Editar despois da crise

"O que nos debe preocupar é chegar a unha sociedade lectora cada vez máis ampla" CC-BY-SA Gabriel

Bruma na liña (non escrita) do horizonte

Que non se deduza, do título deste capítulo, que “editar despois da crise” quere dicir que a crise rematou. Lonxe está, tememos, calquera remonte. O buraco aberto en 2008 aquí segue, unha década despois, ben ancho e fondo. Editar despois da crise significa, xa que logo, que todo é distinto agora, que nada será igual no eido da edición, porque nada é xa o mesmo neste xuño de chuvias de 2018 no que estou a escribir estas liñas.

O buraco aberto en 2008 aquí segue, unha década despois, ben ancho e fondo. Editar despois da crise significa que todo é distinto agora, que nada será igual no eido da edición

Foi moi fonda, múltiple, heteroxénea e radical a entrada desa crise nas nosas vidas. Tanto que con ela vai todo un modelo de negocio. Agora é preciso outro. O mundo que coñeciamos ata o 2008 vén de sufrir iso que se chamou “colisión de trens”, un choque de elementos contrarios que o avolveu todo. Por esta razón, as empresas editoras sabemos que debemos reinventar os nosos negocios, introducir novos sistemas de traballo, diferentes estratexias, outras condutas, non exploradas ata agora (tamén vale, coma sempre serviu, o sistema de “proba/erro” para ir buscando vieiros) e ir apalpando saídas ante un novísimo e ignoto panorama.

Neste novo horizonte non poderemos perder xamais a esencia do que é o noso traballo. A edición de cultura –como é practicamente toda a edición feita hoxe en Galicia– debe ter moi claro o seu obxectivo: non é outro que dar forma e divulgar contidos dignos de ser espallados pola sociedade, unha sociedade que queremos lectora, pois buscamos o benestar da xente, e que sexa lectora turrando desta lingua nosa tan mancada como histórica, tan feble como resistente. As editoras somos factorías de contidos culturais. Non hai outro fin no traballo editorial que loitar pola calidade e visibilidade.

Fracaso colectivo de todo o sector cultural e da sociedade sería que o libro perdese o seu valor... mercantil. A cultura non é de balde

Ben. Si. Hai outro fin. Imprescindible: somos empresas. Empresas que fan arte, pero empresas. Mantemos día a día a delicada estrutura, en moitos casos dunha microempresa –verdadeiros autónomos facendo equilibrios constantes para alcanzar a fin de mes e pensar xa como será o mes seguinte–, mantemos, como digo, un pequeno edificio construído coma unha fráxil estrutura que agora, por riba, ten que discorrer por novas sendas. Somos empresas, dicía, e sería o maior dos fracasos non conseguir vivir dignamente do noso traballo.

Como fracaso colectivo de todo o sector cultural e da sociedade, sería que o libro perdese o seu valor... mercantil. A cultura non é de balde. Os contidos, no mercado, non se poden agasallar. Son un agasallo colectivo, pero media nese lance un proceso comercial de creación, fabricación, promoción, venda e compra. Todos os que nos dedicamos a escribir, editar e/ou vender libros, temos que loitar contra isto a diario. Tamén calquera que se dedique á xestión ou difusión cultural..

 

Cales foron os trens que colidiron?

Os programas de fomento do libro e da lectura sufriron un recorte nos últimos dez anos de máis do 50% de media, chegando ao 80% de redución nas axudas ás bibliotecas públicas do país

O primeiro convoi xa o apuntamos: a crise económica que non deixou fóra a ningún sector do país (aínda que uns quedaran máis mancados ca outros). No noso sector levou por diante, nesta década (2008-2018) a varios referentes editoriais, encolleu dun xeito notorio os cadros de persoal de moitas outras empresas, e mantén agora mesmo, nun estado de –chamémoslle– hibernación, a outros selos que, se ben non anunciaron aínda a súa liquidación, si agardan, sen actividade, un futuro totalmente incerto.

Non vou dar cifras ou estatísticas nestas liñas que se me pediron divulgativas e reflexivas. Para coñecer con detalle o panorama editorial galego abonda con acceder á diagnose do sector que elaborou precisamente este ano 2018 o Consello da Cultura Galega. Recollida no documento Datos da edición en Galicia 2006-2016, que se pode consultar e descargar da rede. Só comentar, do seu contido, dúas conclusións moi significativas: o consumo privado de libros non fixo máis que caer nesa década. Por outra banda, os programas de fomento do libro e da lectura sufriron un recorte nos últimos dez anos de máis do 50% de media, chegando ao 80% de redución nas axudas ás bibliotecas públicas do país. Aquí, a responsabilidade da Administración autonómica é moi elevada, crucial. Volveremos sobre sobre isto despois.

Sigamos. Falabamos do choque de trens. Da confluencia de factores negativos, todos xuntos, en contra deste sector. Outro convoi foi o da tecnoloxía. Chegou coma un lóstrego e atravesa as nosa vidas e hábitos transformándoo todo. Internet permite unha transmisión de contidos tan rápida, tan ampla, e tan informe, que deixou descolocados a todos. Non só ás nosas factorías de contidos. Tamén aos lectores e lectoras.

Así chegamos á lectura dixital. É tal o cambio de paradigma que os expertos xa falan de distintos, de novos tipos de lectura: que se lectura profunda, que se lectura superficial, que se lectura fragmentada, que se ler un tuit ou ler cen tuits é ler ou non é ler... É dicir, estamos intentando definir, a estas alturas, o que é ler. Ata estes extremos nos deixou sacudidos a transformación dixital. O despiste neste terreo está bastante estendido, como tamén os gurús que levan anos anunciando as mortes do libro, do papel ou da escrita a man nas escolas.

Ás empresas editoras o que nos debe preocupar é chegar a unha sociedade lectora cada vez máis ampla

Nós, as empresas editoras, estas factorías de contidos que somos, o que nos debe preocupar é, como dixen ao comezo, chegar a unha sociedade lectora cada vez máis ampla. Dicía o escritor, arquitecto e activista social inglés William Morris na Inglaterra de finais do XIX: “Non creo na arte para uns poucos, igual que non creo na liberdade nin na educación para uns poucos”.

Ler pide algo de acougo, algo de esforzo e algo de tempo... Todo xunto. E axiña, grazas á lectura, un aprende unha cousa imprescindible dende os primeiros anos de vida: a poñerse no lugar do outro (iso que chamamos empatía, tan de moda na psicoloxía de hoxe, xunto coa intelixencia emocional), e a falar mellor, e a ter sentido crítico... Ou sexa, a ser máis libre. Por iso non imos perder o tempo en intentar definir, de novo, as bondades da lectura. Sabemos moi ben o que non é a lectura.

Xestionar cos mellores contidos este motor do coñecemento, esta ximnasia mental que debemos procurar practicar a diario, esta é a nosa función editora. “El río de las palabras es el alimento y sustento de la personalidad” afirma Emilio Lledó en ese magnífico libro que titulou Los libros y la libertad (RBA, 2015).

Os impactos visuais que recibimos son unha competencia moi forte para soster, fronte a eles, o clásico discurso lector

As Redes, Internet, son un aliado prioritario. A ferramenta máis útil de transmisión de información e de comunicación. Pero dentro delas está tamén o seu efecto contrario: son tan rápidas, globais e intensas, son uns contedores tan inxentes de información e datos, de imaxes e historias, que esixen un filtro, unha peneira, unha xerarquización. Entre a masa inxente de datos podemos perder, diluídos, os verdadeiramente importantes. A ver se imos caer de novo no mito grego da Caverna, e crermos, como criticaba Platón, que o que vemos é o que hai, que as sombras son as cousas... Por outra banda, chegan moi cedo as tecnoloxías a un público demasiado novo que aínda non ten ferramentas para xestionalas.

Un terceiro tren en colisión, derivado do anterior, son os baixísimos índices de lectura, o decrecente prestixio social de ler, a desafección, que é –máis que unha actitude en contra–, o que máis doe. Isto agravouse nesta década. Pásanos a todos: os impactos visuais que recibimos vía aplicacións de smarthphone, vía videoxogos ou calquera outro dispositivo novo, inventado ou por inventar, son unha competencia moi forte para soster, fronte a eles, o clásico discurso lector

Algunhas das últimas obras editadas por Alvarellos © Alvarellos Editora

Estratexias para esvaer a bruma 

Levo quince anos dirixindo unha pequena, pero resistente, empresa editorial, e outros tantos, antes, no mundo da comunicación, e da comunicación cultural. Conto xa cunha perspectiva e unha experiencia dilatadas, resultado moitas veces da combinación de erros e acertos, que é onde máis se aprende (dos primeiros, sobre todo). Por iso vou tratar de enunciar algunhas ideas/estratexias para ver entre a néboa. E calquera estratexia require alianzas.

Estes meses de 2018 están a emitir de novo nunha canle de televisión, a ben coñecida serie estadounidense Friends que se gravou aproximadamente entre 1994 e 2004. É un bo exemplo para o que quero dicir, pois representa unha década antes da crise. Os seus protagonistas, que andan polos 30 anos, aínda non experimentaran o estoupido dixital nas súas vidas. Pois ben, na maioría dos capítulos, os mozos aparecen, ben nas súas casas ou no sofá do seu coñecido café (o Central Perk) lendo un libro; agardando por alguén lendo un libro; tomando relaxadamente unha infusión na sala de estar, lendo un libro, ou un xornal. E mesmo nos diálogos introdúcense preguntas do tipo: “—Que estas a ler?” Impensables hoxe nas tramas actuais...

Nós como empresas debemos coñecer á sociedade que temos diante. De nada nos vale pecharnos en vellos esquemas e laiarnos dicindo que hoxe a xente non quere ler

Por iso sería tan necesario que se volvesen incluír tramas onde a lectura e os libros estiveran presentes. Ten que haber personaxes lectores e non ser, eles, elas, tipos raros ou frikis senón referentes no grupo social. Tamén é preciso alcanzar outras alianzas: por que non cos colexios médicos? Acaso receitar unha boa lectura non é medicina para o adolescente sumido en cambios tan radicais?, ou para diminuír a soidade que de súpeto lle alcanza a un xubilado? Non cura tantos males unha boa lectura como as pílulas? E que tal mobilizar aos clubs deportivos, aos referentes sociais do deporte? Ou ás asociacións de restauración, que empecen a artellar receitas con literatura nos nomes, hoteis con encanto lector...

A estratexia, en fin, para transformar a nosa sociedade en lectora debe ir de abaixo arriba, e de arriba abaixo, e por todas as liñas medias posibles, pois a situación é tremendamente delicada (para nós como sector e para a sociedade no seu conxunto). E este camiño debe emprenderse sempre con alianzas, público-privadas.

Nós como empresas debemos coñecer á sociedade que temos diante. De nada nos vale pecharnos en vellos esquemas e laiarnos dicindo que hoxe a xente non quere ler, que non desexa libros nas súas casas, nin nas súas vidas. Cómpre, como comentabamos ao inicio, unha adaptación fonda, transversal, das nosas prácticas editoriais aos novos tempos, porque son os nosos tempos tamén.

Na nosa editorial tivemos moi claro que había que dar un xiro. Que tiñamos que deixar de ser “só editores” e pasar a ser esa “factoría de contidos”

Na nosa editorial tivemos moi claro que había que dar un xiro. Que tiñamos que deixar de ser “só editores” e pasar a ser esa “factoría de contidos”. Que quere dicir isto? Repensar o sistema de produción e de promoción. Un contido, cultural ou científico, pode difundirse coma un libro tradicional en papel, coma un libro en formato dixital, mais tamén como unha exposición itinerante, por medio de charlas ou obradoiros en centros de ensino, clubs de lectura (importantísimos) ou centros socioculturais, elaborando con eses contidos rutas ou visitas guiadas cando o tema o permita, apoiarse en música, en teatro... Desbotar, sempre que sexa posible, o sistema tradicional de presentación dun libro (tan ríxido, tan endogámico e... tan extenso e intenso, ai!), e artellar novas estéticas, novas formas de presentar e de presentarse ante o que queremos sexan as nosas lectoras e lectores.

Pedagoxía, didactismo, atractivo para as novas xeracións, e para todos. Velaquí a nosa responsabilidade. Que debe ser compartida coa das autoras e autores, pois estes teñen que converterse tamén, en colaboración íntima coas editoras, en promotores activos das súas obras. Reinvención que é extensible loxicamente ás librarías, que deben erixirse en centros difusores de cultura nos seus barrios ou lugares de influencia. A elas, as editoras pedimos sensibilidade cos nosos libros. O mercado do libro galego supón un 17% do mercado total do libro en Galicia. Gustaríanos a todas as empresas editoras que, polo menos, esa porcentaxe tan fraca tivera un reflexo proporcional nos escaparates, que a nosa biodiversidade teña un 17% de oco, polo menos.

Os novos tempos tamén chegan ás imprentas. As máis adaptadas pensan xa na impresión baixo demanda, en produtos personalizados, en formatos dixitais... E logo, a distribución. Sabendo que os sistemas tradicionais de depósitos de libros e de ciclos nas librarías xa morreron. Todo ten que ser repensado. Coas inercias xa superadas dunha mala distribución pode morrer todo un traballo editorial previo.

E os poderes públicos? Que fan? Que deben facer? É evidente: cos cartos que aportamos todos, están obrigados, por lei, a contribuír decididamente a ampliar esa sociedade lectora.

E os poderes públicos? Que fan? Que deben facer? É evidente: cos cartos que aportamos todos, están obrigados, por lei, a contribuír decididamente a ampliar esa sociedade lectora. Os datos do Consello da Cultura Galega que citamos máis arriba non falan disto senón que trazan máis ben un panorama desolador. Isto debe ser contestado de maneira firme e colectiva por todos nós, é a nosa obriga.

Un país coma o noso, coa nosa identidade, cultura, lingua, coa enorme capacidade creativa das nosas creadoras e creadores, e a biodiversidade editorial que o conforma, non pode perdoarse ten un tecido empresarial tan feble, sempre na liña de flotación. Sería (é) unha vergonza. Eu non comparto que haxa desinterese colectivo polos libros e a lectura, polo coñecemento. Son novos tempos e son os nosos tamén. E temos que reaccionar. As editoras turramos cada día para que iso non suceda.

Alvarellos na última edición da SELIC compostelá © Alvarellos editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.