'Festival' escríbese con V de Valarés

A zona de acampada de Valarés © Con V de Valarés

A pequena aldea de Ponteceso acolle os concertos de Fuel Fandango, Sex Museum, Dolores ou Grises, nunha fin de semana na que tamén destaca o Festival do Castro en Pantón (La Troba Kung-Fú, Ataque Escampe) ou o Arteficial de Ribadavia (Guadalupe Plata, Unicornibot). Sábado 18: Pantón, Ribadavia ou Ponteceso? Os festivais de música multiplícanse no verán (o menú é aínda máis amplo que estas tres opcións) e hai que escoller.

En Lugo téñeno claro; o Festival do Castro fai 32 anos, dende aquela primeira edición de 1979, e seis dende que en 2006 a Asociación Cultural e Xuvenil O Castro recuperase a iniciativa. Nesta ocasión os cataláns La Troba Kung-Fú encabezarán un cartaz no que tamén destacan Ataque Escampe, Skarallaos ou Balakandra. En Pantón haberá ademais feira de artesanía, torneo de birlos e circo na rúa, para completar a xornada do sábado.

Máis ao sur, en Ribadavia, celébrase unha nova edición do Arteficial, un festival organizado por varias asociacións xuvenís da comarca do Ribeiro, encabezadas pola Asociación Arteficial e a Asociación Alerta. Celebra a súa terceira edición subindo un chanzo a aposta, na que destaca a presenza dos andaluces Guadalupe Platas, os madrileños Rosvita e os sorprendentes e abafantes Unicornibots, unha banda pontevedresa que está dando moito que falar e que aínda o fará máis no futuro, despois da súa presenza no Primavera Sound e do éxito acadado no Sinsal San Simón.

E indo cara ao mar, na Costa da Morte, en Ponteceso, chegamos a Valarés, unha aldea "de tres casas", como recoñecen os propios organizadores do festival Con V de Valarés. Sen facer moito ruído, o festival chega xa á súa sexta edición, e dá un salto de calidade, co patrocinio de Estrella Galicia e novos escenarios, zona de acampada, terraza chillout iluminada e servizo de autobuses. E tamén cun cartaz escollido con coidado, con máis calidade musical ca nomes (cando menos para o gran público), encabezado por Fuel Fandango e Sex Museum e no que destacan Grises e Dolores, dúas das bandas revelación do ano na escena independente española.

Os organizadores salientan que o festival funciona como "escaparate para colocar Ponteceso e Valarés, que só ten 3 casas, no panomara musical galego e mesmo español". Non só haberá musica, senón que dende a mañá do sábado, Valarés acollerá distintas actividades artísticas, coma unha mostra de curtas e a V Parade, unha iniciativa na que participarán artistas de toda Galicia, que pintarán uves de madeira, símbolo de festival, que quedarán expostas en Valarés. A organización, ademais, pon a disposición dos asistentes un servizo gratuíto de autobuses dende Corme, Malpica, Carballo, Coristanco, Vimianzo e Laxe, que fará a súa viaxe de volta o domingo pola mañá.

Fuel Fandango encabeza o cartaz de Con V de Valarés CC-BY-NC-SA Espacio Camón
La Troba Kung-Fú estará no Festival do Castro © Praza Pública
Os pontevedreses Unicornibots de seguro que sorprenderán en Ribadavia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.