxo infantil que acompaña a definición de 'escordadura' no dicionario © Diximed

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.