É a muller invisible na música?

María Xosé Silvar, Sés © Aira Studio

Ribadeo acollerá o vindeiro 13 de xullo a xornada Son de mulleres. Respostas á invisibilidade da muller na música coa que se pretende potenciar cambios de actitudes que axuden na procura da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes na arte. Os debates terán lugar no salón de actos da Casa do Mar.

Ao longo da historia da música o esquecemento e o descoñecemento sobre as mulleres compositoras ou intérpretes foi constante e mantense vivo aínda na actualidade. Xa que logo, a partires do recoñecemento das causas e consecuencias desa invisibilidade, o que se pretende é realizar unha aproximación á produción musical sen exclusión de xénero e ofertar modelos femininos positivos que estimulen a participación doutras mulleres na música e na danza.

Ugia Pedreira, Maria Xosé Silvar Sés e a txistulari Idoia Kareaga tratarán cal foi e segue sendo o papel das mulleres na recuperación e mantemento da música tradicional tanto en Galicia coma en Euskadi

A xornada comezará cun relatorio da compositora e integrante do consello do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid, Mercedes Zavala Gironés no que realizará unha aproximación histórica á invisibilización da muller no eido musical. De seguido, Ugia Pedreira, Maria Xosé Silvar Sés e a txistulari Idoia Kareaga tratarán cal foi e segue sendo o papel das mulleres na recuperación e mantemento da música tradicional tanto en Galicia coma en Euskadi. Para rematar a mañá sumaranse ao coloquio o grupo chairego Irimia Cantareiras e máis as integrantes do grupo local Alesancia (das Anzas) para debatir arredor da situación das mulleres e a música neste tempo.

Xa pola tarde levarase a cabo un acto de recoñecemento ás Meniñas de Saudade e proxectarase o documental da realizadora María Acuña, Saudade e retrato en si bemol no que se achega a histora das Meniñas de Saudade. Para pechar a xornada, ás 21.00 horas no Cine-Teatro, celebrarase un concerto no que actuarán a Banda Municipal de Ribadeo, o grupo Alesancia, Irimia Cantareiras, María Xosé Silvar Sés e máis Ugia Pedreira. Ao tempo que se desenvolve a xornada terán lugar dous talleres gratuítos. O primeiro deles, un obradoiro de danza, será impartido por Branca Novoneyra e está dirixido a alumnas e alumnos de danza e ballet de entre 8 e 12 anos. O segundo, aberto ao público en xeral, terá lugar na tarde do venres, ás 16.00 horas, será impartido por Olga Nogueira baixo o título Percorrido pola música galega.

María Xosé Silvar, Sés © Aira Studio
Ugia Pedreira © Raquel Rei

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.