Heredeiros da Crus comezan a gravación do seu novo disco

Heredeiros da Crus, nun dos ensaios para o concerto de Ordes © Praza Pública

O novo disco de Heredeiros da Crus comezará a gravarse esta semana, nos estudos Bruar (A Coruña), onde se gravarán as bases. O resto da gravación realizarase nalgún lugar do Barbanza aínda por concretar. O noveno álbum da formación -o oitavo traballo de estudo-  publicarase antes do verán e estará producido por Juan de Dios Martín, que ten traballado con Amaral, Xoel López, Enrique Bunbury ou Barón Rojo. Había nove anos que os Heredeiros non publicaban un disco de estudo -Chicarrón, 2004-, polo que a expectación polos novos temas da banda de Ribeira é máxima.

A banda destaca que “tanto a música como as letras do disco serán 100% Heredeiros. É dicir, roqueiro, divertido, descarado e, por suposto, galego”. Os de Ribeira poden presumir de contar cunha das maiores e máis fieis lexións de fans de Galicia, polo que o seu novo disco está xerando unha forte expectación nas redes sociais, onde desde hai uns días circulaban os rumores sobre os detalles do proxecto, e onde os propios Heredeiros darán conta de todas as novidades sobre o proxecto.

Despois de oito anos separados, en 2012 os catro Heredeiros da Crus -Fran Velo ao baixo, Tonhito de Poi á guitarra, Javi Maneiro á voz e Tuchiño á guitarra solista)- volveron aos escenarios en Ordes acompañados de Manu Rey á batería e unha banda con metais, coros e teclado en directo.

Heredeiros da Crus, nun dos ensaios para o concerto de Ordes © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.