'Freelances': Ser 'ninja' para sobrevivir

Primeiro cartel da iniciativa © AGPI

A maioría das ilustradoras e ilustradores galego son profesionais freelance, é dicir, "unha miniempresa que, aparte de crear, ten que manexar plans de negocio, negociar proxectos e facer orzamentos, contratos e facturas", como destaca a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), que vén de lanzar unha campaña de sensibilización sobre as "malas prácticas" e abusos que sofren este tipo de traballadores e traballadoras e que inclúe unha guía con informacións e recursos prácticos para "moverse nun mercado complexo". Non é o único colectivo que se atopa nesta situación: informáticos, deseñadores, xornalistas, tradutores... e outros moitos tamén tiveron nos últimos anos que converterse en autónomos/as e pequenos/as empresarios/as, sen ter moitas veces a información e ferramentas acertadas.

A campaña da AGPI "está dirixida a todos aqueles e aquelas que día a día vemos perigar a nosa supervivencia como profesionais, unhas veces por descoñecemento outras por malas prácticas"

A campaña da AGPI "está dirixida a todos aqueles e aquelas que día a día vemos perigar a nosa supervivencia como profesionais, unhas veces por descoñecemento outras por malas prácticas". Dende este mércores e ata o 15 de xuño cada semana se publicará nesta guía online un novo artigo -acompañado dunha viñeta- conformando ao seu remate o que denominan Decálogo Ninja da Profesión. Por que ninja? Porque "os ilustradores freelance precisan adestramento e habilidades ninja", destacan na web que se vén de presentar e na que xa se poden consultar recursos útiles (manuais, informes, ligazóns, foros, modelos de contrato, modelos de factura...) e o primeiro capítulo dese decálogo, centrado nos dereitos que posúen os creadores e creadoras, acompañado dunha ilustración de Manuel Cráneo.

Destacan o "paradoxo" de que a ilustración ten "cada vez máis presenza e máis difusión en todos os ámbitos da nosa vida", pero as condicións profesionais do ilustrador "son cada vez máis precarias"

Nunha reflexión que se podería estender a outros oficios, a AGPI destaca que os e as profesionais da ilustración deben "coñecer a fondo os dereitos e deberes da súa creación artística, para protexela e para poder explotala" e deben "moverse nun mercado complexo e protexerse de prácticas abusivas". Aspectos "non tan glamourosos pero non por iso menos importantes da profesión", engaden. Destacan o "paradoxo" de que a ilustración ten "cada vez máis presenza e máis difusión en todos os ámbitos da nosa vida", pero as condicións profesionais do ilustrador "son cada vez máis precarias", o que obriga a facer algo "para dignificar a profesión". Conclúen que "un sector profesional que defende o valor do seu traballo é un sector máis forte e máis recoñecido". A AGPI quere finalmente "formular un debate sobre as problemáticas e os futuros retos do sector" e, en paralelo, no último trimestre do 2016 a asociación proxecta impartir charlas en centros de ensino galegos que ofertan formación en ilustración.

 

Primeiro cartel da iniciativa © AGPI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.