"'Forever in Galicia' contribúe a unha versión alternativa da historia ibérica dende un punto de vista non centralista"

Capa do 'Forever in Galicia' © Francis Boutle

Vén de saír do prelo Forever in Galicia, a primeira tradución ao inglés do Sempre en Galiza de Castelao, realizada na editorial Francis Boutle por Craig Patterson que, como el mesmo di "naceu inglés, ten pasaporte irlandés e corazón galego" e que nos últimos anos xa foi responsable das versións inglesas de A Esmorga (On a Bender, Planet 2012) e de diferentes obras de poesía de Francisco Naval. Trátase dun vello e degoirado proxecto a nivel colectivo, tendo en conta da fulcral importancia cultural, social e política da obra. E, igualmente, a nivel persoal, polos varios obstáculos que Patterson atopou no camiño

A primeira presentación do libro chegará este 23 de setembro en Cork (Irlanda), no marco do congreso de Re-encountering the Canon: Literary Translation and Contemporary Iberia, nunha sesión na que Patterson explicará -xunto co editor Clive Boutle- o proceso de tradución e que rematará coa lectura dalgúns fragmentos deste Forever in Galicia. Nos vindeiros meses seguirán máis presentacións en varias cidades galegas. Destaca que non buscou nin aceptou axuda ningunha por parte da Xunta para a realización deste proxecto. "Colaborar con semellantes forzas representaría, para min, unha incoherencia hipócrita, contraproducente e destrutiva, que de paso lexitimaría os feitos inefábeis do goberno de Feijoo en contra da cultura e lingua galega", salienta.

"Creo que o tesouro principal da obra consiste na humanidade obstinada e teimuda de Castelao que infunde as súas páxinas, imbuídas dun amor por un fogar a que nunca máis volvería ver"

Sempre en Galiza é unha obra moi poliédrica, con diferentes lecturas. Hai quen a toma como biblia política, hai quen a aprecia máis como crónica histórica e persoal duns anos (de derrota), hai quen atopa nela unha boa guía cara ao ser galego..., supoño que en cada caso a experiencia é distinta. Que é para ti Sempre en Galiza?

Efectivamente, Sempre en Galiza é a quintaesencia dunha obra poliédrica. Borra ou mestura esas fronteiras tradicionais entre a lembranza, o tratado político, o ensaio histórico, a análise social e diario íntimo. Con todo, para min o texto representa na súa realidade máis básica o informe dun home extraordinario e humano, demasiado humano, sobre o intento tanto persoal como colectivo de devolverlle á súa terra a percibida dignidade perdida. Creo que o tesouro principal da obra consiste na humanidade obstinada e teimuda de Castelao que infunde as súas páxinas, imbuídas dun amor por un fogar a que nunca máis volvería ver. A súa tese moral e ética sobre o dereito dun territorio de determinar o seu propio destino nunca deixará de ser universal e segue sendo totalmente relevante para o século XXI.

"Contribúe a unha versión alternativa da historia ibérica dende un punto de vista non centralista, a prol da defensa da diversidade cultural e lingüística"

Que lectura cres que se pode facer dende fóra, dende un lector anglofalante que se achegue a Forever in Galicia. Que poden descubrir, mesmo sen coñecer Galicia e a súa historia en profundidade?

Dende logo, hai moito interese mar por medio por temas da guerra civil española, e xa que Sempre en Galiza é unha obra escrita antes, durante e despois do conflito, achega unha visión empírica moi importante deste episodio. Ademais, contribúe a unha versión alternativa da historia ibérica dende un punto de vista non centralista, a prol da defensa da diversidade cultural e lingüística, construíndo unha tese máis que robusta a favor da autonomía, se non independencia, galega, catalá e vasca. Hai moitas historias escritas sobre a historia española e a Guerra Civil; con todo, existen dous motivos polos que podemos considerar Sempre en Galiza diferente neste sentido. Primeiro, o feito de ter unha voz en primeira persoa que comenta sobre a historia ibérica, e sobre un nacionalismo non-centrípeto existente na España daquela, sendo esa voz nada menos cá da figura principal daquel nacionalismo. Segundo, o seu lugar dentro da cultura galega hoxe en día como texto fundacional dentro dos conceptos informativos que conforman tanto unha conciencia colectiva como individual dunha identidade nacional.

"Se hai algún texto galego que debería ser coñecido a nivel internacional, ten que ser este"

En 2004, o destacado historiador Paul Preston dixo que a obra de Castelao debería ter máis difusión fora de Galicia. Sempre en Galiza é o informe máis extenso e sistemático sobre a identidade galega escrita na historia. Case toda a obra en conxunto de Otero Pedrayo ten o mesmo enfoque e razón de ser, pero como obra propia e autónoma, Sempre en Galiza non ten par neste sentido. En resumo, Castelao é a persoa galega máis citada na cultura galega, e Sempre en Galiza é o texto máis citado: se hai algún texto galego que debería ser coñecido a nivel internacional, ten que ser este.

Escribiches nalgunha ocasión que ao longo da obra (con transcurso dos anos entre uns e outros libros) a visión de Castelao sobre Galicia (e o mundo) vai mudando. De que forma?

Castelao vai do ano 1934 a 1944, de residir na súa terra a pasar por Europa, a Unión Soviética, os Estados Unidos, o Caribe e América Latina, pasando polo desterro, dúas guerras e a perda de familiares e compañeiros. Dentro de tanta anormalidade, resulta moi normal que cambiase de postura en varias cuestións. No tocante á emigración, e consonte a súa acollida por parte da emigración arxentina, deixa de ver a emigración galega en termos exclusivamente negativos e pesimistas, e comenza a crear unha tese do fenómeno como algo representativo dunha galeguidade máis universal e internacional. A emigración deixa de ser unha simple maldición e torna a significar unha potencia, unha posibilidade, outra faceta de ser galego.

"Deixa de ver a emigración galega en termos exclusivamente negativos e pesimistas, e comenza a crear unha tese do fenómeno como algo representativo dunha galeguidade máis universal e internacional"

Tamén notamos unha tendencia cada vez máis cara ao separatismo político, afastándose do federalismo, que fora a postura política de Castelao durante moitos anos sobre a fisionomía estrutural e gobernativa do Estado español. Todo eso queda informado polo seu pesimismo ao remate da guerra civil e nos anos 40. Despois de estar disposto durante tanto tempo a darlle á España o beneficio da dúbida, a tristura e amargura dun Castelao perdido na neve invernal de Nova York, ou xa instalado en Bos Aires, lévao a unha perspectiva máis nitidamente independentista. Todo iso, mentres remata a obra avogando por unha federación mundial. Dito doutro modo, deixa atrás un concepto esencialista da identidade galega para acadar amodiño unha conciencia embriónica dun modelo máis amplo e flexible da identidade galega que encaixa co que hoxe día denominaríamos o global.

"Despois de estar disposto durante tanto tempo a darlle á España o beneficio da dúbida, a tristura e amargura dun Castelao perdido na neve invernal de Nova York, ou xa instalado en Bos Aires, lévao a unha perspectiva máis nitidamente independentista"

Con todo, ollo: aínda que deixa de ser abertamente tan racista cara a xente negra, o seu antisemitismo e prexuízos en contra dos xitanos non cambian ao longo do texto. De feito, a veces ler Sempre en Galiza é como experimentar unha montaña rusa de sentimentos en torno ao texto mesmo e á voz do narrador. Agora quedamos conmovidos pola morriña que sofre lonxe de Galicia, agora horrorizados por un comentario torpe sobre a xente negra, agora emocionados pola forza moral coa que defende o seu país, agora repugnados polo seu constante antisemitismo.

Que podemos aprender desta obra, 70 ou 80 anos despois da súa escrita?

Sempre en Galiza pode interesarlle a calquera que queira ler sobre Galicia, España, a cultura ibérica en xeral, a cultura galega en particular, o exilio, a diáspora, a identidade galega, a lingua galega e as linguas “minoritarias” ou “minorizoradas”, o bilingüísmo, a economía, a nacionalidade e maila súa construción intelectual e ideolóxica, a loita pola autonomía e independencia, a relación entre rexionalismo, nacionalismo e separatismo, a literatura de viaxe e a lembranza literaria. No sentido máis íntimo, o amor dunha persoa pola súa terra (que nunca máis volverá ver), unha resposta valente á versión centralista e imperialista da historia Española. A procura da xustiza e o simple dereito humano de decidir sobre o noso propio futuro e vida, ou a vida nacional. Non sei cantas veces xa lin o texto, pola necesidade de traducilo, pero nunca deixo de quedar emocionado e conmovido por moitas seccións da obra. Castelao, nos mellores momentos que conxura coma autor, achega teses éticas e morais máis que potentes e, lamentablemente, aínda relevantes e aplicables á Galicia de 2016. Cidadáns que miran o embigo, políticos inmundos, o desprezo pola lingua e cultura propia, etc.

"O reto foi seguir traballando no proxecto unha vez comenzada a tradución, a pesar da resistencia da universidade na que traballaba ata finais de 2013 e a forte presión que me impuxeron para abandonar o proxecto"

Cales foron as principais dificultades que atopaches á hora de traducir as palabras de Castelao?

O reto foi seguir traballando no proxecto unha vez comenzada a tradución, a pesar da resistencia da universidade na que traballaba ata finais de 2013 e a forte presión que me impuxeron para abandonar o proxecto. A segunda dificultade foi o propio traballo de rematar a tradución: en xeral o texto en si non é difícil, pero é un texto longo, longo… E, finalmente, o derradeiro obstáculo foi atopar unha editorial nun país anglofalante disposta a publicar un libro tan singular e curioso. Afortunadamente, o texto en inglés atopa un bo fogar na editorial Boutle, xa moi amiga da literatura galega.

"Optamos á mantenta por non buscar ou aceptar calquera subvención por parte dunha Xunta de Galicia que, dende 2009, fixo o maior dano á lingua galega dende a morte de Franco"

Tivestes axuda da Xunta para levar a cabo o proxecto?

Optamos á mantenta por non buscar ou aceptar calquera subvención por parte dunha Xunta de Galicia que, dende 2009, por medio das súas políticas lingüísticas, educativas e culturais, fixo o maior dano á lingua galega dende a morte de Franco. En particular, eu creo que sería unha falta de respecto ao legado de Castelao vincular o proxecto con semellante filisteísmo, sendo a obra unha defensa magna dos dereitos insubornábeis e humanos de Galicia e os galegos. Colaborar con semellantes forzas representaría, para min, unha incoherencia hipócrita, contraproducente e destrutiva, que de paso lexitimaría os feitos inefábeis do goberno de Feijoo en contra da cultura e lingua galega.

"No mundo máis amplo, hai cada vez máis xente que é consciente de que ese anaco do Estado español por riba de Portugal ten algo singular"

Incrementouse nos últimos anos o coñecemento sobre Galicia e a cultura galega nas illas británicas e no mundo anglosaxón?

No tocante ao ámbito universitario e científico, cando fixen a miña tese en Oxford a finais dos 90, había menos de 10 persoas comprometidas coa investigación na cultura ou lingua galega nas Illas Británicas. Hoxe en día, grazas aos centros galegos situados nas illas británicas, hai moitas máis. No mundo máis amplo, hai cada vez máis xente que é consciente de que ese anaco do Estado español por riba de Portugal ten algo singular. Se cadra esa maior conciencia débese aos voos entre Galiza e o Reino Unido e ao maior número de turistas que traen aquí. Ou á difusión da cociña galega promovida por sobranceiros cociñeiros británicos como Rick Stein. Ou á popularidade da película The Way e ao aumento de peregrinos camiño a Santiago de Compostela. Tamén ao éxito dos viños galegos como o Albariño e o Godello arredor do mundo, e cada vez máis á Estrella Galicia. Hai uns anos houbo un libro publicado sobre a cultura vasca, A Basque History of the World (Unha historia vasca do mundo), de Mark Kurlansky, que gozou dun grao razoable de éxito. Creo que en xeral hai un interese difuso a nivel global polo carácter máis plural da Península Ibérica e as súas diversas culturais nacionais.

En que medida cres que foi importante o labor da Asociación Internacional de Estudos Galegos, de redes académicas de investigadores ou á achega do crecente numero de tradución de obras galegas ao inglés?

Hai que ter en conta que as avaliacións universitarias de investigación conceden pouca importancia á tradución como actividade permisible para profesores titulares, mesmo cando se trata dunha edición crítica como é Forever in Galicia. E iso, mesmo cando doutra banda están as universidades a promocionar e crear carreiras de tradución por xeraren grandes ingresos en taxas estudiantís, ou cando a maioría dos profesores e investigadores universitarios dependen das traducións de textos para avanzar nos seus propios estudos. Cando aínda exercía de profesor titular, tiven que rexeitar máis dunha vez intentos nada sutís para persuadirme a abandonar o proxecto de traducir Sempre en Galiza.

"Os retos: Fomentar a práctica e a acollida de tradución a nivel global e especialmente en países anglofalantes, e dedicarlle máis xestión e financiamento á tarefa de traducir e promocionar textos galegos dende Galicia"

Con todo, non cabe dúbida de que máis actividade a nivel internacional no eido dos estudos galegos, máis cohesión organizativa e promoción da disciplina favorece unha maior actividade nas traducións e a súa acollida. Non obstante, estamos diante dos mesmos retos: Fomentar a práctica e a acollida de tradución a nivel global e especialmente en países anglofalantes, e dedicarlle máis xestión e financiamento á tarefa de traducir e promocionar textos galegos dende Galicia.

Capa do 'Forever in Galicia' © Francis Boutle

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.