Freelances do mundo, organizádevos!

O foro 'Organizarse en rede' celébrase este venres en Compostela © Nocomún

Es freelance, traballador ou traballadora independente ou autónoma? O teu ámbito de actividade está na cultura, a comunicación ou a creatividade? Se é así, tes unha cita este venres en Compostela. Nócomún, a rede de profesionais da comunicación e da cultura, que celebra o seu terceiro aniversario, organiza no centro de coworking Doutroxeito unha xornada de reflexión e debate sobre as necesidades, problemas e virtudes dos e das traballadoras autónomas neste eido, titulada Organizarse en rede. Experiencias de traballo colaborativo entre profesionais independentes.

Ao longo de todo o día poranse sobre a mesa os pros e os contras deste tipo de traballo, os problemas de tipo laboral ou fiscal que leva aparellados, pero tamén as novas posibilidades que se abren, nun escenario en constante cambio e reinvención. "Cada vez somos máis os profesionais que nos lanzamos a ser patróns de nós mesmos: profesionais independentes ou freelance, sen lazos por arriba (xefes) nin por abaixo (empregados)", destacan dende NóComún. "Fóra da sombra dunha estrutura empresarial pode que o sol quente máis, pero ás veces tamén queima: se por unha banda gañas autonomía, versatilidade e capacidade de decisión, pola outra asoman a precariedade, a inestabilidade e a tendencia á autoexplotación".

"Para mitigar os aspectos negativos do freelancismo e non sentirse sos nun océano inzado de tabeiróns, os profesionais independentes necesitamos cooperar con outros e establecer alianzas"

Nos debates, cuxas conclusións tamén se compartirán a través da rede, tamén se definirán as necesidades máis importantes das e dos traballadores independentes, e procuraranse vías de solución para eles, situacións que todos tiveron ou teñen que aprender polo camiño, a golpes. "A clave é a organización", salienta Sergio Lago. "Para mitigar os aspectos negativos do freelancismo e non sentirse sos nun océano inzado de tabeiróns, os profesionais independentes necesitamos cooperar con outros e establecer alianzas. Redes estables, colaboracións puntuais, espazos conxuntos de traballo, sociedades flexibles", engaden dende Nócomún. "No fondo, nesta xornada o que queremos que debater e definir unhas mínimas metodoloxías para resolver situacións, cousas que de xeito informal todos temos falado moitas veces, no traballo ou nos bares", destaca Lago.

O encontro non está pechado a outros colectivos. Aínda que se centra neses ámbitos da cultura e da comunicación, tamén foron convidados a participar outros profesionais: deseñadores, programadores..., cunhas circunstancias distintas, pero con moitas necesidades comúns.

"Queremos que este encontro funcione como un evento piloto, unha xuntanza inicial que se poderá repetir no futuro, para ir analizando como vai mudando o escenario"

No mundo da cultura e da comunicación hai autónomos e autónomas de moitas clases. Hai quen chega a esta forma de traballar por convición, hai quen chega case de rebote, ou empurrado pola situación laboral do seu sector. Hai para quen o feito de ser freelance é unha circunstancia temporal, mentres que para outros é un estado permanente ou acaba por se converter en algo permanente.

"Queremos que este encontro funcione como un evento piloto, unha xuntanza inicial que se poderá repetir no futuro, para ir analizando como vai mudando o escenario", destaca Lago. "De feito, dende que comezou Nocomún, hai tres anos, a cousa xa cambiou moito", di. "Tres anos despois de arrancar coa nosa proposta de rede de traballo, coidamos que é un bo momento para reflexionar sobre como cambiou o panorama e que hai de bo e de malo na nosa fórmula e nos outros modelos de rede posibles", conclúen.

O foro 'Organizarse en rede' celébrase este venres en Compostela © Nocomún

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.