O MARCO, en Vigo, acolle ata o 14 de febreiro a exposición Os teus ollos din o que a túa boca cala, de Celeste Garrido, na que poden verse pezas das súas series Nupcial e Infancias Rotas
O matrimonio como estrutura de opresión. O vestido como símbolo do permanente xulgamento ao que o corpo das mulleres é sometido. As continuidades nas diferentes desigualdades que continúan a ser parte da nosa realidade. As consecuencias da violencia sexual na infancia. Son algúns dos temas que alicerzan Os teus ollos din o que a túa boca cala, a exposición de Celeste Garrido (Marín, 1972) que pode verse no MARCO de Vigo ata o vindeiro 14 de febreiro. Falamos coa artista.
A exposición está pensada para o Marco. Como xorde?
Miguel Fernández Cid convidárame hai anos a participar nunha exposición que se fixera con motivo do Xacobeo’99. Participei coa peza do vestido de noiva que ten debaixo un círculo de xelatina vermella. Desde entón Miguel seguiu a miña traxectoria e hai un tempo pediume os debuxos de Nupcial, a serie na que encadra esta peza, e propúxome facer esta exposición. Todos os meus debuxos, os meus bosquexos, están pensados para levar ao formato escultórico, pero iso moitas veces non é posible debido aos custes. Entón o que fixemos foi expoñer os debuxos, de xeito que unhas pezas poden verse plasmadas en 3D e outras só en debuxo. Ademais, engadimos pezas doutro proxecto meu, Infancias rotas.
Falas do corpo da muller a través do vestido. Por que?
A miña nai era modista. Cando eu era pequena observaba aqueles vestidos baleiros que estaban agardando a que viñesen buscalos. Eu imaxinábame dentro deles. Víaos alí pendurados, no alto, como vestidos imperiais, como nas esculturas gregas. E pensaba en habitalos. Eu traballo co corpo pero sen o corpo porque a idea é que cadaquén poida habitar mentalmente as pezas, meterse dentro deses vestidos. O vestido é ademais a indumentaria por antonomasia da muller.
Nupcial contén unha reflexión sobre o matrimonio como estrutura de opresión. De que maneira?
Eu lembro as conversas que escoitaba na casa, coas clientas da miña nai. Eu nacín no ano 72. Daquela as decisións das mulleres estaban moi condicionadas polos seus maridos. Se o marido non te acompañaba onde querías ir, se por exemplo querías ir a un concerto, tiñas que quedar na casa facendo a cea. Moitas mulleres casaban para fuxir de fogares autoritarios, pensando que ían ter a súa casa, a súa familia, a súa liberdade para decidir sobre a súa vida no seu espazo, pero o que pasaba na realidade é que o marido podía ser tan autoritario ou máis ca o pai.
Unha das pezas principais da exposición é un vestido de noiva cunhas longas mangas de plumas. Tan longas que non permitirían voar. Por que?
“Por moito que che dean alas, ou plumas, se son de outros, non vas poder voar”
Por moito que che dean alas, ou plumas, se son de outros, non vas poder voar. A liberdade ten que ver cunha actitude mental. Se cres que podes voar, quizais poidas romper eses condicionamentos impostos.
Iso ten que ver coa dependencia emocional, que é outra das ideas reflectidas na exposición. De que xeito?
Está dalgunha maneira en case todas as pezas. Hai tres pezas escultóricas grandes e brancas que representan tres mulleres. Se fose posible tocalas para movelas, voltarían sempre ao seu sitio, o seu eixo. Porque as mulleres estamos limitadas por uns condicionamentos que nos dificultan avanzar. E avanzamos, pero sempre condicionadas pola mirada do outro. Unha familiar miña tiña un bebé de dous meses e o seu home marchou traballar a Arxentina durante dous anos. Ela non podería ter feito o mesmo. E agora o que dirán segue a ser un condicionante enorme.
Usas materiais como pétalos, mel, xelatina… Por que?
Materiais orgánicos que me permiten reflectir o paso do tempo. As persoas sufrimos transformacións físicas e mentais co paso do tempo. Corpo e transformación van unidos. Por iso as uvas, a xelatina, como materiais orgánicos nos que vai deixando pegada o paso do tempo. Iso dunha banda. Da outra banda, uso materiais relacionados coa cociña como espazo tradicionalmente asignado ás mulleres. Tal como di o refrán: a muller e a sartén na cociña van ben. A muller atada á cociña. Por iso o sal, o mel…
Nada máis comezar a exposición vemos unhas pequenas figuras de cerámica en branco e negro. Que representan?
“A muller fai os traballos máis duros, como mariscadora ou coidadora de maiores, e ademais pídeselle que estea sempre perfecta, con bo aspecto”
O Prestige afundiu no mesmo ano no que abriu o MARCO. Eu daba clases de pintura e tiña unhas alumnas que me viñan sempre moi preparadas, moi postas. Eu non sabía a que se dedicaban. O día do Prestige estaban falando preocupadas e foi entón cando souben que eran mariscadoras. Fixen esas figuras de cerámica imaxinándoas traballando, coas botas ata a cintura. Por arriba elegantes, ben vestidas, que é como se supón que as mulleres deben ir, e por debaixo con chapapote ata a cintura. Porque a muller fai os traballos máis duros, como mariscadora ou coidadora de maiores, e ademais pídeselle que estea sempre perfecta, con bo aspecto, e que sexa toda dozura.
Moitas pezas teñen forma de embudo ao revés. Unha metáfora do teito de cristal?
Non o pensara, a verdade. Si hai pezas que son circulares abaixo. Si pensei na saia aberta e nos brazos longos porque as mulleres teñen que estar dispoñibles para abrazar, para consolar, para apoiar, aínda que non teñan enerxía nin para elas mesmas. Por iso imaxino uns brazos moi longos, ata o chan.
Outra das pezas principais da exposición é o zapato vermello, de pétalos, de tacón con espiñas. Parece claro…
“Unha muller é permanentemente xulgada e comparada. E iso é algo presente xa desde a adolescencia”
Representa, en primeiro lugar, o sufrimento para estar “monas”. E tamén a maneira na que a muller é xulgada polo seu aspecto. As revistas comentan como van vestidas as reinas ou as ministras, pero non como van vestidos os ministros. Unha muller é permanentemente xulgada e comparada. E iso é algo presente xa desde a adolescencia. As rapazas están moi condicionadas polo canon físico: estar delgadas, guapas…
Hai na exposición un par de carteis relacionados con iso…
Son da revista Hola! e decidín incluílos para axudar a contextualizar a exposión. Sobre todo para a xente nova, que se cadra non comprende por exemplo a idea do matrimonio como gaiola. É un xeito de poñer a exposición no contexto das últimas décadas do século pasado, de cando eu escoitaba aquelas conversas da miña nai coas clientas. Nun dos carteis o texto convida os homes a saír coa muller da casa e decatarse de que ela tamén é un ser intelixente co que compartir cousas. Convida a tratala como unha igual, que non era o habitual entón. Cando as familias saían pasear, era habitual ver os homes escoitando o partido na radio mentres a muller se ocupaba dos fillos. Había e hai moita desigualdade, moita dependencia, e ademais as mulleres son constantemente xulgadas.
Olvido é unha peza feita con carmín, con bastante precisión. Podes explicala?
Tardei tres tardes enteiras en facela. Debuxei o contorna e despois enchín cos meus beizos con carmín, medindo ben para que quedase ben feito. Esta peza xurdiu do meu divorcio. Eu sentía incertidume e odio. Fun a unha psicóloga que me dixo que mentres eu estaba ocupada co meu odio el estaría por aí de cañas, e que se cadra eu debía facer o mesmo. Pasar páxina.
Porque cada situación de crise é tamén unha oportunidade. En Olvido bico a parede para conseguir ese esquecemento, para aparcar esa parte do meu pasado e mirar a parte positiva, non só a negativa. Porque todo é unha aprendizaxe e de todo podemos tirar algo positivo para mirar para adiante, con esperanza, para comezar unha nova etapa, porque se abren novas oportunidades.
Na segunda sala na que está distribuída a exposición está a peza do vestido de noiva co círculo de xelatina. Que representa?
Antes de nada, algo que me preguntan ás veces é porque os meus vestidos de noiva responden a tallaxes tan canónicos. As medidas son os do canon grego, porque das mulleres cando casan tamén se agarda que estean fisicamente perfectas, delgadas… Por iso os vestidos son dunha talla 36 ou 38, na que só pode caber unha muller nova e delgada. Cando á peza que dis, o branco representa a pureza e a inocencia.
E o vermello da xelatina de fresa é o sensual, o atractivo, pero que co paso do tempo se transforma, tornándose primeiro branco e despois verde. Nunha parella hai, co paso do tempo, unha transformación física e mental. Se isto non se acepta e se pretende que sexa todo como cando casaron, non vai ir moi ben. Todo son etapas e non hai unha mellor ca outra. O verde, se se observa, tamén é fermoso. A cor vermella remite tamén ao sangue a súa importancia na vida da muller: o nacemento, a menstruación, o parto, o aborto, a menopausa, a enfermidade…
Na mesma sala están as dúas pezas de Infancias Rotas. Unha é un berce pendurado moi alto, cuberto por un veo de noiva, que fai referencia ao matrimonio concertado. Outra é un vestido de nena axexado desde abaixo por uns ollos…
“A violencia sexual que sofre a infancia é algo co que convivimos e que parece que non queremos ver”
Lin un libro de María Martínez, Infancias rotas, que me impresionou moito, e tomei o título para este proxecto meu. A violencia sexual que sofre a infancia é algo co que convivimos e que parece que non queremos ver. Ao lado da nosa casa pasan cousas terribles, coma abusos a nenas de meses.
A segunda peza que citas é un vestido de comuñón que se ergue enriba dunha flor de loto chea de ollos. Algúns destes ollos soben como tentáculos por dentro do vestido. Aos nenos abusados están a roubarlles a infancia, a inocencia, o seu dereito a ser felices. Despois de sufrir eses abusos non poden confiar en ninguén e séntense sucios e estraños. A infancia non será para eles aquel recordo reconfortante ao que volver. A outra peza é un berce que ten forma de ventre materno. Porque moitas nenas están xa abocadas, por seren nenas, e casar con quen lles ordenan, e iso é algo que outras persoas deciden mesmo estando elas aínda no ventre. Están condenadas a ser obxectos de intercambio nun mercado. E esa é outra forma de violencia sexual.