Asisko Urmeneta é o autor do álbum de banda deseñada Gartxot, sobre o que se realizou o filme de animación que se estrea este venres en Compostela. A película proxectaráse nos cinemas Compostela de Santiago a partir do venres 23, en eukera con subtítulos en galego. Está baseada nunha narración que o escritor Arturo Campión publicou en 1917 apoiándose nunha antiga lenda do Val de Salazar, Navarra, sobre os bardos dos Pireneos, e constitúe unha reivindicación do dereito a crear en lingua vasca.
Como xorde a idea de converter Gartxot nun filme de animación?
Creo que me entendes se che digo que Euskadi non é un país normalizado. A lenda de Gartxot escribiuna Arturo Campion, escritor e político moi descoñecido, que se fosemos un país normalizado sería un líder nacional. A min nunca me gustou o cómic didáctico, pero no seu día pensei que sería importante popularizar esta historia e a propia obra de Campion, e por iso saquei o cómic. Nunca dubidamos de que o álbum e a película a tiñamos que facer en euskera, que para min é un plus. Creo que é importante saber quen somos, e iso é o que facemos con Gartxot, e o que traemos a Galicia.
"No resto do Estado a recepción da crítica foi moi boa, agás unha, que chamou moito a atención, que nos acusaba de atacar a Igrexa"
O filme estreouse con éxito en novembro no País Vasco. Como está sendo a acollida fóra?
Acabamos de saír fóra de Euskalherría, onde é certo que tivemos una acollida moi boa, tanto de crítica como do espectador de a pé. En Catalunya, onde a distribuímos tanto no circuíto comercial coma noutro tipo de espazos, non tivo moita repercusión, hai que dicilo. E en cambio, no resto do Estado a recepción da crítica foi moi boa, agás unha, que chamou moito a atención, que nos acusaba de atacar a Igrexa. En setembro editaremos o DVD, e no DVD haberá opción de subtítulos en galego, catalán, corso, aragonés, asturiano, bretón, kurdo, bereber..., etc. É importante para nós, e representa a nosa estima á diversidade.
A película reproduce a atmosfera particular do álbum de banda deseñada orixinal, sobre todo nas figuras humanas. Foi un efecto buscado?
En xeral, na película quixemos crear unha atmósfera especial en todos os elementos, que se puidese identificar co século XII. Esa forma que teñen as caras no álbum orixinal, con moitos escorzos, causoulles aos animadores moitas dificultades. Tamén as paisaxes teñen un tratamento moi coidado. E mesmo na lingua utilizada, traballamos por usar unha lingua comprensible, pero distinta ao euskera moderno, tentamos recrear unha lingua vasca medieval.
"A distribución é complicada e hai moitas obras que facemos alí que seguramente nunca chegarán a Galicia"
Como valoras a situación da banda deseñada e do cinema de animación en Euskadi?
A distribución é complicada e hai moitas obras que facemos alí que seguramente nunca chegarán a Galicia. Por exemplo, eu teño a camiseta dos Crebinsky, pero a película non chegou alí. Xabiroi é o máis destacable do que se fai en Euskadi, aínda que as temáticas están un chisco restrinxidas, ao ter que limitarnos a ser politicamente correctos, por ser editado pola rede de ikastolas. Creo que non hai tanta cousa, e estamos quedándonos un pouco descolgados. Gústame moito o cómic político que se está facendo en Francia, tanto sobre cuestións locais, ou sobre a realidade de lugares de Palestina. Eu mesmo en Gartxot falo do século XII, pero gustaríame facer e ler cómics que falasen do que pasa en Euskadi.
Como vai ser o percorrido de Gartxot por Galicia?
Facemos dous tipos de distribución, un circuito on en salas comerciais e un off en centros sociais, asociacións... Por exemplo no País Vasco norte, en Francia, aínda non temos a licencia de exhibición, así que toda a distribución é off. Polo de agora en Galicia comezamos nesta sala, pero estamos abertos a proxectar o filme en calquera lugar, a xente só ten que pedilo. O que nos interesa é a difusión.