A (posible) pesca galega nos Premios Goya deste ano vaise centrar en dúas categorías. En animación, na que Galicia adoitaba ser unha potencia e onde o ano pasado Birdboy e Engurras levaron senllos premios, O Apóstolo é candidata ao galardón de mellor longametraxe. Pode ser unha boa oportunidade para este innovador filme realizado en stop-motion e que tantas dificultades está atopando para a súa distribución nas salas comerciais. Non terá doado derrotar a taquilleira Las aventuras de Tadeo Jones, pero de seguro que O Apóstolo pode atopar nestes premios unha oportunidade para o seu despegue.
A (posible) pesca galega nos Premios Goya deste ano vaise centrar en dúas categorías: animación e guión adaptado
A outra categoría na que Galicia será protagonista é a de mellor guión adaptado. Nese apartado competirán Todo es silencio e Fin, dous filmes que nacen das novelas de Manuel Rivas e David Monteagudo, viveirense afincado en Catalunya. Pelexarán con Las aventuras de Tadeo Jones e con Invasor, a película coproducida por Vaca Films e a TVG que aspira a outros catro galardóns: mellores efectos especiais, mellor son, mellor montaxe e mellor actor secundario.
A Academia do Cine entregará os Goya 17 de febreiro. Blancanieves (18 nominacións), Grupo 7 (16), El artista y la modelo (14) e Lo imposible (13) son as grandes favoritas, en especial o filme en branco e negro dirixido por Pablo Berger e protagonizado por Maribel Verdú.