Ferrín non aclara se repensará a súa dimisión malia xurdir máis voces que llo piden

Méndez Ferrín, durante a presentacion do 'Diccionario de alimentación' © RAG

"Será informada ao seu debido tempo". Así respondeu Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, a unha xornalista que lle preguntou sobre a data do vindeiro plenario da RAG e sobre a posibilidade de que dese marcha atrás na súa anunciada decisión de dimitir do seu cargo, logo de que numerosos persoeiros da cultura galega, académicos como Manuel Rivas e Darío Xohán Cabana ou entidades como a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ou o Centro Pen lle pedisen que continuase á fronte da institución.

"Non hai comentarios", respondeu Ferrín a cada cuestión sobre a súa anunciada marcha

Foi o único que se lle puido sacar a Ferrín no seu primeiro acto público logo de que o pasado luns anunciase a súa intención de deixar a presidencia da RAG. A cada unha das cuestións sobre a súa previsible marcha, o aínda presidente da institución limitouse a responder cun "non hai comentarios" ata en tres ocasións.

Tan só deixou Ferrín un "ben, grazas" cando foi preguntado por como estaba a "dixerir" o conflito na Academia e tras solicitar que se falase de "gastronomía" con motivo da presentación do Dicionario de alimentación e restauración. "Preferiría que non insistise", chegou a asegurarlle aos periodistas, que terán que agardar para coñecer a data do vindeiro plenario da Academia e se o actual presidente repensa a súa decisión de abandonar o cargo ante as numerosas peticións para que rectifique.

O presidente da Deputación de Lugo pídelle a Ferrín que siga á fronte da RAG e destaca a súa "defensa" do galego e da cultura galega

Un dos últimos apoios recibidos por Méndez Ferrín foi a do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, que lle pediu que siga á fronte da RAG. O líder socialista en Lugo destacou a "defensa" do galego que realiza o actual presidente da Academia "nuns momentos de menosprezo cara á lingua e á cultura galega por parte do Goberno da Xunta e do Goberno central". Ademais, asegurou que "ten proxecto" para a institución. 

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o "trato impecable" do Goberno galego coa Academia durante o mandato de Méndez Ferrín e valorou a aposta do presidente da instituión por "poñer a excelencia" na RAG. Aínda así, negouse a comentar algo sobre a presunta división interna do organismo.

 

Méndez Ferrín, durante a presentacion do 'Diccionario de alimentación' © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.