EnTránsito, cultura de andar por casa

Regina Fiz está entre as artistas presentes na plataforma © entransito.net

"Ti decides onde, cando e con quen". Con este lema preséntase En Tránsito, unha plataforma que ofrece levar a cultura a domicilio (a unha vivenda, a un lugar de traballo), achegando "a arte á vida cotidiá das persoas a través de intervención artísticas". É unha iniciativa da xestora cultural Natalia Balseiro, da artista Mercedes Peón e do tecnólogo Fernando Jiménez, na que xa colaboran 14 artistas ou agrupacións. Entre eles La Macana (danza contemporánea), Janet Novás (danza contemporánea), Alejandra Aguirre (artes visuais e creación audiovisual), Yolanda Castaño (obradoiro de poesía), Monica Alonso (cápsulas TI), Mónica de Nut (performance), Xurxo Fernandez e Ytzjak de Oliveira (viaxe sonora culinaria), 2uS (intervencións sonoras), Anta Arquitectos (obradoiro infantil), Regina Fiz (performance) ou os proxectos de hortos domésticos ou mobilidade urbana de Yes I can-tree.

Trátase, en definitiva, de achegar a arte ao lugar no que está o público, e de significar a través destas intervencións un determinado evento persoal, familiar ou profesional. Con estas propostas, que ademais necesariamente son distintas cada vez que se executan (adaptadas ao contexto), ráchase a homoxeneidade da oferta cultural e dos espazos de cultura.

En Tránsito non só ofrece un menú artístico pechado, senón tamén propostas artísticas adaptables, "experiencias artísticas que se adaptan aos teus desexos e que deseñamos conxuntamente a partir das túas preferencias". E mesmo existe a posibilidade de deseñar, man a man con algún dos artistas colaboradores, unha idea nova, unha experiencia artística pensada especialmente para un público e un espazo. As intervencións teñen prezos que se sitúan entre os 300 e os 600 euros e na páxina pódese consultar nun calendario a dispoñibilidade de datas de todas as artistas. Algunhas das propostas están deseñadas para un número máximo ou mínimo de espectadores, como tamén se fai constar na web.

Regina Fiz está entre as artistas presentes na plataforma © entransito.net
La Macana está entre os artistas que integran a plataforma © entransito.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.