FunFunFun, a feira de autoedición, regresa para amosar a creatividade galega de base

Cartel da edición 2023 do FunFunFun CC-BY-SA

Compostela acolle este sábado a V Edición da feira da autoedición FunFunFun, que regresa despois da interrupción dos últimos anos por mor da pandemia. O evento reúne a creadores e artistas de diversas disciplinas da autoedición, con especial participación da autoedición gráfica, a banda deseñada e os fanzines. A feira celebrarase no local das Asociacións Itaca e A troita armada (Rúa do Pombal, nº18). Todas as actividades son de balde.

O evento reúne a creadores e artistas de diversas disciplinas da autoedición, con especial participación da autoedición gráfica, a banda deseñada e os fanzines

As actividades comezarán ás 12 horas. Durante todo do día e ata as 21 horas estará aberto o mercado onde distintas autoras e colectivos poderán expor e vender as súas obras. Ás 12:30 horas os responsables do proxecto editorial Pérgamo Library presentarán a súa plataforma para a autoedición e ás 13 horas comezará a picada en Sesión Vermú co DJ Esteban, que se estenderá ata as 15 horas.

Pola tarde, ás 16:30 horas comezará a primeira das charlas do día, titulada “Debate sobre o estado da Fanzinación” e moderada por Xaime Lis, na que se fará un repaso á escena dos eventos de autoedición e do mundo dos fanzines logo do parón da COVID da man de Paula Esteban, membro do equipo de organización do Autobán, o editor David Calviño (Kalvinger) e a autora e ilustadora Xulia Pisón. 

Cartel da edición 2023 do FunFunFun CC-BY-SA

Durante todo do día e ata as 21 horas estará aberto o mercado onde distintas autoras e colectivos poderán expor e vender as súas obras

Ás 18 horas picará o 3SX3SO Dj, como prólogo á presentación dos fanzines do Autobán e do FunFunFun. De seguido, Neves Rodríguez moderará a charla sobre cuestións de xénero titulada “Disidencias no Fanzine” que comezará ás 19:30 horas e contará coa participación dos colectivos “Guísomo eu!” e “A muller de 6 ollos”, así como coa artista e fanzineira Greta Debelius. 

As actividades rematarán coa celebración do xa tradicional Combate de Debuxantes que comezará ás 21 horas e no que oito loitadores e loitadoras da creatividade competirán entre si amosando o seu talento e a súa axilidade mental para debuxar unha serie de conceptos aleatorios escollidos entre as suxerencias do público. 

Patrocinio de PuntoGal

"Estas iniciativas, nas que o talento emerxente galego sae dos obradoiros de traballo e se expón, de xeito directo ao publico son un lugar no que tomar o pulso ao estado da creatividade de base nas nosas vilas e cidades"

Unha das novidades deste ano é o patrocinio de PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Sobre este patriocinio, Dario Janeiro, director xeral de PuntoGal, comentou que "estas iniciativas, nas que o talento emerxente galego sae dos obradoiros de traballo e se expón, de xeito directo ao publico son un lugar no que tomar o pulso ao estado da creatividade de base nas nosas vilas e cidades". 

Ademais, recordou que "este tipo de actividades nas que as artes constrúen comunidade e crean mercados con produtos orixinais son unha das liñas de actuación de PuntoGal neste ano, no que tamén imos dar o noso apoio ao Autobán, na Coruña e ao Vaiavaia en Lugo". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.