Do traxicómico ao fantástico: as curtas galegas do FKM

Imaxe de 'Tinder Time', unha das curtas galegas do FKM © 'Tinder time'

O Festival Internacional de Cinema Fantástico (FKM) da Coruña está a celebrar a súa 11ª edición. E ofrece, coma sempre, unha escolma de longametraxes e curtametraxes de xénero: fantástico, terror e ciencia-ficción. Nesta reportaxe falamos da parte galega  da programación deste evento, que se distribúe en varias das súas distintas seccións.

Tinder time

A primeira cita é sempre un “mal rollo”. Aínda que xa o fixeses un monte de veces. Iso di unha das protagonistas de ‘Tinder time’, a nova curta de Olga Osorio, a directora de ‘Mouras’ ou ‘Einstein-Rosen’. Un mozo e unha moza quedan por primeira vez tras contactar por Tinder. Tras as escusas iniciais -a min díxome disto un amigo, nunca antes o usara, etc- a reunión comeza a poñerse delirante. E a volta que a historia dá despois aínda o é máis. Osorio xa explorara o encontro entre o real e o fantástico en ‘Mouras’, mais nesta ocasión tira máis polo futurista que pola lenda, nunha curta de feitura impecable, cunhas interpretacións moi acertadas de Iria Lamas, Álex Sobrino e Elise Gaté. 

‘Tinder time’ “nace para facer no I Kino Galicia, en outubro do ano pasado”, conta Osorio. “É unha convocatoria na que se forman equipos de xente que non se coñece previamente para facer unha curta nun máximo de catro días -pero xa co guión escrito previamente-. Así que escribín un guión moi sinxelo que se puidese rodar sen grandes requisitos. Menos a directora de produción, que era unha colega que se apuntou comigo ao Kino, e a xente que colaborou na posprodución que fixemos a posteriori -o compositor, mistura de son, etalonaxe- todo o equipo formouse alí. E por exemplo os actores foron para min todo un descubrimento, os tres. Creo que captaron perfectamente o sentido de humor da curta e foi moi fácil traballar con eles a pesar do pouco tempo que tiñamos”, engade. 

O ton cómico de ‘Tinder time’ é doadamente perceptible. Mais tamén se albisca un fondo de reflexión sobre a incomunicación

O ton cómico é doadamente perceptible. Mais tamén se albisca un fondo de reflexión sobre a incomunicación -a dificultade para establecer novas relacións máis alá das pantallas-. A carón dun clásico da ciencia-ficción como son as viaxes no tempo. “Creo que a curta fala da incomunicación nos tempos da hipercomunicación. Todos as personaxes teñen unha axenda oculta, por así dicilo, e aínda que temos moitas ferramentas para conectar é difícil chegar a unha conexión sincera coa xente. No tratamento de son xogamos con isto metendo sonidiños de móbil de cando en vez como un xeito de recordar este asunto, igual que o resto dos clientes do bar están embebidos nos seus móbiles…”, aclara a directora. ‘Tinder time’ poderá verse o martes 15 ás 20:30 no CGAI. Forma parte da sección non competitiva do FKM ‘Sen límites’.

Hoy no va a llover

Lautaro Herrera presenta no Concurso Internacional de Curtametraxes do FKM o venres 18 ás 20:30 no CGAI ‘Hoy no va a llover’, a historia dunha familia chea de tensións, desencontros e silencios, marcada entre outras circunstancias polo desemprego do pai, que procura a sorte xogando ao cupón. “A idea” -explica o director- “nace de dúas preguntas: que pasaría se en vez de tomar eu as decisións da miña vida é a sorte a que as toma? E, que pasaría se aínda por enriba son unha persoa con mala sorte?”. Nunha sorte de conto traxicómico de alento contrario á ideoloxía meritocrática neoliberal. “A providencia” -di Herrrera- “sempre me pareceu traxicómica, e quería ver ata onde pode chegar unha familia e un grupo de amigos sen sorte na vida. Nese sentido, pódese dicir que a curta se artellou desde algo que non é tanxible e que funciona case coma o malo da película: o azar”. 

“A providencia” -di Herrrera- “sempre me pareceu traxicómica, e quería ver ata onde pode chegar unha familia e un grupo de amigos sen sorte na vida”

Cunha fotografía de notable calidade, ‘Hoy no va a llover’ ofrece ao espectador múltiples detalles de grande potencia simbólica. Coma unha escena na que o protagonista é case levado por diante por un aluvión de xente nova que atravesa en ambas direccións unha estreita calella. “Os detalles” -asegura o director - “están aí, pero nunca poden estar por enriba do total da obra nin ser caprichosos. Son moi de poñer pequenos detalles nas cousas, que funcionan como pequenos premios para o espectador que os vexa, pero o que non os vexa debe pensar: algo me está incomodando e non sei moi ben o por que”.

Na parella protagonista hai un evidente desequilibrio de poder, apreciable na actitude da muller co home. E, unha vez máis, nos detalles. “Na escena do almorzo” -exemplifica o director- “do lado del, desde o seu almorzo ata o seu garda-chaves están case baleiros: sen embargo, o lado dela está cheísimo: froita, pan.. un monte de chaves... As chaves abren portas e iso é poder, mentres máis chaves teñas máis poder tes, xa que podes acceder a máis sitios. Quen ten o poder na casa é ela. Na habitación, se facemos o mesmo exercicio vemos que o lado da cama del está case baleiro e o dela cheo”. A curta comeza, por outra banda, en branco e negro, para ir incorporando a cor de xeito progresivo. “A primeira e a última escena son iguais: os dous na habitación. É cíclico. Pero entre a primeira e a última todo mudou. As súas vidas pode que agora teñan unha esperanza: por iso se vai á cor, para reforzar esa idea”, apunta.

‘Hoy no va a llover’ mestura o drama, a comedia e o fantástico, a través de presenzas que son ausencias. Dunha representación posible da idea da pantasma. O ton buscado é, segundo o director, “traxicómico e surrealista. A idea era diluír o máximo posible todas esas fronteiras, que nunca saibas se tes que deixar que se debuxe un xesto de sorriso, se tes que lamentarte ou se o que estás a ver é unha pantasma ou unha alucinación dos protagonistas”. Cos actores -engade- “buscouse que sexan o máis asimétricos posible, cómicos, con liñas cómicas pero con ningunha intención de facer gracia”

Imaxe de 'Hoy no va a llover' © Hoy no va a llover

Homomaquia

Na sección competitiva Concurso Internacional de Curtametraxes en Galego, "FETUS" participaron sete curtas. Entre elas, a celebrada ‘Homomaquia’, de David Fidalgo, que tras presentarse en Galicia no Festival de Cans pasou xa polo FIC Bueu, pola Semana de Cine de Cangas ou polo OUFF, ademais de ser seleccionada tamén no Baixada Animada, en Brasil, ou no Madrid Indie Film Festival. ‘Homomaquia’ é unha historia de maltrato animal na que se inverten os tornas: son os humanos os cousificados, perseguidos, capturados, explotados por uns seres que, coma eles, están despoxados de linguaxe, de racionalidade e mesmo de identidade. Só que os humanos conservan a capacidade para os afectos e para a empatía, ademais da arela de verse libres. 

Homomaquia’ é unha historia de maltrato animal na que se inverten os tornas: son os humanos os cousificados, perseguidos, capturados e explotados 

“A idea” -explicou o director nunha entrevista con Praza realizada con motivo do FICBueu- “era establecer un contexto no que os humanos son tratados coma os touros na nosa realidade, pero sen que os toros tomen o papel do humano, pois dubido moito que eles se dedicasen a torturar…”. “Quería” -engade- “que os humanos fosen primitivos, animalescos, polo que a fala non tiña cabida. Dalgunha maneira, trato de deshumanizar o humano, pero non ao límite, e poñelo baixo o sometemento duns seres sombrizos antropomórficos que representan o peor do ser humano, sendo aquí sombras de toureiro. Un mundo moi masculino no peor sentido da palabra, que me axuda non só a mostrar o maltrato animal, senón que me leva a reflexionar sobre como este tipo de "masculinidade" trata a muller na sociedade. 

‘Homomaquia’ non denuncia só, nese sentido, o machismo, senón tamén a homofobia. “Quixen liberar os personaxes” -sinala o director- “dos prexuízos que temos na sociedade sobre a sexualidade ou a orientación sexual. Na curta non se pensa se son homes ou mulleres. Simplemente, son humanos”. Nese sentido, ‘Homomaquia’ afonda en como “certos poderes masculinos someten a outros que cren máis débiles. O caso da muller é o máis claro, pero sucede tamén cos dous protagonistas masculinos”. Protagoniza a curta un trío de humanos que debe procurar camiños máis aló do establecido, que representa como a ignorancia sobre a posibilidade dunha vida mellor “pode facerche crer que iso é todo, mesmo que a túa vida sexa bastante deplorable. Pero cando alguén descobre que hai algo máis, que o que cría a súa liberdade era o seu cárcere, abre os ollos”. Se a vida lle deixa.

Metrocabina

Unha nai que non dá feito -adoita chegarlle tarde á filla- descobre un medio de transporte revolucionario que funciona a través dunha app. Pero esquece un detalle importante, o cal terá consecuencias. Diso vai ‘Metrocabina’, a curta de Silvia Otero e Andrés Castro que formou parte do FETUS. “A idea xurdiu” -comenta Castro- “no Obradoiro Pontevedra Rodando, unha xenial iniciativa do Concello de Pontevedra e Volvemos a Primera Producciones Audiovisuales na que cada ano convoca a todo o mundo, que queira participar, para crear unha peza audiovisual. Na segunda edición saíron dúas pezas: un documental sobre os músicos da rúa titulado ‘Sons de Pontevedra’ e ‘Metrocabina’. A idea do mundo pseudo-distópico que se pode ver en ‘Metrocabina’ xorde un pouco entre todos. Queriamos facer unha historia coas cabinas telefónicas en desuso e unha noite escribín un guión mesturando ‘Matrix’, as app do móbil, a falta de conciliación e logo engadímoslle unha chiscadela ao famoso Metrominuto de Pontevedra”.

A curta, que dura moi poucos minutos, conta cunha imaxe coidada e unha estrutura narrativa de certa complexidade. “Para a rodaxe contamos sempre coa presenza e coordinación de Pablo Cacheda -realizador de curtas como ‘Superpunky’ ou da webserie ‘Clases de lo social’- e Pablo Viña -sonidista profesional-. Tamén contamos co actor Santi Romay para o “coaching” actoral, pois todos os actores e actrices que aparecen tiñan pouca ou nula experiencia diante das cámaras. A montaxe correu a cargo de Pablo Cacheda. O de que sexa curta pode ter que ver un pouco porque contabamos con tempo limitado para a rodaxe e tamén porque o guión non supera as sete páxinas, así que, no fondo, a duración da curta está axustada ao previsto”, sinala o director.

‘Metrocabina’, coas súas chiscadelas ao fantástico ao xeito de Matrix, podería entenderse como un ollar paródico a un xeito de vivir con demasiada présa

‘Metrocabina’, coas súas chiscadelas ao fantástico ao xeito de Matrix, podería entenderse como un ollar paródico a un xeito de vivir con demasiada présa. Nese sentido amosa, curiosamente, algunhas conexións co ‘Time tinder’ de Olga Osorio. “A idea” -di Castro- “era facer unha reflexión sobre a falta de conciliación a través dunha nai solteira (Eva Fernández) que non dá feito e que, ademais, por enriba, ten unha filla adolescente (Candela Vázquez). Con todo, a curta non trata de ser transcendental senón máis ben ser un produto de entretemento de ciencia-ficción “low cost”, humor e suspense cun tema social de fondo”. 

Andrés Castro anda xa máis centrado na súa última curta que, segundo conta, acaba de facer xunto con María Fanjul. Titúlase ‘Atopando o camiño’ e estará presente no próximo Culturgal. ‘Metrocabina’ formará parte tamén da programación da XLI edición da Semana de Cine de Lugo, e tamén no XXXI Maratón de Cinema Fantástico e de Terror de Sants.

Imaxe de 'Metrocabina' © Metrocabina

Neno bonito

Fran X. Rodríguez dirixe ‘Beautiful boy’, a historia “dun “neno” de 37 anos que sofre unha enfermidade crónica dende que era cativo, causa da súa sobreprotección por parte de súa nai, educada nun patriarcado rancio, que inculcou no seu fillo a necesidade de manter o apelido familiar. De aí os celos que provoca en súa irmá, “unha rapaza que se labrou un futuro propio a costa de traballalo e que sempre viu a seu irmán coma un inimigo que lle ocupaba todo o espacio na contorna familiar. Cando Andrés decide desaparecer, a súa irmá ve a ocasión perfecta para desfacerse del”, indicou o director a Praza nunha entrevista feita con ocasión da participación desta curta nos últimos premios Mestre Mateo.

A curta nace, segundo explica o seu director, “da canción homónima de John Lennon ‘Beautiful Boy’, onde hai unha frase que di que a vida é eso que pasa mentres fas plans. Esta cita vén dicir que se adicas a túa vida a planificala, o que estás facendo é deixar de vivila. E o máis parecido a deixar de vivir é estar morto. Esta premisa, a priori, tan existencialista, serviunos para facer unha comedia negra onde reflexionar sobre o valor que lle damos ás cousas e o valor do tempo”.

A intención de ‘Neno bonito’ é “retratar”, a través do personaxe ,"ese mundo absurdo no que vivimos obsesionados por acumular cousas”

A intención -aclara- é “retratar”, a través do personaxe de Andrés, obsesionado por coleccionar obxectos, “ese mundo absurdo no que vivimos obsesionados por acumular de xeito exacerbado cousas que realmente non serven para nada e que, ademais de ocupar un espazo físico, ocupan iso do que realmente somos donos e soberanos: o noso tempo. Tanto este tema coma o das relacións familiares son recorrentes nos traballos que realicei ata o momento. Resúltame, ademais, interesante tratar as historias dende a comedia porque considero que é o xénero máis eficaz para que as ideas acaben calando e asenten”. ‘Beautiful Boy’ conta con elenco de actores ben coñecidos coma Santi Prego, Cova Berdiñas, Denís Gómez e Santiago Fernández. 

Peixes voadores

Un mozo namorado faille á súa compañeira unha promesa que nese momento parece ter sentido. Todo parece ir ben, mais un accidente fai que as cousas se torzan. Así comeza ‘Peixes voadores’, de Franciso Torregrosa. Unha curta sobre a idea hexemónica do amor e o seu cuestionamento ante as circunstancias da vida, como a perda. “O protagonista” -indica o director- “vai abandonando a idea de que o amor é limitado a unha persoa e á vida presente, e chega a velo como unha forza que flúe, entre as persoas, o tempo,  e mesmo a morte. Unha perspectiva do amor como forza da natureza que vén simbolizada polas correntes e polo mar. Deste xeito a perda non é tal. Os peixes son tres, pero poderían ser cinco ou sete. E mesmo dous”. 

Un trío que parece traspasar máis que fronteiras, nun xogo de realidade/soño que mantén unha deliberada ambigüidade. “Pode ser un soño, ou pode ser verdade. Manuel cre que Elisa ven velo realmente. Unha doutora ten claro que todo está na mente do enfermo. Outra non está tan segura. Do mesmo xeito que cada un dos protagonistas, cada espectador ten unha resposta para iso”, asegura o director. No contraste entre as personaxes femininas está boa parte do miolo da curta. Unha científica que representa a racionalidade. Outra que non renuncia á mesma mais encarna a tenrura da xuventude e a fe no amor. Outra muller que se vai decatando de que amar é tamén dar liberdade. “A primeira tamén é científica e está presa da visión materialista da existencia. A xuventude ten a importancia, ademais doutras vantaxes prácticas, de que os prexuízos non están tan asentados”, opina o director. 

As interpretacións e a posta en escena teñen unha clara pegada teatral, que resulta ás veces mesmo afectada. Este ronsel teatral foi, segundo o director, algo buscado. “Pareceume un bo recurso narrativo e tamén un elemento esteticista: unha caveira guapa non é o mesmo que unha zombificada.  Por outra parte, as actrices e o actor proveñen do mundo do teatro e quixen darlle esa pátina de irrealidade verídica que ten este medio. A utilización de estereotipos como o túnel no final da vida e os retornados que queren dar unha mensaxe do máis aló van tamén por ese camiño”, afirma.

A curta inclúe alguha chiscadela ao espectador coma a presenza, nun momento, dun libro de Poe

A curta inclúe alguha chiscadela ao espectador coma a presenza, nun momento, dun libro de Edgar Allan Poe. “Despois de ter escrito o guión, caeu nas miñas mans este libro que contén un precioso conto gótico, titulado Eleanora, que ten un argumento semellante ao do noso film. Aínda que a narración vai enseguida por camiños moi diferentes, quixen render unha pequena homenaxe ao mestre”, di o director. Aparece tamén, só uns segundos, un libro do mesmo título que a curta, que sería o libro que estaría escribindo o protagonista, autor de contos ilustrados. O personaxe “vese na obriga de deixar de escribir durante a súa crise, e pode por fin rematar a obra ao final cando é quen de reconducir a súa vida. A portada con tres peixes non é casualidade: é o reflexo da súa recuperación”, adianta. Para resumir, achega unhas poucas palabras: “no fondo, non sabemos en que mundo ou mundos vivimos”.

As lavandeiras

Unha nena camiña polo bosque tras acompañar a súa nai lavar no río. Por máis que a nai lle rife, non deixa de adiantarse. Ata que se atopa cunha misteriosa muller maior -Mela Casal- que pide algo de comer. Así arranca ‘As lavandeiras’, de Lois Basallo, unha peza que seguiu a outra sobre as costureiras realizada no seo do mesmo proxecto no que se integra ‘As lavandeiras’, Vou Films. 

‘As lavandeiras’, de Lois Basallo, seguiu a outra sobre as costureiras realizada no seo do mesmo proxecto no que se integra ‘As lavandeiras’, Vou Films

“Agora mesmo estamos inmersos nunha terceira que se vai chamar ‘As Peixeiras’, e son todas de características similares: ambientación de posguerra no rural galego e dignificando a muller con eses traballos moitas veces vistos como secundarios ou pouco dignos, mais que eran moitas veces o único ingreso que entraba nesas familias tan desestruturadas por mor da guerra. E a idea xorde un pouco a raíz dos contos que me contaba miña avoa de cativo, e como mesturando elementos fantásticos propios da nosa cultura, xunto co propio medo que reinaba na época e a recreación no rural, fan que sexa unha combinación moi boa e cree esa aura de misterio”, explica Basallo.

A curta deixa moito espazo para a interpretación do espectador, que debe integrar o seu xeito na historia os elementos fantásticos que se deixan entrever. “Si está feita para que o espectador xogue un pouco coa súa imaxinación e ate os cabos que crea convenientes, mais o que si pretendemos é crear unha angustia. Ver como pasamos dunha aparente xornada de normalidade a ese caos no medio da fraga por mor dunha simple conversa coa cega, e como hai cousas fantásticas como neste caso o lume fatuo ou a curuxa que son presaxios do que vai acontecer”, subliña o director. 

Un elemento moi importante na curta é a propia paisaxe na que está rodada. Que habitan as tres actrices: Claudia Basallo, Gemma Do Carmo e Mela Casal

Un elemento moi importante na curta é a propia paisaxe na que está rodada. Que habitan as tres actrices: Claudia Basallo, Gemma Do Carmo e Mela Casal. “A verdade é que foi unha honra contar cunha actriz coma Mela para este proxecto, e ver que se involucre da maneira que o fai di moito da súa persoa. Todo está rodado integramente na Pobra do Caramiñal, nas fragas que están a carón do río Pedras. Foi unha única xornada de rodaxe, máis ben dura, xa que moitas das localizacións son sendas inhóspitas e se o simple feito de chegar ata alí ten o seu mérito, hai que sumarlle que foi nunha xornada de inverno, con temperaturas moi baixas e a choiva que nos acompañou por momentos. Pero isto é Galiza e coido que mereceu a pena o esforzo, co resultado da curta”, di o director.

Terror na Batea

Un científico pouco empático e moi ambicioso realiza un experimento con mexillóns que se lle vai das mans. Con consecuencias indesexadas. Diso vai ‘Terror na Batea’, de Diego López. Que é a cuarta parte da serie ‘Rural Horror Storis’, un proxecto inspirado “no cine oitenteiro e cutre, con efectos malos e traxes/marionetas de cartón-pedra. Fibra de vidro neste caso”, explica o propio López. O reto, desta volta, consistía en gravar unha curta nun día. Aínda que -conta López- ao final non chegou e foron… dous días de rodaxe, que foron posibles ademais pola confianza demostrada pola confraría de Rianxo, que lles permitiu gravar nunha batea.  

“A idea xurdiu” -comenta o director- “en varias viaxes que fixen á illa de Arousa, onde dende a ponte que cruza ata terra puiden ver unha batea da confraría, que ten chan sen separación. É coma un palé xigante no medio da auga. Sempre que a vía pensaba: como molaría facer unha curta nunha batea!. Iso sumado a que unha amiga contoume que na zona de Cangas/Aldán a xente ía ás bateas facer parrilladas de mexillóns. Así xurdiu a idea duns chavales que van facer esta actividade mentras son atacados por algún monstro mariño, como en ‘La balsa’, de Creepshow 2. Dani Xove, que sempre colabora comigo no desenvolvemento dos guións, e máis eu démoslle moitas voltas e ao final xurdiu a idea do mexillón xigante asasino cun ollo, feito en rotoscopia: debuxado á man, fotograma a fotograma”.

Xurdiu a idea duns chavales que van facer esta actividade mentres son atacados por algún monstro mariño, como en ‘La balsa’, de Creepshow 2

Os personaxes son caricaturas. “Como en todas as Rural Horror Storis, xogamos con personaxes tópicos: o chulo de praia, o pailán, a choni, “a de fóra” e un científico louco. Baseámonos en clichés para non ter que afondar moito nas personaxes e que a xente, só con velos, xa se dea conta do seu “background”, indica o director. Tampouco hai “actuacións súper profundas e fortemente desenvolvidas” -sinala- porque “non pegarían no xénero de fantaterror que traballamos. Por iso os actores teñen un “acting” moi de debuxos animados, para potenciar o cutrerío e o “choteo”. Queremos que o espectador non se sinta defraudado: imos coas cartas sobre a mesa e deixamos claro que isto é comedia e queremos que rían”. 

Imaxe de 'Terror na batea' © 'Terror na batea'

Mais a historia desenvólvese, en realidade, en varios planos narrativos, que inclúen anacos de vellos programas de televisión e unha parte de animación. Porque é, en realidade, o contido dun vídeo que ao principio nos pon outro personaxe: o presentador das Rural Horror Storis. “Un contacontos reconvertido en videoblogger, que non ensina historias, en diferentes formatos físicos, da súa videoteca persoal. E acaba dando unha moralexa recorrente”, segundo o director desta curta. Así, ‘Terror na Batea’ ten “unha estrutura tan ‘Frankenstein’ debido ao feito de que está montada como se fose unha gravación caseira da TV nunha fita de VHS vella, con anacos sobrantes doutras cousas e con esa textura de fita magnética estragada”. 

Todo é bastante cutre -como era a idea- en ‘Terror na Batea’. Mais non por iso se deixaron de buscar recursos onde os había e onde non

Todo é bastante cutre -como era a idea- en ‘Terror na Batea’. Mais non por iso se deixaron de buscar recursos onde os había e onde non. Coa rodaxe aínda sen rematar e co sol xa caendo, o equipo quedou sen baterías. E decidiu solventalo gravando na casa “unha pelexa con bonecos cun croma. Mercamos un boneco vello de Superman en Ebay, tuneámolo, e gravamos varias probas ata que obtivemos o resultado que queriamos. Despois Dani Xove animou os fondos… E así saíu unha pelexa de bonecos ao estilo Dragon Ball”, conta López.  

A rodaxe na batea tivera, ademais, a súa complexidade. “Ao non ter electricidade alí, tiñamos que ir a terra nunha planeadora e buscar baterías e intendencia. Tamén nos pasou que chegamos ás nove da mañá para empezar cedo, pero había unha néboa mariña que nos tivo esperando dúas horas. Por iso a parte de Manquiña ten esa luz tan forte: estabamos metidos no medio da néboa”. Manuel Manquiña comparte con Lorena Rei, Román Castaño, Alejandra Tomé e Duarte Galán o reparto desta curta. Para rodar, tiveron que levar un barco mexilloeiro que ancorase a batea para evitar que se movese coa forza da marea. Gravaron todo, así, por orde cronolóxica. “A metade da curta é feita a trípode e a outra metade, a partir de que se decatan de que están atrapados alí, coa cámara ao hombro, para darlle ese toque de tensión”, resume o director. 

Cafeína

Un home adicto á cafeína percorre a cidade, desesperado, en busca do que lle dá -e lle quita- a vida: o café. Cada vez máis desesperado na súa busca, chega a sementar o pánico. Ou iso contan os medios de comunicación. Diso fala ‘Cafeína’, de Julio López e Sara C. Lorenzo, que conta cun moi bo reparto: Isabel Navera, Nani Matos, Pilar Boullosa e Bastián Lobato. A curta estará presente tamén no próximo festival Armadiña, polo que haberá máis oportunidades de vela nas próximas semanas. O FKM inclúe na súa programación, por último, tamén unha longametraxe: ‘Las Brujas de E'lente’, de Simón Vázquez, que xa o ano pasado fora presentada no OUFF. 

O FKM inclúe na súa programación, por último, tamén unha longametraxe: ‘Las Brujas de E'lente’, de Simón Vázquez

E’lente, fillo do demo, destinado a sementar o caos na Terra, foi afastado do seu pai. Deus agochouno entre os mortais para así protexer a súa creación. Pero o Demo conta con aliadas na terra destinadas a buscar o seu fillo. Aínda que todo isto -di a sinopse da curta recollida na web da mesma- non é máis que unha lembranza dun conto na cabeza de Eva. Tras dez anos vivindo nun internado lonxe da súa irmá, regresa ao que fora o seu fogar para liberala dos seus crueis pais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.