Fundación Robo celebra o seu primeiro aniversario e edita disco e DVD

Algúns dos promotores da Fundación Robo CC-BY Fundación Robo

O colectivo de músicos, entre os que destacan Karlos Osinaga (Lisabö), Roberto Herreros (Grande-Marlaska) ou Nacho Vegas, e que aposta por facer canción política "e populista" cos instrumentos do pop, comezou unha campaña de procura de fondos vía crowdfunding.

Nacho Vegas, Fasenuova, Tarántula, Guillermo Zapata, Mursego, Giorgio Bassmatti, Miguel Brieva, Jonston, Diploide, Grupo de Expertos Solynieve, Xavier Baró, Anari, Los Carradine, Tachenko, Albert Pla, Pascal Comelade, Fernando Alfaro, Paral·lel Accelerat, Cohete, Julieta Venegas, Wild Honey, Mar Álvarez, Arma X, Emiliano Gómez (El Hijo de la Cumbia), Pony Bravo, Miren Iza, Refree, Sílvia Pérez Cruz, Triángulo De Amor Bizarro, Aries, Kokoshca... Ao longo dos últimos meses máis e máis artistas e bandas foron sumando o seu apoio e as súas cancións ao proxecto da Fundación Robo, que estes días fai un ano.

Robo é un proxecto musical promovido por Roberto Herreros (Grande-Marlaska, Ladinamo), Karlos Osinaga (Lisabö, Bidehuts) e Joseba Irazoki (Atom Rhumba) co obxectivo de realizar unha creación colectiva e afondar nos temas máis pegados ao real, aos temas urxentes e á crítica política, para "poñer en común a frustración e convertela en enerxía política". "En Robo tentamos crear un espazo no que reflectir a realidade que nos rodea. Nunca pretendimos que Robo fose un grupo máis, senón unha aventura colectiva, onde implicar a músicos con inquedanzas semellantes", din.

Suman xa vinte cancións, que se poden escoitar e descargar no bandcamp de Robo. Estes e outros temas formarán parte dun disco dobre, que se acompañará dun DVD con catro videoclips e un minidocumental sobre a experiencia de Fundación Robo

Suman xa vinte cancións, que se poden escoitar e descargar no bandcamp de Robo. Estes e outros temas formarán parte dun disco dobre, que se acompañará dun DVD con catro videoclips e un minidocumental sobre a experiencia de Fundación Robo desde que, en setembro de 2011, se convertisen nunha plataforma colectiva. Necesitan ao redor de oito mil euros, dos que até agora recadaron pouco máis de mil a través do crowdfunding, ofrecendo como recompensas o propio cd-dvd, a publicación dos nomes dos apoiantes no libreto, convites para o concerto de presentación, e tamén a posibilidade de que os artistas promotores actúen nunha localización específica (sexa unha vivenda ou un centro social).

Algúns dos promotores da Fundación Robo CC-BY Fundación Robo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.