Festival do Norte: Música a pesar de todo

Cartaz do FdN 2013 © Festival do Norte

Un ano máis a música soa en Vilagarcía. Esta fin de semana celébrase unha nova edición do Festival do Norte, o máis importante festival galego de pop-rock da última década e media, e que malia a ser unha cita consolidada e a repetir ano tras ano éxito de público, nas últimas edicións viu ameazada a súa celebración por mor das dificultades económicas e a redución dos patrocinios privados -unha boa parte procedían das antigas caixas- e públicos. Mesmo chegou a falarse da posibilidade de levar os concertos a outro concello. Pero -a pesar de todo- o Festival do Norte xa esta aquí.

En conversa con Praza Pública o director do Festival, Toño Caneda, facía hai unhas semanas un chamamento ás administracións a seren conscientes da importancia que un festival coma o arousán ten para unha vila ou unha comarca. Por un lado os económicos: milleiros de persoas chegados dende toda Galicia que durante dous dias durmen, consumen e gastan. E tamén os relacionados coa imaxe de marca dunha cidade xa asociada á música a través desta cita.

O Fexdega acollerá os concertos este venres e sábado, con entradas a 20-25 euros para un día e 30-40 para os dous, incluíndo acampada. O cartaz incorpora algúns nomes de primeira fila do panorama estatal, encabezados polos galegos Triángulo de Amor Bizarro, ademais de Dorian, We Are Standard, La Habitación Roja, Xoel López, Sr. Chinarro, Guadalupe Plata ou Delafé y las Flores Azules. Tamén destacan os británicos Toy, unha das sorpresas do ano. E igualmente actuarán a coruñesa Jane Joyd ou os vigueses Mvnich.

Ademais, o festival continúa estendendo as súas actividade máis aló dos concertos. Este xoves tivo lugar unha iniciativa, Busca tu norte en la música, co obxectivo de achegarlles a mozos e mozas as posibilidades e potencialidades da promoción e da xestión musical-cultural como oportunidade para a dinamización e o desenvolvemento local, así como para a creación de emprego.

Unha das últimas edicións do Festival do Norte en Vilagarcía © Festival do Norte
Cartaz do FdN 2013 © Festival do Norte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.