'Eurozone', de Chévere, suma unha ducia de candidaturas nos María Casares

Comezando pola esquerda; Vicente de Souza, Vicky Pérez, Avelino González e Guillermo Carbajo © AAAG

Eurozone, a produción de Chévere que mesturou a trama e os personaxes de Reservoir Dogs coas tensións politico-financeiras na Europa da troika, é a gran favorita para facerse cos Premios María Casares de teatro que concede a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Este xoves déronse a coñecer as obras e profesionais nomeadas, unhas candidaturas nas que tamén destacan O home almofada, con seis nomeamentos, e As do peixe e Bye, Bye Honey, con cinco. Os galardóns entregaranse o vindeiro 27 de marzo, coincidindo co Día Mundial do Teatro, no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Na cerimonia tamén se entregará o Premio de Honra Marisa Soto, cuxo gañador ou gañadora coñecerase nos vindeiros días.

Os galardóns entregaranse o vindeiro 27 de marzo, coincidindo co Día Mundial do Teatro, no Teatro Rosalía Castro da Coruña

Eurozone, dirixida por Xesús Ron, aspira a facerse con boa parte dos galardóns técnicos, ademais dos premios á mellor dirección e mellor espectáculo, e un bo número de recoñecementos aos seus intérpretes: mellor actriz secundaria por partida tripla (Arantza Villar, Mónica García, Patricia de Lorenzo) e mellor actor secundario por partida dupla (Manuel Cortés e Iván Marcos). Polo premio ao mellor espectáculo tamén competirán as xa referidas O home almofada (dirixida por Tito Asorey), As do peixe (dirixida por Cristina Domínguez) e Bye, Bye Honey. E, de igual xeito, Xesús Ron, Tito Asorey e Cristina Domínguez competirán polo premio á mellor dirección.

Polo premio ao mellor espectáculo tamén competirán as xa referidas O home almofada (dirixida por Tito Asorey), As do peixe (dirixida por Cristina Domínguez) e Bye, Bye Honey

Fran Lareu (O home almofada), Josito Porto (As mil vidas de Matías Houseman) e Xabier Deive (Gaivotas subterráneas) son candidatos ao premio ao mellor actor protagonista, e Belén Constenla (Criaturas), Iolanda Muíños (Bye Bye Honey) e Susana Dans (As do peixe) están nomeadas na categoría de mellor actriz protagonista.

Waltz, de Voadora, sitúase como finalista en catro apartados, mentres que A charca inútil, de Teatro do Atlántico, competirá por tres María Casares. Os espectáculos C'est la vie, de Matrioshka Teatro; BailadElas, de Teatro Antroido; Criaturas, de Teatro do Aquí; As mil vidas de Matías Housamen, de Teatro de Adro, e Gaivotas subterráneas, de RTA-Voz Audiovisual-Talía Teatro, aspiran a un galardón.

Na presentación das candidaturas, que tivo lugar no Consello da Cultura Galega, Avelino González, presidente da AAAG, puxo en valor o traballo da Asociación de Actores e Actrices de Galicia no eido do desenvolvemento do sector e do afianzamento dos dereitos profesionais e destacou a importancia dos premios María Casares, que chega este ano a súa 18ª edición.

De esquerda á dereita: Guillermo Carbajo (secretario AAAG), Vicente de Souza (vogal), Vicky Pérez (vicepresidenta) e, sentado, Avelino González (presidente da AAAG) © AAAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.