González rexeita a oferta de Alonso Montero para unha lista conxunta á RAG

Alonso Montero e Manuel González, no debate da TVG © TVG

Non haberá lista de integración á presidencia da Real Academia Galega (RAG). Manuel González rexeitou a oferta realizada pola candidatura de Xesús Alonso Montero, que nos últimos días intentou achegar posturas e lle propuxo a González integrar dous académicos propostos por el na súa lista, pero sempre con el como presidente e coa súa última palabra tamén sobre as persoas elixidas para ocupar os dous postos vacantes no seu equipo. 

González, logo de consultar cos académicos que o apoian, cre "inaceptable" a proposta da lista de Alonso Montero

En comunicación a Praza, Manuel González recoñece a "oferta de negociación" que o pasado luns recibiu por parte da candidatura de Alonso Montero e o seu "compromiso a estudar a proposta e sometela á consideración dos académicos" que apoian a súa candidatura. "Realizadas estas consultas, consideramos que a proposta é totalmente inaceptable", asegura o tesoureiro da RAG, que lembra que a oferta "é exactamente a mesma" que el fixera desde un principio, "pero xusto ao revés" e que xustifica en dúas razóns a súa negativa a un pacto.

"A presentación dunha única candidatura debe ir precedida dunha discusión sobre o futuro da RAG e sobre un programa de traballo entre todos os membros do plenario (ou unha gran maioría deles). Este era o sentido dunha reunión que convoquei a semana pasada, na que non quixo participar a outra candidatura", engade González, que aclara tamén que "unha vez establecido este programa", deberían ser "os propios académicos os que decidisen quen son as persoas máis indicadas para a presidencia e para a  executiva da Academia".

González apostaba por un debate conxunto do plenario para artellar unha candidatura única

A negativa da candidatura de Alonso Montero a esta negociación levou a González a rexeitar a oferta, unha postura que reiterou este mércores no debate que ambos os dous candidatos mantiveron na TVG. "A resposta é totalmente negativa. Non se trata de compoñendas entre persoas porque eu fixen unha convocatoria para unha reunión privada onde discutiramos as ideas básicas do futuro da RAG e decidiramos cales son as persoas ideais entre todos os académicos. Foi mal interpretado e considerouse un acto electoral", argumenta. "Ese convite chegou tarde e debeuse facer antes de que Manuel González anunciase a súa candidatura", retrucou Alonso Montero.

Xa que logo, González asegura a Praza que "a situación neste momento é exactamente a mesma que existía antes de recibir a proposta totalmente inaceptable dos membros da outra candidatura". Ademais, advirte de que, aínda que recoñece que perdeu apoios con respecto ao día no que anunciou a súa candidatura, "iso non quere dicir que considere que teño un apoio minoritario". "Os apoios cos que conta cada candidato veranse na votación do plenario o sábado día 20", remata.

Debate centrado no legado de Ferrín

En canto ao debate, Alonso Montero e Manuel González centraron boa parte da conversa no legado da executiva do dimitido Méndez Ferrín. Mentres que o catedrático vigués insiste que o ex presidente "non debera dimitir", o aínda tesoureiro da RAG cre que "era imposible que ficase" na Academia. "Chegou un momento no que a súa situación era moi incómoda", asegurou González, mentres Montero negou que houbese "conspiración nin confabulación ningunha" contra el.

"Estou a anos luz dos que pensan que houbo unha conspiración contra el e moito menos que foi argallada por académicos de dereita con xornais da ultradereita. Só dimitiu el e só el se sentía acosado? Por que non dimitiron o resto de membros da executiva?", preguntouse Alonso Montero, mentres González asegurou "non crer nas casualidades".

Alonso Montero nega que houbese conspiración ningunha dentro da RAG contra Méndez Ferrín

"Os feitos son que a partir dun determinado momento empezan a saír nos medios unha serie de acusacións que poñían en cuestión a crecibilidade da RAG ante a sociedade", dixo o tesoureiro, que negou casos de nepotismo, aínda que si aceptou que a Academia "debe camiñar cara á transparencia total". "Se cadra a institución non soubo adaptar os seus usos e costumes ao seu crecemento espectacular nos últimos anos".

González acusou a Alonso Montero de "estar tres anos fóra da Academia"

Ademais, Alonso Montero negou que o uso dun coche por parte da RAG cedido pola Xunta signifique "un aforro". "Eu desprazareime de Vigo á Coruña en taxi ou en tren", dixo, ao tempo que González lle advertiu que o uso do automóbil "non é só para esas viaxes", senón para moitos máis desprazamentos oficiais "que non se poden facer en tren". "Nunca souben se o coche era da RAG ou do presidente", chegou a dicir Alonso Montero, que aclarou que el nunca viaxou da súa cidade á sede da Academia no vehículo. Como te ías enterar? Hai que participar e non se pode estar tres anos fóra da RAG", retrucou González.

"Saíu en moitos periódicos que había irregularidades na contratación de persoal. Varios membros do equipo de Ferrín tiñan familiares na RAG e iso, denúncieo un xornal de dereitas ou de esquerdas, créalle unha certa conmoción, por iso houbo un plenario para falar desas cousas. A miña candidatura ten xente que naquel plenario fixo observacións críticas, pero non somos a candidatura crítica", engadiu Montero.

No entanto, os dous candidatos coincidiron no seu diagnóstico sobre a situación da lingua galega, que cualificaron de "dramática". Ademais, e malia as declaracións de Ferrín no Faro de Vigo, nas que asegura que a candidatura de Alonso Montero "planea retirar o recurso contra o decreto no Supremo", Alonso Montero negouno e insistiu en que se chegará ás ultimas instancias. "É a primeira noticia que teño, os membros da miña candidatura non estamos de acordo con esa formulación", asegurou, mentres que González advertiu que "si hai membros" da candidatura rival que non apostan por manter o recurso.

Alonso Montero e Manuel González, no debate da TVG © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.