Conta a filla de Avelino Pousa Antelo, Nora Pousa, que ao histórico galeguista lle gustaba a parroquia arzuá de Santa María por, entre outros motivos, o lugar onde se podía degustar "unha pluscuamperfecta cunca de caldo". A retranca de don Avelino volveu estar presente este xoves no salón de plenos do Concello de Teo, onde a veciñanza de Santa María de Arzúa recibiu o caxato que o lembra no terceiro aniversario do seu falecemento, nun dos actos centrais do programa organizado pola Irmandade Avelino Pousa Antelo, a Irmandade Manuel María e mais a chairega Asociación Cultural Xermolos.
O presidente da asociación veciñal de Santa María de Arzúa foi o encargado de recibir de mans de Alfonso Blanco Torrado, presidente de Xermolos, este terceiro 'Caxato de Avelino', que lembrará a figura de 'Lucho do Peto' xunto a un retrato do desaparecido galeguista, entregado por Mini e Mero. En representación da parroquia galardoada interveu unha das súas veciñas, a xornalista Sara Torreiro. Avelino, lembrou, era un habitual das festas da parroquia, tanto da festa caldaria como do San Xoán, parte dunha "idiosincrasia" do rural "na que Avelino encaixou de marabilla".
Para o alcalde teense, Rafael Sisto, supón "o orgullo máis decidido e unha honra maior que este concello, que foi a súa casa, siga sendo a súa casa para pór en valor o seu legado". Por iso, di, o goberno local valora especialmente que a casa consistorial de Teo, de onde Pousa Antelo era fillo adoptivo, "cada ano sexa o lugar escollido para celebrar a cerimonia de entrega do Caxato de Avelino".
A entrega do 'Caxato de Avelino' foi un dos actos centrais da xornada que lembrou a Pousa Antelo no terceiro aniversario do seu falecemento
Un texto do propio Avelino, lido pola escritoria Navia Rivas, unha reflexión sobre a figura do caxato e o agarimo da filla do galeguista culminaron un acto que tivo a súa continuación na contorna dos Verxeis, no paseo que leva o nome de Pousa Antelo, onde se combinou a música e a palabra. A xornada de lembranza continuou cun "xantar de irmandade" na Baña. O programa de actos culmina en Negreira, ao carón do colexio do Coto, onde as asociacións Xermolos e Afonso Eanes e mais o Concello nicrariense realizarán unha nova homenaxe.