"Este disco foi aprender a estender as ás e planear, sen volta atrás"

Xosé Manuel Budiño, na compostelá Praza de Praterías CC-BY-NC-SA Praza Pública - Cedida

Budiño ten novo disco, ‘Fulgor’, presentado este venres no concerto de apertura das festas do Apóstolo. Nunha primeira impresión, o seu autor pode parecer irrecoñecible. Entre outros motivos, porque canta. Mais é continuar escoitando e ver ronseis que sempre estiveron aí, a carón da súa frauta e da súa gaita. O rock. O jazz. Algo de pop, mesmo. E a vontade de facer algo moi persoal. As letras son súas e de amigos coma Vega, Antía Otero e Xoel López -unha de Rosalía de Castro tamén-. Para as músicas, conta cunha banda de formación de rock. A necesidade da calma, dos afectos, das cousas pequenas, ou a conexión de Galicia con tantos outros mundos atravesan o contido das dez cancións deste traballo, do que falamos nesta entrevista.

Teño que dicir que quedei moi sorprendida cando escoitei o disco. Aínda que, máis que romper co Budiño, se cadra racha co tópico sobre Budiño. Como o ves ti?

Eu véxoo mais así, pero é que estou dentro, claro. Eu o único que mudei foi o instrumento: a gaita a e frauta pola voz. Xa ‘Paralaia’, o meu primeiro disco, hai vinte anos, era un disco de composicións. Eu nunca fixen música tradicional, aínda que veño da música tradicional. Mais eu sabía que ‘Fulgor’ ía sorprender, e alégrome de que sorprendese. Mesmo xente amiga, músicos amigos, escóitanme nun local e non me recoñecen. E este quen é?, din.

“Mesmo xente amiga, músicos amigos, escóitanme nun local e non me recoñecen”

Mais non é a primeira vez que cantas, nin que hai cancións con letra nos teus discos. Facías coros… Como foi ese achegamento progresivo á voz como instrumento?

Eu o que facía era convidar a cantar nos meus discos a amigos e a amigas. Algún coro fixen, pero moi puntualmente, moi escondido. E o que pasaba é que me dicían: pero en vez de darme este borrador para que eu o reinterprete, por que non cantas ti? Claro que para chegar a cantar eu tiven que estudar moito, e aí foi Mónica de Nut, que me deu clases, a que me puxo as pilas.

“Nin na miña familia sabían que ía cantar. Só miña nai, que algo sabía”

Estudei canto, produción musical… E, por certo, nin na miña familia sabían que ía cantar. Só miña nai, que algo sabía. Estiven dous anos preparando o disco. Tomeino en serio, con calma, dándome tempo para estudar, para investigar, para facer dez cancións, que é que quería.

Xosé Manuel Budiño © Carlos Abal

Xa que falas de calma, o contido das letras ten que ver con iso, con gozar das cousas pequenas e importantes da vida. Saen moito as sensacións, a natureza, os afectos… É bastante intimista, nese sentido.

Vai por aí, si. É un disco moi onírico: os soños están moi presentes nas letras. E hai tamén moitos momentos vividos: moitos festivais, viaxes, continentes… Foi un xogo de ir encaixando as sensacións que tiña coas palabras, os fonemas, as tímbricas... , sempre tendo clara a composición musical. A verdade é que facer este disco foi como tirarme a un precipicio, pero sen paracaídas. Aprender a estender as ás planear, e de aí xa non hai volta atrás.

Santiago’, que é unha canción de amor á cidade de Santiago, é unha colaboración con Xoel López. Como xorde?

Xoel López e eu somos amigos e a letra de ‘Santiago’ é un poema do libro que sacou hai ano e medio, ‘Bailarás cometas bajo el mar’. Estaba eu un día lendo este libro no Costa Vella e dixen: pero aquí hai unha canción!. Cando llo propuxen, el dixo: pero farala en galego, non? E eu dixen que non, que a letra estaba en castelán. Pero despois acabamos gravándoa en galego e en castelán, que nos gustaba das dúas maneiras. Tamén el dixérame: e deixarasme facer uns coros, non? E eu díxenlle: pero como vas facer só uns coros? Xoel fala de Santiago, de cando tocaba a guitarra na rúa e a xente botáballe moedas. Dos dous anos que viviu en Santiago, que foi iso, vivir, e non só visitar a cidade.

Frida tamén parece unha canción de amor, pero a México. E na melodía tamén ten algo mexicano. Mais non é o único tema do disco que leva a América: tamén ‘Fulgor’, ou ‘Sós’, que a min facíame pensar en Caetano Veloso. 

En Caetano? Vaia… Pero si, hai bastante de América no disco. ‘Frida’ é froito das miñas viaxes a Cidade de México, e por iso aparecen moitas cousas de México, deste a pintora ás pirámides… ‘Fulgor’, que é a canción que lle dá título ao disco, tamén ten algo diso. E está colocada primeiro porque é como unha declaración de intencións.

Un xeito de dicir que o disco vai ser iso. No sentido de: gústache? Pois adiante. E se non che gusta, que lle vamos facer. Que xa non estamos para tentar facer algo que lle guste a todo o mundo. En ‘Sós’ está Jairo Zavala (DePedro), que ten moi controlado ese toque de música americana. Por iso ‘Sós’ pode levar a México. Ou tamén a África, que este disco ten algo de americano e algo de africano. E tamén de Galicia, que é así, nesa relación, como vexo a Galicia. Polo medio saen unha percusión tradicional…

“Xa non estamos para tentar facer algo que lle guste a todo o mundo”

Pulso’ di que non é tempo de batallas, de fazañas, pero si de accións. Desde o pequeno, suponse. Ten algo de rock, pero dos 70. 

A de ‘Pulso’ é unha das tres letras que pedín. Neste caso é de Antía Otero, do seu libro ‘O cuarto das abellas’. Antía é amiga e este poema lévame a Arousa, á illa, aos momentos alí compartidos con ela e co resto dos amigos. Un lugar no que todo pode quedar en suspenso, o traballo e todas as preocupacións. Un lugar para estar horas no carreirón… Canto ao que comentas do rock, é normal porque é parte do meu ADN musical. Tamén está presente,eu creo, en ‘Boreal’. Sempre me gustou o rock dos 70. Escoitaba a Eric Clapton, a Cream, por suposto aos Beatles…

Aínda que se empezas a escoita por ‘Santiago’ e ‘Frida’, por exemplo, soa bastante pop. Outros temas xa poden ter algo máis de folk. Ou levan máis a túa frauta, polo menos.

No disco hai moitas cousas porque eu sempre escoitei moitas cousas e non teño ningún tipo de prexuízo. Sexa rock, pop, música tradicional… Non teño ningún problema mentres me guste o resultado.

“Sempre escoitei moitas cousas e non teño ningún tipo de prexuízo”

En ‘Poderosa’ está algo ao que facías referencia antes e que está por todo o disco: as viaxes polo mundo, e a conexión entre as paisaxes e os espazos galegos con espazos de todo o mundo. 

Si, claro. A Poderosa é, ademais, a réplica da moto do Che. A canción é coma unha viaxe que nos leva a distintos lugares. Está Bogotá, está Galicia, e tamén está por exemplo Canadá, que ten moita relación con Fran Pérez, Narf, a quen convidei a vir comigo alá. Por iso a alusión aos tambores… Estabamos alí e el dicíame que tiña que animarme a cantar e non só facer coros. Este disco débelle moito a Narf, e por iso está dedicado a el.

San Xoán volve a Galicia, aos recordos e aos encontros. 

Esta é outra das letras pedidas a amigos, desta volta á cordobesa-galega Vega, que leva moitos anos escribindo cancións para moitos amigos. Penso que fala de min, do relevo que decidín darlles á gaita e á frauta a través da voz. Coñéceme ben, e penso que acertou no que di.

Obertura’ é instrumental e un pouco épica. 

Pois ‘Obertura’ responde á necesidade de ter algo para abrir os concertos, mentres vamos entrando. Parecíame moi axeitada para iso. Unha maneira de dicir que vai acontecer algo, que esta será unha noite que agardamos que non esquezas na vida… Por iso pode soarche algo épica…

E ‘Bos Amores’?. Fala dun tema moi importante no disco, que é saber rodearse de xente que te queira, e que te queira ben.

A letra é de Rosalía de Castro e a música é de Narf. Os arranxos son do Cuarteto Quiroga, que acaban de recibir o Premio Nacional de Música. É un cuarteto fundado por un galego, Cibrán Sierra, que anda a tocar por todo o mundo…

É un disco con bastantes instrumentos. 

Eu tiña claro como afrontar a gravación do disco no sentido de que quería que soase como un directo. E para iso pensei nunha formación de rock: batería, baixo e guitarra. E sintetizadores tocados por min. Pode haber moitas sonoridades, pero os instrumentos están moi claros.

Hai algo electrónico que, coma o rock, non leva ao de agora, senón ao dos 70. 

Si, claro, de aí é de onde vén. Aínda que eu procurei que soase todo orgánico. Está aí para dar cores, matices…. aínda que como dicía a base é unha formación de rock.

Algo de jazz tamén hai.
E tamén é normal, porque eu ao mesmo tempo que aprendía música tradicional ía polas tardes á escola de jazz de Vigo. No disco está, dalgunha maneira, todo o que escoito.

Budiño, no claustro de San Domingos de Bonaval CC-BY-NC-SA Praza Pública - Cedida

Lembramos aos músicos, para que non quede ningún?

No disco está Ton Risco na batería, Fran Sanz no baixo e nas guitarras Jairo Zavala, Luiz Caracol e Antonio Casado. No directo están Ton Risco, Fran Sanz, Brais Morán nas guitarras e Álex Salgueiro como teclista. No concerto das festas do Apóstolo tamén estará Vega e Antonio Rodríguez, que é trombonista e bombardino.

Neste concerto presentarás ‘Fulgor’, non si? Que máis tes previsto facer?

Os dez temas do disco e algunha cousa máis, coma unha letra de Celso Emilio Ferreiro que xa fixera antes con Luís Tosar, ‘Hoxe canto en libertá'...

Canto a formato, é un disco especial. 

Si, feito co mecenado da adega Ponte da Boga. Unha edición moi coidada, feita en papel pedra biodegradable, cunha ilustración de Ana Zona. É coma un digipack, un libro que se abre coma un acordeón, no que están todas as letras… Estou moi contento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.