Chega 'Autobán', un espazo para a autoedición na Coruña

Imaxe do combate de debuxantes que se celebrará este venres Dominio Público AGPI

A AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) organiza este venres e sábado na Coruña Autobán, un minifestival de autoedición e cómic de autor que inclúe un Combate de debuxantes, un Mercado de fanzines e BD de autor, un PechaKucha de autoedición e charlas. Autobán, que conta coa colaboración de THE ROOM e o bar Old School, os espazos onde se desenvolverán as actividades do evento, pretende recoller as propostas creativas fóra do circuíto comercial, difundíndoas nun espazo propio onde ensinar, promover e vender este tipo de proxectos. A imaxe de Autobán é obra de José Domingo e o deseño de Bernal Prieto.

Os eventos comezarán o venres ás once da noite no bar Old School, onde despois dunha presentación xeral de Autobán, terá lugar o Combate de debuxantes. Trátase dunha actividade na que oito ilustradores de distinta proxección miden a súa valía competindo ante o público, que decidirá quen é o merecedor do desexado premio: o cinto de campión e a bolsa do botín. Os participantes desta edición foron seleccionados polos finalistas da anterior, Ghosttthead e Xurxo G. Penalta, e son Branda, Kike J. Díaz, Luis Yang, Perrilla, Santy Gutiérrez, Sekone, Xulia Vicente e Yago García. Tamén contará de novo con David Rubín como mestre de cerimonias, e Roque Romero como DJ.

Xa o sábado celebrarase o groso das actividades, tamén no espazo de The Room, na cidade vella. O Mercado de fanzines e BD de autor, unha Sesión vermú, o PechaKucha de autoedición, un formato de presentacións rápidas na que unha serie de relatores dispoñen de 20 imaxes, que se visualizarán durante 20 segundos, para facer unha exposición da súa obra ou proxecto. Participarán Altar Mutante, Cabeza de corte aéreo, Compota de manatí, Cruel y estúpido, Eres tonto, Nordés, La Envidia Casa Taller e Historias de Rego Torto.

En Old School tamén se presentará o proxecto Viñetas de vida de Oxfam Intermón, coa participación de David Rubín e Miguel Ángel Giner Bou. E haberá dúas mesas redondas: Outros roles de xénero no cómic (con Emma Ríos, Óscar Iglesias e Inés Casajeros) e Modelos e saídas da autoedición (con José Domingo, Berto Fojo, Los Bravú e Maria Alvarez de Compota de Manatí).

Imaxe do combate de debuxantes que se celebrará este venres Dominio Público AGPI
Charla sobre modelos e saídas da autoedición Dominio Público AGPI
Presentarase tamén o fanzine 'Compota de Manatí' Dominio Público AGPI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.