Amigos, familiares, compañeiros, seguidores do legado de Avelino Pousa Antelo, todos, dende os máis cativos até os máis vividos non quixeron esquecer onte a Lucho do Peto no primeiro aniversario do seu falecemento.
O concello de Teo acolleu durante todo o día de onte unha serie de actos en memoria de Pousa organizados pola Asociación Cultural Xermolos, a Irmandade Manuel María, a Irmandade Avelino Pousa e a colaboración do Concello da vila. A presentación no salón de plenos dun libro-revista sobre a súa figura abriu o día do seu cabodano na que participaron Alfonso Blanco Torrado, Heitor Picallo, Familia Avelino Pousa, Carlos Mella, Martiño Noriega, Mini e Mero e Xosé Mª Lema Suárez. Tamén dentro dos actos de lembranza a Avelino realizouse unha mesa redonda a media tarde sobre a súa faceta como mestre galego normalizado. Colaboraron Antón Costa, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Mini e Mero, María Blanco Corral e Maca Arca xunto co recitado de Xoán Xosé Fernández Abella.
Non sería até pasadas as 20 horas no Paseo Avelino Pousa da Urbanización Os Verxeis de Teo cando se verían repetidas mostras de afecto e lembranza. Alí viviu Pousa os últimos anos da súa vida e alí se lembrou, diante do monumento adicado a el, o seu legado, a súa vida, a súa persoa. Nun acto presentado por David Otero, amigos, compañeiros e familiares falaron, recitaron e tocaron na súa honra. Esperanza Lema foi a primeira en recordar a Avelino despois de facer unha ofrenda floral coa bandeira galega. Lembrou os momentos máis persoais de Pousa, no que non faltaron as vivenzas de amigos, a lembranza do seu amor por Castelao ou historias sobre como sobreviviu na guerra facendo de chofer sen saber conducir, "para a Tribu fraternidade sempre estarás vivo" concluíu. Carlos Mella, que ocupa o posto da presidencia da Fundación Castelao no que Avelino estivera, resaltou que "só el pode converter un día que debería ser triste en alegría para todos os seus amigos que xuntos o recordan". Tampouco a Asociación O Fervedoiro de Cuntis, de man de un dos seus fundadores, Heitor Picallo, quixo perder a ocasión de lembrar a un dos seus "padriños", a quen lle adican este 2013 "a el, á súa loita, á súa persoa".
"Só el pode converter un día que debería ser triste en alegría para todos os seus amigos que xuntos o recordan"
Tampouco faltou a familia de Alexandre Bóveda, o alcalde de Poio, a Irmandade Manuel María da Terra Chá, a Nova Escola Galega, da que era membro ou a Asociación Cultural Vagalumes, que resaltou que "facían falta moitos Avelinos para saír da situación na que estamos, acompáñanos na loita". Outro dos momentos máis emocionantes foi cando Xoan Xosé Abella, quen definiu a Avelino como "amigo, irmán, exemplo". Lembrou a súa faceta máis descoñecida, a de poeta. Adicoulle un poema e leu outro seu, Ladaíña, de 1984 que levantou os aplausos dos asistentes.
María Xosé Lamas, Xosé Luis García, Xabier Fuente Docampo ou Fina Casalderrey non quixeron perder a ocasión de adicarlle unhas palabras e agradecerlle todos os momentos con el vividos. Xosé Vázquez Pintor, que resaltou a presenza da gran lúa chea no acto, tamén lle adicou unhas palabras.
Para rematar,e outro moi sentidos, foi cando lle entregaron á familia a bandeira da República Galega e a súa filla Xeliña falou ante o monumento a seu pai recordando as súas pegadas e dando as grazas a todos os que as lembran cada día e especialmente no aniversario do seu pasamento.
"Coa forza de Avelino non nos roubarán o sorriso"
Pechou o acto o alcalde de Teo, Martiño Noriega, quen resaltou que "coa forza de Avelino non nos roubarán o sorriso" rematando cun "Galiza Ceive" entre aplausos. A música de Mini e Mero, Manoele e Raúl Galego, entre outros, estivo presente durnate todo o acto así como ofrenda floral de cada un dos asistentes ao son da gaita.
Rematou o día e o acto co himno galego cantado entre todos e todas na honra de Avelino, que tamén estaba alí.