Guía para non perder nada no Primavera Sound do Porto

The Flaming Lips estarán o venres no festival © Dani Canto

Este xoves comeza o Optimus Primavera Sound, a extensión portuguesa do festival barcelonés. Até o domingo milleiros de galegos cruzarán o Miño para ver a Beach House, Suede, Wilco, M83, The Rapture, The Drums, The XX, Yo La Tengo, Spiritualized, Flaming Lips ou Saint Etienne. O festival espera reunir 25 mil persoas en cada un dos seus catro días, e sete de cada dez serán de fóra de Portugal, e deles, un número moi importante chegarán dende Galicia.

A meirande parte dos concertos terán lugar no enorme (83 hectáreas) Parque da Cidade, situado en Matosinhos, a carón do mar, aínda que tamén haberá actuacións, con aforo reducido, na Casa da Música. Para chegar ao Parque, hai que procurar as indicacións que leven a Matosinhos e unha vez alí, tomar a Avenida da Liberdade e a Avenida Dom Afonso Henriques. As persoas que durman no centro do Porto (por certo, hai xa un par de semanas que a prensa portuguesa alertaba de que as prazas hoteleiras estaban case completas para as tres noites dos festival) poden desprazarse no metro (a parada de Matosinhos Sul está a dez minutos do recinto dos concertos) ou en autobús (liñas 205, 500 e 502); a organización, ademais, habilitou autocarros que farán o transporte entre o Parque e a Avenida dos Aliados durante a madrugada.

E o máis importante: a música. Moitos galegos e galegas escolleron este ano acudir ao Primavera Sound do Porto no canto do de Barcelona por proximidade e comodidade e tamén polos seus prezos máis reducidos. Porén, tamén é certo que o cartaz é igualmente algo máis modesto, e se cadra botaranse de menos as actuacións de The Cure, Girls, Beirut, Grimes, Refused, Franz Ferndinand, Japandroids, Real Estate ou Dominique A (aínda que tamén hai bandas que si estarán en Portugal e non estiveron en Catalunya, como Suede). Tamén se botará de menos a Björk, que cancelou as súas actuacións. Aínda así, a calidade da programación marea, e como en calquera festival, será necesario escoller, facer descartes e decidir o que se quere ver.

 

Xoves

Este xoves os concertos comezarán ás cinco da tarde, será o día máis relaxado, ao non haber coincidencia de horarios entre os concertos. Ás 18.00 chegará a quenda de Bigott, un dos poucos artistas do Estado que actuarán no Optimus, e que recentemente pasou por Galicia; unha boa forma de quentar motores. Ás 19.00 estarán Atlas Sound, a banda b de Bradford Cox, líder de Deerhunter e igualmente bendecido pola crítica. Seguirá Yann Tiersen ás 20.15 e The Drums ás 21.30, unha das revelacións do pasado ano. Xa pola noite, Suede lembrarán que foi do britpop (22.45), Mercury Rev tentarán facer esquecer a ausencia de Explosions in the sky (0.30) e, como final de festa, The Rapture demostrarán que son unha das bandas máis en forma do momento (2.00).

 

Venres

O venres haberá que empezar a escoller, con dúas ou tres bandas tocando ao tempo nos distintos escenarios do recinto do Parque da Cidade. Ás cinco da tarde unha boa elección sería ver os portugueses Linda Martini, que recbiron moi boas críticas en Barcelona a pasada semana. Ás 19.00 é o turno de Yo La Tengo, unha aposta segura que se solapará con The War on Drugs e Tennis, ambos os dous ás 19.30. Ás 20.15 comezará o concerto de Rufus Wainwright, que actúa este mércores na Coruña e que deixou algo frío o público en Barcelona. Poderíase continuar ás 20.45 con Chairlift e ás 21.30 con Flaming Lips, para escoller ás 22.00 entre a intensidade dos Black Lips e o ritmo máis pausado de Codeine. Ás 23.15 comezarán Wilco, unha das estrelas do festival, que coincidirá en horarios con Neon Indian e Shellac (23.30). Á unha da madrugada tamén competirán Beach House e The Walkmen, ambos os dous con brillantes álbums recentemente editados. E a noite (con permiso dos dj's) rematará con M83 (2.15), uns dos triunfadores da edición barcelonesa do festival, e The Oh Sees (2.30).

 

Sábado

O sábado ás 17.00 estarán os barcelones Mujeres e unha hora máis tarde os case-galegos The Right Ons. Os pratos fortes do día comezarán ás 18.15 con Veronica Falls e Siskiyou competindo pola atención do público. Aínda co sol ben alto Spiritualized presentarán o seu novo álbum ás 19.00 e media hora máis tarde comezará Baxter Dury. Ás 20.15 Death Cab for Cutie tentarán mellorar a impresión deixada en Barcelona, e ás 21.35 The Afghan Wings demostrarán que aínda están en forma. Kings of Convenience estarán ás 23.00, solapados con Dirty Three e Wavves (23.30). A noite xirará ao redor das bases electrónicas de Saint Etienne (0.35), Washed Out (1.00) e The XX (1.50), sen nada novo en case tres anos, pero cun directo impecable.

Cartaz promocional do festival © Primavera Sound
O Parque da Cidade © Primavera Sound

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.