Granell tamén era músico

Capa de 'Miniaturas musicais de Eugenio Granell. Música revelada' © A Central Folque

Eugenio Granell tamén era músico. O xenial creador surrealista traballou en case todos os campos da arte e o da música, a pesar de ser unha das súas facetas menos coñecidas, destaca pola súa calidade. Granell foi primeiro violín na Sinfónica de Santo Domingo e tamén se dedicou á critica musical. Deses anos de traballo deixou un feixe de partituras que veñen de ser adaptadas por un proxecto musical creado ao abeiro da Central Folque. Ramóm Pinheiro dirixiu durante anos este traballo, no que o piano de Alejandro Vargas leva o peso musical. José Manuel Díaz (contrabaixo), LAR Legido (percusión), Mónica de Nut (voz), Germán Díaz (zanfona), Edelmiro Fernández (gaita) e María Xosé Pampano (viola) completan a formación.

O resultado é un libro-disco titulado Miniaturas musicais de Eugenio Granell. Música revelada, no que as notas escritas por Granell toman un camiño de free-jazz. O volume inclúe un CD e dous libros, un coa transcrición das partituras e outro cun estudo crítico da dimensión musical de Granell.O libro presentarase este mércores pola tarde na Fundación Granell en Santiago de Compostela a partir das 19.30 horas, xusto no día do centenario do seu nacemento. E tamén no Culturgal, o sábado onde de 17 a 18 horas, onde os responsables do proxecto estarán asinando exemplares no stand de Inquedanzas, a distribuidora. 

Pola súa banda, o disco presentarase o domingo ás 19 horas na Cidade da Cultura, onde os músicos interpretarán as obras que adaptaron.

Capa de 'Miniaturas musicais de Eugenio Granell. Música revelada' © A Central Folque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.