Eva Ferreira gaña o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Ana Romaní e Anxo Quintela, na entrega de premios do pasado ano © Diario Cultural

Eva F Ferreira fíxose co VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico coa súa obra Poema sinestésico para tres voces e un can, que foi recoñecida polo xurado. O xurado subliñou da obra premiada a “utilización de materiais non convencionais no narrativo, a intensidade dramática de obra a súa intención de levar a quen escoita a unha paisaxe sonora pouco habitual nunha peza radiofónica”. Destaca tamén “o discurso provocador no fondo e na forma, o risco na procura de novos camiños da creación para a radio, a intención lúdica do texto que suscita a curiosidade e o xogo emocional co oínte e o formato da obra cunha feitura que engasta a xeito de collage as diferentes linguaxes artísticas". 

O xurado subliñou da obra premiada a “utilización de materiais non convencionais no narrativo, a intensidade dramática de obra a súa intención de levar a quen escoita a unha paisaxe sonora pouco habitual nunha peza radiofónica”

Os integrantes do xurado foron Evaristo Calvo, actor e director de teatro; Xosé Manuel Pacho Blanco, escritor, gañador da V edición; Camilo Franco, xornalista e crítico de teatro; Roberto Taboada, director artístico do Festival Alt de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do Diario Cultural. Eva F. Ferreira é directora de escena e dramaturga, formouse na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo e na actualidade dirixe a obra Edison que se vai estrear no Teatro Ensalle de Vigo e coa que se presentará a compañía Demolicións Ferreira e Compañía.

O premio da audiencia foi para Intercom-baby, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. Ironías, de Carlos Losada Galiñáns, e Quendas, de Zé Paredes, foron finalistas

Mentres, o premio da audiencia foi para Intercom-baby, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. Pola súa banda, Ironías, de Carlos Losada Galiñáns, e Quendas, de Zé Paredes, finalistas, tamén serán editadas nun libro-cd, que editará Xerais. O Salón Teatro de Santiago acollerá o 15 de maio a lectura pública das obras, nunha nova edición do Espazo Radioescénico.

Ana Romaní e Anxo Quintela, na entrega de premios do pasado ano © Diario Cultural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.