Ferrín presenta hoxe a súa dimisión entre varias voces que lle piden que siga na RAG

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG © Semana Galega de Filosofía

A Real Academia Galega (RAG) vivirá hoxe un pleno decisivo. Xosé Luís Méndez Ferrín, actual presidente, presentará oficialmente a súa dimisión como presidente logo de anunciar a súa intención de deixar o cargo hai tan só unhas semanas. Farao entre a tensión xurdida con algúns dos membros da institución e as peticións doutros -liderados por Manuel Rivas- para que esgote o seu mandato. Malia que Ferrín ten a decisión tomada, as súas últimas declaracións abriron a porta a unha marcha atrás na súa postura, que implicaría tamén a renuncia á cadeira vitalicia que ocupa desde hai trece anos. "Sempre se pode cambiar de opinión",  manifestou a pasada semana.

A orde do día do plenario inclúe a dimisión do presidente e a análise do protocolo de contratación na RAG

Será ás 18 horas cando comece un plenario ordinario cuxa orde do día inclúe a dimisión do presidente, pero onde tamén se debaterá sobre o protocolo levado a cabo para as contratacións na Academia, así como as contas anuais da insititución. Será logo de que varios académicos reclamasen maior transparencia en ambos os dous ámbitos e de que o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, criticase con dureza ao ILG e a Consello da Cultura Galega, ambos os dous organismos amplamente representados no plenario.

Agárdase un plenario tenso polas diferenzas entre académicos e no que haberá varias peticións para que Ferrín considere a súa decisión de dimitir. Déixao claro Manuel Rivas este mércores a través dunha carta que lle escribe a Xesús Alonso Montero en La Voz de Galicia e en resposta ao texto que este publicara hai unhas semanas dirixíndose ao novelista. "Posto todo na balanza, o resultado da xestión é moi positivo. Niso hai unanimidade. É hora de construír pontes. De recompoñer a confianza básica", asegura Rivas, que defende a "independencia" e "autonomía" da institución, así como a presentación dos recursos contra o decreto do plurilingüismo, unha decisión que causou fracturas entre os académicos.

Manuel Rivas defende a continuidade de Ferrín e a "independencia" da Academia á hora de recorrer o decreto

"A independencia (da Academia) coa presidencia de Ferrín púxose a proba co recurso ante os tribunais polo chamado decreto de plurilingüismo. A RAG cumpriu co seu deber e mostrouse como unha ferramenta utilísima, en defensa do valor patrimonial galego, que non defende o seu Goberno", asegura Rivas, que defende a postura adoitada pola institución á hora de recorrer, tamén ante o Supremo, a polémica norma e pedir a súa anulación.

"Xa abonda de cainismo, de facer churrasco de bos e vitela de xenerosos. A Academia ten que ser verbívora. Alimentarse de verbas. Un almeiro das palabras. E o que hai que levar nos dentes é a esperanza. Creo que aí nos encontraremos, profesor", dille Manuel Rivas a Alonso Montero. Pero non foi o de Rivas o único apoio que recibiu Ferrín para que continuase na presidencia e na propia Academia. Houbo máis académicos, así como a AELG e o Pen Clube, aos que se uniron nos últimos días a Fundación López Abente e o Instituto de Estudos Miñoranos.

Vinte e catro académicos e catro académicas reuniranse a partir das 18 horas nunha xuntanza que se prevé intensa e longa. Ao seu remate, saberase se hai ou non presidente.

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.