Coma se dunha estrela do pop se tratase, Eduardo Galeano provocou carreiras, empurróns e mesmo deixou ducias de persoas fóra do auditorio, na presentación que ofreceu este xoves na Cidade da Cultura. E non se trataba máis que da lectura dalgúns fragmentos do seu novo libro, Los Hijos de los Días. Pero a xente que onte escoitaba en silencio e con devoción as palabras deste xornalista uruguaio de 72 anos busca no seu verbo un referente moral, de dignidade, a esperanza de que os actos teñen consecuencias.
Argumentos morais en forma de aforismos, de contos, de chistes, para que a razón pase por riba do medo: “eles non estaban equivocados, o equivocado era o medo”, dixo.
Durante hora e media Galeano leu con voz calmada e irónica algunhas pasaxes da obra, “lento, lento que até as tartarugas paraban para agardar por el”, como dixo, e repasou algúns dos temas que laceran o corazón deste uruguaio: a pobreza, a ecoloxía, o racismo, os dereitos civís, América Latina..., argumentos morais en forma de aforismos, de contos, de chistes, para que a razón pase por riba do medo: “eles non estaban equivocados, o equivocado era o medo”, dixo. Palabras para definir o que moitas veces quere ser invisibilizado. Como dixo Galeano que Bolivia é un país “ingobernable, incomprensible” para norteamericanos e europeos, “e sobre todo é un país invisible para eles, o que non é raro, pois até a chegada de Evo Morales foi un país cego de si”.
A nova obra de Galeano é un conxunto de 366 breves textos, a xeito de diario mínimo, ou como el mesmo dixo, un "almanaque" ético e estético de historias reais coas que retrata "un mundo ao revés". Galeano é moitas cousas (ensaísta, poeta, futboleiro irredento...), pero por riba de todas as cousas é xornalista, dende os tempos de Marcha e Brecha, semanario no que aínda pertence ao seu consello editorial. E este é un libro dun xornalista, do xornalismo que debería ser, do que se fai co corazón aberto e a mirada limpa. Un libro de reflexións breves, que segundo Galeano foi reescrito once veces para loitar “contra a inflación palabraria, moito máis perigosa que a inflación monetaria". "Porque os científicos din que estamos feitos de átomos, pero eu creo que estamos feitos de historias", concluíu.
"Todos os días alguén recolle da lama esa mesma bandeira de xustiza e liberdade en calquera lugar do mundo"
Eduardo Galeano, autor de Las venas abiertas de América Latina, libro de referencia de varias xeracións para denunciar a perda da soberanía dos países americanos e que mesmo chegou ás mans de Obama a través de Hugo Chávez, salientou que América Latina e outras rexións do mundo “están a demostrar unha vitalidade inesperada que vén de lonxe e ten raíces moi antigas. É a proba de que a Historia cambia, que o mundo se move”. América, os indíxenas, a débeda externa... foron algúns dos temas que Galeano puxo en escena, pero tamén os republicanos españois liberando París, a legalización do matrimonio homosexual, a historia das coruñesas Elisa e Marcela, ou o zapato perdido de Rosa Luxemburgo, "que tanto loitou para que houbese xustiza con liberdade e liberdade con xustiza". Ao igual que alguén recolleu o zapato que lle caeu cando a levaban para matala, "todos os días alguén recolle da lama esa mesma bandeira de xustiza e liberdade en calquera lugar do mundo".
"Pode parecer estraño que a natureza teña dereitos humanos, pero máis raro é que unha empresa teña dereitos humanos, como pasa en case todo o mundo: podemos concluír que se a natureza fose un banco xa tería sido rescatada"
Houbo tamén palabras para os indignados, ao fío das mobilizacións do 15M, para os banqueiros e grandes empresarios ("cando lle fixeron a autopsia a Rockefeller atoparon de todo, pero nin rastro de escrúpulos") e os rescates e intervencións. Referiuse, por exemplo, á decisión do goberno ecuatoriano de recoñecer os dereitos da natureza: "pode parecer estraño que a natureza teña dereitos humanos, pero máis raro é que unha empresa teña dereitos humanos, como pasa en case todo o mundo: podemos concluír que se a natureza fose un banco xa tería sido salvada".
E así, encadenando un e outro tema, como quen repasa un diario, Galeano foi debullando as súas teimas, as súas reclamacións. Sen alzar a voz, con palabras pequenas, pero falando ben alto. Din que uruguaios, cando están lonxe do paisito, estrañan os amplos horizontes e o ceo da súa terra. O propio Galeano escribiu sobre os horizontes e a súa procura: A utopía está no horizonte. Camiño dous pasos, ela afástase dous pasos e o horizonte corre dez pasos máis aló. Entón para que serve a utopía? Para iso, serve para camiñar.