Falece Avelino Pousa Antelo, memoria e dignidade do galeguismo

Avelino Pousa Antelo CC-BY Wikipedia

Avelino Pousa Antelo tiña 98 anos de idade, case un século de vida dedicado a traballar a prol de Galicia e do galeguismo, cun compromiso político activo que o levou a militar nas Mocidades Galeguistas, primeiro, e a participar na efémera refundación do Partido Galeguista en 1978, e unha actividade moi importantes de fomento do cooperativismo agrario e do desenvolvemento e mellora das explotacións agropecuarias en Galicia.

Dicíase que Pousa Antelo era un dos últimos representantes da xeración das Mocidades Galeguistas, os máis novos participantes do movemento galeguista previo á guerra civil. Nos últimos meses asistiu ao pasamento de compañeiros e amigos de vello, como Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla ou Isaac Díaz Pardo, do que mesmo asistiu ao seu funeral. Pousa Antelo gardaba, pois, a memoria viva do galeguismo histórico, do Partido Galeguista na Segunda República e da campaña do referendo estatutario de 1936, no que participou activamente.

Mantivo acesa e activa a súa ideoloxía e discurso, cunha actividade continua até o final, ben na Fundación Castelao, da que era presidente, ou nas fundacións Fernández Florez, Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda. Tamén é moi recordade a súa achega a distintas iniciativas en defensa da lingua, como por exemplo as manifestacións de Queremos Galego, nas que en 2009 leu o discurso final. Ou a súa colaboración en homenaxes e actos de recordatorio, coma o que se lle dedicou o pasado ano a Ánxel Casal en Teo.

Avelino Pousa Antelo mantivo durante toda a súa vida o seu afecto e admiración por Castelao do que repetiu en varias entrevistas que ao escoitalo nun mitin no Teatro Principal de Compostela "saín marcado como galeguista de por vida e xa ve, ata hoxe".

Tamén é fundamental, e se cadra menos coñecida, a súa actividade como mestre rural, promotor do cooperativismo no rural galego e impulsor de distintas iniciativas destinadas a mellorar de forma científica a produción agraria, mediante a introdución de novas especies e sementes ou a posta en marcha de novas formas de produción e organización. Colaborou primeiro coas sociedades agrarias barcalesas e en 1946 comezou a súa andaina na Misión Biolóxica, onde impulsou os Cursos Agropecuarios para mestres rurais que se celebraron en Lugo desde 1948 ata 1971. Despois dirixiu a Escola Agrícola da Granxa Barreiros. Posteriormen traballou como técnico en dúas empresas gandeiras de Tenerife e Zaragoza para regresar a Galicia en 1970 e aplicar aquí algunhas das experiencias de modernización.

 

"A testemuña da dignidade e da enteireza"

Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da Fundación Castelao, que Pousa Antelo presidía, afirma que era "a testemuña da dignidade e da enteireza" e salienta a "sorte de que unha persoa dende o 1931, como un vello carballo con raíces que chegan até nós, nos testemuñe esa enteireza e esa dignidade". Seixas cualifica a Pousa Antelo de "exemplo para todos", pois aínda que estaba empeñado en que se lembrase todo o que sucedera en 1936, "non era vingativo". Tamén destaca que mantivo a súa actividade até o último minuto, pois mesmo dende a cama "seguía dando ordes, coma un capitán", e comenta que este foi o único ano no que non puido acudir ás homenaxes que esta fin de semana se lles tributaron a Ánxel Casal ou Camilo Díaz Baliño".

 

"Unha voz contra os ataques de Alberto Núñez Feijoo"

Avelino Pousa Antelo era tamén presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística. A entidade chara a perda dun “compañeiro incansábel que nos transmitiu o testemuño de décadas de loita do pobo galego por existir e que na novena década da súa vida continuaba cunha enorme lucidez e vontade de acción fronte aos abusos do poder”. O seu presidente, Carlos Callón, salientou que “Avelino non é só o testemuño dun pasado, alguén que nos transmitise por exemplo a memoria viva de Castelao”, senón que “foi tamén a voz rexa das mobilizacións sociais a favor do galego nos últimos anos, fronte aos ataques contra a nosa cultura por parte da Xunta de Núñez Feijóo”. Callón engade que "non só foi un loitador polo Estatuto do 36, como se recorda con razón, senón que tamén deu a cara por todas e todos nós cando por exemplo os gobernos de Manuel Fraga Iribarne quixeron manipular a Daniel Castelao ou cando se realizaron as drásticas medidas contra o galego no ensino ou na administración nos últimos anos”.

 

Recordos e condolencias

Martiño Noriega, alcalde de Teo, definiuno como "exemplo de xenerosidade do país" e fixo fincapé en que malia á súa idade  era "unha persoa moi activa. Era un mozo de 98 anos"

Case de inmediato, foron moi numerosos os colectivos, institucións ou partidos políticos que amosaron publicamente o seu pesar polo falecemento de Pousa Antelo. O BNG, por exemplo, cualificouno de "home imprescindíbel que foi todo compromiso e xenerosidade coa súa patria, incansábel traballador a favor do pobo galego, da lingua galega e do medio rural" e salientou que "durante a súa vida mantivo sempre o facho aceso dos nacionalisas que loitaron pola liberdade e o autogoberno de Galiza". De igual xeito, o PSdeG-PSOE lamentou "fondamente" o falecemento do intelectual galeguista, que "deixa un gran baleiro na cultura galega"; así mesmo, os socialistas destacaron "o traballo incansable de Pousa Antelo na defensa de Galicia, o seu autogoberno e a súa lingua, así como o amor incondicional ao mundo agrario, ao que dedicou boa parte da súa vida" e afirman que "con este intelectual déixanos hoxe un persoeiro que destacou, na súa traxectoria vital, pola fidelidade e coherencia co galeguismo defendido por Castelao, con Galicia e coa súa lingua nos momentos mais difíciles".

Martiño Noriega, alcalde de Teo, definiuno como "exemplo de xenerosidade do país" e fixo fincapé en que malia á súa idade  era "unha persoa moi activa. Era un mozo de 98 anos". Pola súa banda, Esquerda Unida destacou que a traxectoria de Pousa Antelo foi sempre "unha demostración de ética en defensa da nosa lingua, da nosa cultura" e Yolanda Díaz afirmou que "cando os gobernantes públicos de galicia levan á nosa terra ao baleiro e ao menosprezo dos seus trazos lingüísticos e culturais os principios éticos de avelino sinalan por onde transita a defensa do noso en tanto que pobo”. Tamén Compromiso por Galicia se referiu ao falecemento do galeguista do que dixo que "foi peza indispensable nese puzzle que é o noso país" e definíneno como "un inconformista coa realidade social que lle tocara vivir, mais sempre  apegado  á  realidade,  un  traballador  incansable  na procura de cultura e recoñecemento para Galicia"; CxG conclúe que "Lucho nunca se fixo maior. Sempre conservou a forza dun mozo novo. É por iso inmorrente".

Mentres, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, dixo que Pousa Antelo é a "memoria do século XX" galego e un "sólido" referente cultural durante a autonomía. Pola súa banda, o reitor da USC, Juan Casares referiuse ao “labor realizado por Pousa Antelo en prol da formación dos traballadores do agro galego, así como a súa participación en numerosos proxectos cooperativos, que axudaron á dinamización e desenvolvemento deste sector, sen esquecer a súa achega ao mundo da cultura e o galeguismo, ao que pertenceu vencellado ata o seu pasamento”. Tamén a Xunta de Galicia remitiu unha nota na que Alberto Núñez Feijoo cualifica o finado como “un dos derradeiros representantes dunha xeración de homes que dedicou a súa vida á defensa de Galicia dentro e fóra da nosa terra”.

 

Capela ardente, este martes no Concello de Teo

Este martes a partir das doce do mediodía instalarase a capela ardente no no local sociocultural da Ramallosa, en Teo

Este martes a partir das doce do mediodía instalarase a capela ardente no local sociocultural da Ramallosa, próximo á Casa consistorial de Teo, onde residía dende había anos e que en 2007 o nomeu fillo predilecto. De seguro que un bo número de persoas, amigos, representantes de institucións e outros moitos cidadáns acudirán a renderlle a derradeira homenaxe e a demostrarlle o seu afecto. Ao redor das sete da tarde os seus restos serán incinerados. A esa hora comezará no Concello de Teo unha homenaxe ao intelectual galeguista, organizado pola familia e a Fundación Castelao.

Avelino Pousa Antelo CC-BY Wikipedia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.