'Agosto' (Apiario) é o novo poemario de Miriam Ferradáns, con deseño de Mauro Trastoy, no que a dor faise carne, corpo ferido
A dor da perda situábase no centro de ‘Nomes de fume’, o anterior poemario de Miriam Ferradáns. E volve facelo na súa nova obra publicada, a plaquette ‘Agosto’ (Apiario). Unha pequena alfaia feita a dúas mans: o deseño de Mauro Trastoy e os versos de Miriam Ferradáns. Nada sobra, nin falta, neste monllo de poemas feitos coa palabra xusta. Mais, se en ‘Nomes de fume’ había unha imposición social que tentaba obrigar a esquecer a ausencia –ata o punto de non mencionar a persoa que xa non estaba- en ‘Agosto’ a dor faise carne. Corpo ferido. Flor murcha. Angustia, desorientación e silencio. Ata a aceptación da morte. E a volta, malia todo, da beleza.
A obra é unha plaquette feita con Mauro Trastoy (o deseño é del). Foi proposta de Apiario o formato e o deseñador?
Foi unha proposta de Apiario. Ata o último momento non coñecín o deseño, si ao deseñador, pero vin a plaquette pouco antes que os lectores. Gustoume moito, síntome moi identificada con el. É fantástico sentir que te entenderon tan ben.
O libro nace da perda dun ser querido: unha amiga. Tamén ‘Nomes de fume’ nacera da perda. En ‘Nomes de fume’ a memoria da persoa que xa non estaba ía perdendo cor, debilitándose. En ‘Agosto’ hai flores que van marchitando. Que son as flores en ‘Agosto’? Que teñen que ver coas fases da dor da perda?
“As flores, por un lado, xeran na voz poética a reflexión sobre a morte, obrígana a lembrar, violéntana”
As flores, por un lado, xeran na voz poética a reflexión sobre a morte, obrígana a lembrar, violéntana. Neste aspecto establécese unha comparación entre unha flor cortada e un cadáver, as fases polas que pasan ata ser po. Por outro lado acompáñana na decadencia, prodúcese unha mímese entre a flor e a voz poética, as fases do abandono son compartidas, a perda de vigor, a alegría.
Por que, en concreto, a relación entre o tulipán e o turbante?
Xorde dunha confusión entre un campesino turco e o tradutor dun embaixador austríaco. Contan que o campesiño levaba un turbante mentres se atopaba traballando nun campo de tulipáns e cando foi preguntado polo nome da flor malinterpretando a pregunta, respostou co nome do turbante.
En relación coa dor parece situarse, xa acabas de dicilo, a idea da violencia. Que quizais se relaciona coa raiba dunha perda derivada dunha morte inesperada e absurda. Que é a violencia neste poemario e como a voz poética trata de xestionala a través del, da palabra?
“A violencia é un dos motores da voz poética, aparece canda os tulipáns. Hai unha man que cre entregar flores pero entrega un desencadeante de emocións”
A violencia é un dos motores da voz poética, aparece canda os tulipáns. Hai unha man que cre entregar flores pero entrega un desencadeante de emocións. A violencia comeza aí, con el, alguén que tamén resulta incómodo para a voz poética, que tamén a violenta. Cara o final aparece en certo modo a aceptación de ambas realidades e é aí onde a violencia realmente comeza a desaparecer, onde carece de significado.
Tamén en relación co anterior, a voz poética busca a beleza –no medio da dor- e só cara ao final parece comezar a atopar algo dela (ao principio, as cores vivas molestan, por exemplo). Como se relacionan no poemario as fases da dor e a procura da beleza?
A búsqueda desesperada da beleza tamén é violencia no poemario. Querer encaixar no canon imposto sobre o que ten que ser fermoso, xa que para quen observa as flores non o é. A medida que se produce a aceptación desta verdade e a aceptación do que aconteceu, a violencia desaparece e a beleza toma corpo creo, neste caso, a partir dun raio de luz que entra pola ventá.
En relación coa perda, as dúas nenas, ou quizais adolescentes, que quedan, calan, desorientadas, ante a ausencia da terceira. Non sei se é a intención, mais o poemario conecta coa infancia, como o facían ‘Deshabitar unha casa’ e ‘Nomes de fume’. É así? Por algunha razón especial?
Non. Na miña concepción de ‘Agosto’ non están no mesmo plano nin temporal nin espacial. Entendo que haxa conexións propios de quen escribe pero non estaba pensado para ser así.
É un poemario moi narrativo, de pouquiños poemas, e cun estilo moi contido. Fuches consciente dese estilo? Querías facelo así? Como se relaciona, nese aspecto, con ‘Nomes de fume’?
“Foi un proceso de depuración obsesivo: mudar palabras, eliminalas, repetilas mil veces, ver se eran precisas, se podería prescindir delas sen sacrificar o obxectivo final”
Fun moi consciente e busqueino dende o primeiro momento. Foi un proceso de depuración obsesivo: mudar palabras, eliminalas, repetilas mil veces, ver se eran precisas, se podería prescindir delas sen sacrificar o obxectivo final. ‘Nomes de fume’, aínda que creo que tamén é un libro de contención, non está tan depurado, non deixei tantos espazos de xeito deliberado. En ‘Agosto’ quixen tensar as palabras, a escrita e a min mesma ata o límite.
Hai versos impresos cunha tinta máis clara que outros. Por que?
Todo canto tivo que ver co deseño corresponde a Mauro Trastoy e a Apiario. Como che comentaba antes acabou por se converter nun todo moi interesante.
Fálase dun lugar onde os mariñeiros deben volver a terra para que poidan comezar os enterros. Das fillas, por exemplo. É unha imaxe brutal da perda, ao mesmo tempo que a pura realidade, supoño. De que xeito está ligado o poemario á costa, ao mar?
A costa son os lugares clave onde acontecen as esceas de ‘Agosto’. Non necesariamente se agarda sempre por eles para que se produzan os enterros, pero de ser así, a técnica empregada é sempre a mesma. É fundamental no poemario a imaxe á que fas referencia, non tería sido así en ningún outro lugar. Non que eu coñeza, polo menos.
“Neste libro o corpo representa a dor, a imposibilidade de reter a quen se ama”
O corpo volve estar presente neste poemario, como nos anteriores. Supoño que porque a dor, a angustia da perda, é algo moi físico. Como a morte mesma, que é en realidade do que fala o poemario. De que xeito está presente o corpo neste libro?
Neste libro o corpo representa a dor, a imposibilidade de reter a quen se ama. O corpo aparece a través das flores, faise carne nelas, manifestase.
En ‘Nomes de fume’ había unha perda, e unha imposición –social, familiar- de esquecer ata o nome da persoa ausente. De esquecer a dor. Dalgunha maneira, ‘Agosto’ rebélase tamén contra iso, e ponlle carnalidade á dor, a través do deterioro das flores como imaxe… Como se relacionan estes dous libros, en relación coa reacción ante a dor?
‘Agosto’ é máis sosegado, parte da observación. A dor vaise coando como a luz de Agosto ata queimar pero é un xeito de rebelarse distinto. Aquí, en certo modo, a voz poética déixase levar por ela, permite que asuma o mando, acelera o deterioro. As flores vehiculan o cansanzo. É unha dor cansa. Aceptación.
“A miña escrita é moi demorada polo que despois desta plaquette non sei que acontecerá”
Algún outro proxecto poético en marcha? Algo máis que queiras comentar?
Polo de agora, non. O meu proceso de escrita sempre é moi demorado polo que despois desta plaquette non sei que acontecerá. Con calma.