Enarborar o Bosque: Arte contra a mina

Helena Villar Janeiro no I Enarborar o Bosque © Enarborar o Bosque

Arte contra a  mina. Este sábado 1 de xuño a carballeira de Santa Mariña de Corcoesto acollerá a terceira edición desta iniciativa, unha romaría de artistas comprometéndose coa defensa do medioambiente e moi especialmente “Contra os proxectos de minería agresiva”, o seu lema. Enarborar o Bosque está organizado polos artistas Delio Sánchez, de Factoría Delideas, e os compoñentes do Colectivo arTeu, Inma Doval e Xacobe Meléndrez, en colaboración coa Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e co apoio da Federación Ecoloxista Galega (F.E.G.)

Será unha xornada lúdica na Carballeira de Santa Mariña, sobre o río Anllóns, na que se poderá ver traballando pintoras, videoartistas, escultores, fotografas… Tamén participarán as artes escénicas e irán sucedéndose as actuacións de músicos do país en formato acústico. O publico asistente poderá tamén participar nun taller de estampación e no pintado dunha lona colectiva coordenado polo Grupo Contamiñate. Todas as persoas que queiran poden levar os seus pinceis, papeis e calquer outro aparello para realizar as súas creacións.

Tamén se procederá á instalación de Un milladoiro para Corcoesto, na que se invocará o valor destas construcións tradicionais, que concluirá cun recital das poesias escritas sobre as croias e que formarán unha morea ao carón do camiño que vai á antiga boca da mina. Rematará a xornada coa lectura do Manifesto de Enarborar o Bosque en Corcoesto, no que as artistas asistentes rexeitan este proxecto de mina e fan un chamamento á sociedade para "todos xuntos comprometerse cun decrecemento do consumo que nos faga avanzar cara a unha relación sustentable coa natureza".

As obras de arte realizadas nesta xornada exporánse no Forum de Carballo no vindeiro outono e, xa no ano 2014, na Galería El Taller de Santiago de Compostela, coincidindo coa convocatoria do IV Enarborar o Bosque. Artistas e escritores que teñen confirmada a súa participación: Delio Sánchez, Inma Doval, Xacobe Meléndrez, Ana Fer, Sebas Rozas, Paco Souto, Leandro Lamas, Amelia Palacios Paula Manteiga, Carlos Botana, Sapoconcho, Lola Oviedo, Maria Leal, Cari, Ruben Fenice, Cora Peña, Begoña Pastoriza, Natalia Concheiro, Carolina Martínez Rodríguez, Mercedes Molares, David Manteiga, Tonhito de Poi, Ana María Hermida, Alfredo Ferreiro, Ramiro Torres, Nolim González, Cesar Morán, Ceu Costa ou Miriam Rodrígues…

Helena Villar Janeiro no I Enarborar o Bosque © Enarborar o Bosque
Presentación da iniciativa © Enarborar o Bosque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.