Falece o histórico galeguista Fernando Quintela Nóvoa

Fernando Quintela Nóvoa © afazanhadaliberdade.wordpress.com

O presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Fernando Quintela Nóvoa, morreu aos 98 anos de idade, segundo vén de informar nun comunicado o secretario desta entidade, Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda, que lembrou o “traballo” levado a cabo por este histórico galeguista a prol tanto da Fundación coma de Galicia que “hoxe segue necesitando exemplos de firmeza e de consenso”.

"Practicaba o galeguismo ata onte mesmo coa promiscuidade dun adolescente"

Nado en 1916 en Vilagarcía de Arousa e veciño desa mesma localidade, Fernando Quintela Nóvoa “practicaba o galeguismo ata onte mesmo coa promiscuidade dun adolescente”, destacou Valentín García, que asegurou que a súa figura pasará á “memoria colectiva” como “un bo e xeneroso”.

O arousán, dentista de profesión, estaba casado coa profesora Lola Gallego, coa que tivo catro fillos, e é pai do concelleiro socialista do mesmo nome en Vilagarcía. O seu corpo foi velado no tanatorio de Rubiáns, ao que se achegaron numerosas personalidades da comarca antes de que se celebre o funeral este día de Reis na igrexa parroquial de Santa Eulalia para despois ser incinerado.

Histórica figura do galeguismo, foi presidente do Partido Galeguista en Bos Aires e grande amigo tanto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como de Alexandre Bóveda, cuxa fundación presidía. Simpatizou co PSOE, partido do que o seu irmán Armando foi histórica figura na Arousa.

Fernando Quintela Nóvoa © afazanhadaliberdade.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.