Galicia entra no xurado máis prestixioso da música de raíz

Óscar Losada, director de 'Raizame' en Radiofusión © Radiofusión

Galicia ten xa a súa voz entre os expertos en música de raíz. Medio cento de expertos neste estilo musical de 24 países europeos forman parte da World Music Charts Europe, asociación de recoñecido prestixio que escolle mensualmente os vinte mellor discos para esta listaxe de referencia. A última incorporación é un galego, o xornalista Óscar Losada e director de Raizame, programa especializado en música folk que cada luns emite Radiofusión.

Óscar Losada é o primeiro galego que forma parte deste prestixioso xurado da música de raíz de todo o mundo

Losada é un dos catro expertos do Estado español que forma parte deste colectivo, xurdido hai xa 23 anos en Alemaña e no que se agrupan 46 especialistas en música tradicional e cuxo requisito é que teñan algún programa nunha radio pública. Radiofusión, que agrupa a programación común de 16 radios municipais galegas, é quen lle permite a este experto con 30 anos de experiencia na música tradicional en diferentes medios.

O xornalista dirixe o programa 'Raizame' en Radiofusión, o que lle permitiu optar a formar parte do 'World Music Charts Europe'

Pero non é doado entrar neste grupo de elixidos. De feito, Óscar Losada é o primeiro galego que forma parte deste xurado de expertos nos que se mira moito o currículo e ao que accedeu tras a proposta dos outros tres españois que xa formaban parte da organización. Este xornalista con experiencia en varios medios escritos e na Radio Galega, entre outros, ve recoñecida así o seu labor na defensa e difusión da música tradicional.

Formar parte desta prestixiosa lista é clave para a promoción dos grupos de música folk

O traballo vénlle agora, xa que cada mes terá que votar os dez discos que considere máis relevantes no mundo para conformar, xunto ao resto do xurado, a lista máis importante que deste estilo musical hai no mundo. Para os grupos que son seleccionados, entrar nesta listaxe é clave para a súa promoción e futuro: saerán nos programas que dirixen os diferentes membros do xurado, poderán ser consultados polo medio millón de persoas que adoitan vela e terán moitas máis opcións de ser elixidos para os diferentes festivais de música folk do mundo.

Losada procederá agora a escoitar os discos que lles envíe a organización e a escoller os seus favoritos. E son os mesmos grupos os que os poden enviar á World Music Charts Europe para conformar unha listaxe na que destacaron xa galegos como Radio Cos, Mercedes Peón ou Uxía. Agora mesmo, lidera a listaxe Landini, de Honduras, seguido de Film of Life, de Nixeira.

Dominio Público Praza Pública
Óscar Losada, director de 'Raizame' en Radiofusión © Radiofusión

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.