A Editorial Galaxia presentará no marco do Culturgal dúas iniciativas que buscan aproveitar as posibilidades que abren as novas tecnoloxías para a difusión dos produtos literarios. Trátase de dous proxectos innovadores e que de seguro darán moito que falar nos vindeiros meses. Segundo os responsables da editorial son “dúas propostas que deixan claro que se hai unha editorial en Galicia que aposta polas novas tecnoloxías da información é Galaxia".
Un deles é Galaxia Tales, unha páxina de contos interactivos que se poden adquirir e ler dende calquera dispositivo. Son contos en galego español e inglés, que conteñen animación, música e locución, cun prezo de 2.42 euros e dos que se pode ver previamente ao redor dun 20% do seu contido. O proxecto arranca con Unha sorpresa para Goruk de Daniel Landesa con ilustración de María Longa e Así comezaron as aventuras da Rosa dos Ventos e Xan Pericán de Joel Franz Rosell con ilustración de Luis Castro Enjamio. Galaxia Tales foi desenvolvida pola empresa galega Imaxin.
A outra proposta é Galaxia Cómic, unha aplicación de balde en galego, castelán, inglés e coreano, que permite ler novelas gráficas e en tablets e móbiles. Galaxia Cómic arranca coa versión dixital de Nómades de Xosé Tomás, dispoñiple só para iPhone e iPad por 2.69 euros. Galaxia Cómic foi desenvolvida pola empresa galega Enxenio.