O Goberno galego abrirá outra delegación do CGAC, como a que vén de anunciar tamén para Lugo, e o rexedor cuantifica en "5 millóns" a débeda da Xunta coa cidade en materia museística
A gala de entrega dos Premios da Cultura Galega, que a Xunta decidiu celebrar este martes en Vigo, permitiu ao presidente Feijóo lanzar un discurso no que salientou a implicación do seu Goberno coa cidade, na que o PP está afundido electoralmente, e anunciar que abrirá alí outra delegación do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) como a que vén de anunciar tamén para Lugo. A intervención de Feijóo foi respondida este mércores polo alcalde, Abel Caballero, que lembrou a redución das achegas da Xunta ao mantemento do Museo de Arte Contemporánea (Marco) da cidade e cuantificou en "5 millóns" a débeda acumulada do Goberno galego.
No seu discurso, que tanto o rexedor como o líder do PSdeG consideraron un “mitin”, como tamén o cualificaron outros asistentes, Feijóo enumerou os investimentos do seu Goberno en materia de Cultura en Vigo. A propia nota de prensa emitida pola Xunta afástase das habituais deste tipo de actos, nas que se fala dos galardoados ou da cultura galega, e céntrase no anunciou realizado por Feijóo dunha delegación do CGAC para Vigo. Será no marco do que denominou “barrio creativo” que a Xunta quere poñer en marcha no “primeiro semestre de 2020” na parte alta do Casco Vello de Vigo, en locais “propiedade do Consorcio do Casco Vello e cedidos á Xunta” tras a súa rehabilitación.
A nota da Xunta engade outras moitas actuacións: “Conscientes da importancia desta cidade, o titular do Goberno galego garantiu que os investimentos culturais da Xunta en Vigo continuarán: con varias infraestruturas como a biblioteca pública Juan Compañel; co apoio a programacións culturais como o convenio co Museo Marco ou a tempada sinfónica e o Outono Lírico; ou a través da colaboración con asociacións e entidades culturais, como a asociación Galicia Fiddle, o Sinsalaudio ou os Amigos da Ópera de Vigo, entre outras moitas”, sinala a nota, que tamén menciona outras cuestións como o número de peregrinos do Camiño Portugués pola Costa que pasa por Vigo.
Caballero asegura que a Xunta aínda non pagou a súa achega correspondente a 2019 para o mantemento do Marco, 100.000 euros dos preto de 900.000 que custa, asumidos fundamentalmente polo Concello
A intervención de Feijóo deste martes foi seguida por unha convocatoria de urxencia para o mediodía deste mesmo mércores, non prevista na axenda pública da Xunta distribuída o martes, para unha rolda de prensa en Vigo do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a delegada da Xunta na cidade, Corina Porro. Pero ao tempo o alcalde, que este martes estaba en Madrid para unha reunión con Adif, respondeu en rolda de prensa a Feijóo afeándolle os recortes e débedas da Xunta con Vigo en materia museística.
Caballero asegurou que a Xunta aínda non pagou a súa achega correspondente a 2019 para o mantemento do Marco, 100.000 euros dos preto de 900.000 que custa o mantemento do museo, asumidos fundamentalmente polo Concello. A progresiva redución por parte da Xunta e do Goberno central de Rajoy das súas achegas ao Marco foi o argumento empregado no seu momento polo Concello para mudar o modelo de centro e abrilo da arte contemporánea que o convertera en referente internacional a outro tipo de mostras. Un cambio que provocou protestas por parte da comunidade artística.
Este mércores Caballero cuantificou en “5 millóns de euros” os cartos que ao seu ver Feijóo debe a Vigo nese eido, unha suma á que chega sumando os 3 millóns de euros (300.000 ao ano durante dez anos) que di que deixou de ingresar o Marco tras a desaparición de Caixanova, que era un dos seus patróns e que atribuíu a Feijóo, e 2 millóns (200.000 ao ano durante unha década) pola redución da achega anual da Xunta dos anteriores 300.000 euros aos actuais 100.000. Porén, esa redución iniciouna a Xunta bipartita, ata os 200.000 euros ao ano, cifra que posteriormente Feijóo rebaixou aos 100.000 actuais.
A Xunta anuncia que quere dar máis visibilidade ás obras do CGAC con delegacións en Lugo e Vigo tras anos de redución do seu orzamento, a metade que hai unha década
Agora a Xunta anuncia que quere dar visibilidade á colección pública de obras de arte que foi acumulando o CGAC en Santiago desde a súa creación hai 25 anos coa apertura de delegacións en Lugo e Vigo. Faino tras tamén rebaixar progresivamente ao longo da última década o orzamento do centro, que era duns 1,6 millóns de euros ao ano para o seu funcionamento ordinario ata 2010 pero que desde 2013 se reduciu á metade, ao igual que a partida para adquisición de obras de arte pasou de 600.000 euros ata 2010 a uns 100.000 ao ano nos últimos anos. Unha redución das achegas ao CGAC que coincidiu co maior protagonismo que o Goberno de Feijóo vén dando nese eido á Cidade da Cultura.

Por outra banda, a respecto da gala deste martes na que Feijóo anunciou a nova delegación do CGAC, segundo fontes consultadas por Praza.gal a Xunta informara a diversos participantes de que esta se celebraría máis adiante, pero posteriormente foron convocados para este martes. Os galardóns non teñen dotación económica e a Xunta, alén do xantar oficial previo ao evento, tampouco facilitou o desprazamento ou aloxamento dos participantes nunha gala que segundo varios dos presentes rexistrou diversos erros, tanto nas actuacións como nos programas de mans que se distribuíu ao público.