"Grecia é unha premonición"

Concerto de DasKapital na sala Mondo de Vigo Dominio Público DasKapital

DasKapital prepara a saída do seu novo álbum, Grecia, un título en absoluto casual. Será a continuación de Ruido Negro, unha das alfaias da música galega nos últimos anos para a crítica. Para a súa publicación, iniciaron hai unhas semanas unha campaña de crowdfunding co obxectivo de reunir 1.600 euros que paguen a gravación e edición do disco. Mentres, esta banda de orixes heteroxéneas e resultado denso e punzante, segue embarcada na posta en marcha doutros proxectos, coma a plataforma de edición Discos da Máquina. Como afirman na presentación da campaña, "Das Kapital repite o seu chamado a decidir entre socialismo e barbarie, entre o ruído negro e a violencia estrutural, entre a aventura e isto. Retirados aos cuarteis de inverno, diagraman a estratexia para unha nova incursión en forma de disco".

Se alguén está interesado en contribuír ao novo disco da banda, debe escribir un correo electrónico ao enderezo daskapital48@gmail.com, indicando no asunto Grecia. Como en toda campaña de crowdfunding ofrécense compensacións para as achegas económicas. Dende o propio cedé coa posibilidade de que o nome do contribuínte apareza no traballo como colaborador por unha achega de 12 euros até recompensas máis gorentosas. Un disco en vinilo de Ruído Negro e un cedé de Grecia por 25 euros ou por 30 euros todo isto máis dous temas extra exclusivos –inédito e rareza- en formato mp3 e un deuvedé cos videoclips da banda 15 días antes da saída oficial de Grecia.

"Esta iniciativa para sufragar a edición de Grecia permitiunos comprobar que si, que hai alguén do outro lado e que, ademais, están dispostos a se comprometer co proxecto de Das Kapital"

Como vai a campaña de crowfunding?

Pois a verdade é que está funcionando ben. A resposta e a xenerosidade da xente está sendo emocionante. Nunca sabes se hai alguén do outro lado, e esta iniciativa para sufragar a edición de Grecia –así se vai titular o disco- permitiunos comprobar que si, que hai alguén do outro lado e que, ademais, están dispostos a se comprometer co proxecto de Das Kapital. A primeiros do mes que vén entraremos no estudio e agardamos que o traballo estea na rúa a comezos de marzo.

Como vai ser Grecia -disco-?

Non melódico. Violento. Anti pop. Sonoramente rigoroso. Revoltado. Como dixo un bo amigo, espartaquista.

Que aprendestes en Ruído Negro?

Que non estamos sos.

"Talvez nós poidamos ler o futuro inmediato na loita de clases que se desenvolve, arestora, en Grecia"

Que temos que aprender de Grecia -país-?

Grecia é unha premonición. Ao poeta turco Nazim Hikmet gustáballe ler o futuro nos pousos do café. Talvez nós poidamos ler o futuro inmediato na loita de clases que se desenvolve, arestora, en Grecia.

Derrubaremos o capitalismo a base de bourar?

Derrubaremos o capitalismo? En calquera caso, é o capitalismo o que nos está a derrubar a nós. Defendámonos.

"É o capitalismo o que nos está a derrubar a nós. Defendámonos"

Que estades escoitando ultimamente?

José Afonso, Cut Hands, Golpes Bajos, Swans, Neurosis, Los Contentos, a triloxía última de Scott Walker (Tilt, The Drift, Bish Bosch), Pogues, Ataque Escampe, a etapa de Coltrane posterior a Ascension, Gonjasufi, Militia, Silent Servant, Third Eye Foundation, Ben Frost, discos en directo dos Doors, Atahualpa Yupanqui, God, Telephone Rouges...

Que vos gusta da música galega?

Bertolt Brecht, Rosa Luxemburgo e Pier Paolo Pasolini.

A que canción lles tedes especiais ganas para facer unha versión?

Senhora do Almortao, unha canción popular da Beira-Baixa portuguesa que gravou José Afonso.

En que lugar vos faría especial gracia facer un concerto sorpresa?

No Bundesbank.

Concerto de DasKapital na sala Mondo de Vigo Dominio Público DasKapital

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.