Galicia celebra a Rosalía

Unha das catro ilustracións de Rosalía realizadas polas deseñadoras CC-BY-SA Deputación da Coruña

Este 24 de febreiro non foi festivo en Galicia. Nin sequera todos os centros educativos fixeron un alto na programación habitual para centrar a xornada na figura de Rosalía de Castro, toda vez que esta proposta foi vetada no Parlamento. Foi unha día, ademais, no que o debate sobre a saúde do galego volveu ao Parlamento e, mentres os grupos da oposición lamentaban o retroceso que os datos acreditan, o grupo que sustenta ao Goberno aseguraba percibir avances e reducía as críticas ao "catastrofismo nacionalista". Malia todo isto, este 24 de febreiro foi Día de Rosalía e a súa obra e figura foron reivindicadas en múltiples puntos do país no 179º aniversario do seu nacemento. 

O centro institucional do día estivo na Alameda de Santiago, no acto organizado ante o monumento da escritora pola Fundación Rosalía, a Consellería de Cultura e o Concello de Santiago. Na ofrenda o conselleiro Román Rodríguez definiu a Rosalía como "nai da nosa lingua e da nosa cultura" e atribuíulle un "dobre mérito, como muller e como muller comprometida coa lingua e a cultura de Galicia". Mentres que o conselleiro deu por normalizado o galego "na escola" e noutros eidos da vida pública, o alcalde compostelán, Martiño Noriega, apelou ao "exemplo" de Rosalía para subliñar que "os informes din que o 75% dos galegos menores de 15 anos non utilizan a nosa lingua", o que apunta a un futuro no que "dentro de 30 anos só o falará unha de cada catro" persoas se a tendencia non é invertida.

O centro institucional do día estivo na Alameda de Santiago, na ofrenda floral e poética ante o monumento que lembra a poeta

Un pasarrúas co grupo Os Carapaus e a lectura de poemas por parte de alumnado do instituto santiagués que leva o nome de Rosalía completaron un acto que non foi, nin de lonxe, o único do día. Bueu, Ordes, A Estrada, Ames ou O Rosal foron só algúns dos escenarios dun feixe de citas que, no caso da Deputación da Coruña, incluíu o despregamento de grandes faixas con imaxes da poeta. As ilustracións, obras de Paula Mayor, Aurora Cascudo, Dara Deer e Uqui Permui, foron publicadas pola institución en formato Creative Commons dentro da campaña 'Libera Rosalía', organidada pola área de cultura da entidade coruñesa.

Outra Deputación, a de Lugo, centra tamén a atención en Rosalía no seu día coa reedición da exposición 'Imaxinando Cantares Gallegos', que o Centro de Artesanía e Deseño da institución lucense promovera co gallo do 150 aniversario do nacemento da autora. Gravados, óleos ou acuarelas poderán ser visitadas ata o 18 de marzo na Capela de Santa María, ao carón da porta da Muralla de Bispo Odoario, e inclúe unha programación paralela con diversas actividades.

Case á mesma hora do serán na que comezaba a andar a exposición lucense, en Pontevedra o Concello, en colaboración coa AELG e a Asociación Maio Longo tiña previsto celebrar un acto literario e musical sobre Rosalía. Na Coruña, pola súa banda, a Real Academia Galega prevía pechar a xornada cun concerto de Amancio Prada para o que se esgotaron as entradas e en cuxo repertorio se inclúen as versións musicais de poemas como 'A xusticia pola man', 'Campanas de Bastabales' ou 'Como chove miudiño', nos que, en verbas do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, están presentes "as mellores musas da insigne poeta".

Canto do himno galego no acto celebrado en Compostela © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.